E non é que non me gusten os cogomelos (máis ben todo o contrario), senón que na miña casa sempre se tivo unha certa micofobia, co cal nunca entraba un cogomelo silvestre, e o que entraba, ou ben volvía saír viviño e coleando, ou ben ía directamente ao cubo do lixo. Os únicos cogomelos que se consumían eran os champiñóns de bote, e tampouco eran demasiados os pratos nos que a miña nai os usaba, a verdade...
Pero volvendo ao tema que nos ocupa, a xornada comezou ás 10 da mañá no local da sala micolóxica Plan C, onde Alejandro Mínguez, propietario e apaixonado dos cogomelos, nos esperaba. Unha vez todos reunidos, Alejandro introduciunos, a través dunha pequena e amena charla, unhas pequenas nocións sobre as diferentes variedades de cogomelos que nos podemos atopar en Galicia, así como das suas principais características.
Unha vez remtada a charla, puxémonos en marcha para dirixirnos aos montes próximos, ataviados con navalla, cesta de vimbia e roupa de abrigo, posto que a mañá estaba realmente fría. Conchi Zúñiga, membro do colectivo Tapas&Blogs Galicia, e responsable do blog Cocinando Setas, e Ricardo Mínguez, como experto micólogo e home que dedicou boa parte da súa vida aos cogomelos, acompañounos na nosa andaina, aclarando todas as dúbidas que nos ían xurdindo á hora de colleitar os exemplares que iamos atopando.
A xeada caída a noite anterior non fixo posible unha recolección demasiado copiosa en canto a número de exemplares nin a variedade, pero puidemos coller suficiente cantidade de cogomelos como para facer unha análise dalgunhas das variedades, tanto comestibles como non comestibles.
Amanita muscaria |
Amanita pantherina |
A seguinte parada estaba nos invernadoiros que a familia Mínguez posúe preto de Celanova.
Baixo o nome comercial de Pan do Demo, dedícanse ao cultivo de pleurotos (Pleurotus ostreatus) que son os cogomelos que podemos atopar facilmente envasados en bandexas e champiñóns (Agaricus bisporus). Debido ao carácter artesanal desta empresa, e á dificultade de competir con empresas moito maiores, só se poden atopar os cogomelos de Pan do Demo en Celanova e arredores.
Pleurotos (Pleurotus ostreatus) |
Xa de volta na tapería, puidemos clasificar os cogomelos recollidos...
...e pasar á comida, na que destacaba o uso, como non, de cogomelos en practicamente todos os pratos. O menú foi o seguinte:
Sopa de Craterellus tubaeformis (anteriormente Cantharellus tubaeformis)
Fabas con pleurotos (Pleurotus ostreatus)
Crema de Boletus edulis, a cargo de Conchi Zúñiga.
Empanada de cogomelos
E por último unha Galeguesa...A galeguesa é unha hamburguesa galega (como o seu nome indica),producida por Roberto Álvarez, da Facenda O Agro, en Santiago de Amoroce (Celanova). Está feita con carne picada de tenreira de raza salers, que é unha raza autóctona de Francia, pero que se adapta practicamente a calquera zona do mundo onde se queira criar, posto que non require tanto coidado por parte do gandeiro como as outras razas.
...acompañada dunha ensalada con Craterellus tubaeformis en conserva.
Unha xornada moi enriquecedora debido tanto aos coñecementos micolóxicos adquiridos, como porque sempre resulta agradable compartir mesa e mantel con xente tan marabillosa como esta do colectivo Tapas&Blogs Galicia:
- Conchi Zúñiga, de Cocinando Setas
- Rubén Amorín, de Ni mata ni engorda
- José Luís Oliveira, de As pequenas viaxes (e algo de gastronomía)
- Carmen Albo, de Guisándome la Vida
- Mercedes Blanco e David, de Aprendiz de Chef
- Laura Eiriz, de La Cocina de Mezquita
- Marta Valcarce, de Travi en la Cocina
- Teresa Vázquez, de El Mundo de Miss Slower
- Sandra Novo, de Galletas para Matilde
- Jose López Silvarredonda, de Cociña&Kuchnia
Ningún comentario:
Publicar un comentario