Amosando publicacións coa etiqueta cake. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cake. Amosar todas as publicacións

luns, 13 de xullo de 2015

Bundt cake de quefir

Os Bundt cake (/bʌnt/) son uns biscoitos en forma de anel, que reciben ese nome por estar cociñados nun molde chamado Bundt pan. Estes moldes fixéronse moi populares en Estados Unidos cando a marca Nordic Ware patentounos a mediados do século pasado.

Existen infinidade de receitas diferentes para facer neste molde, só fai falta dar unha volta por Internet para atopar blogs dedicados case en exclusiva a este biscoito, como o caso de I Love Bundt Cakes, onde hai unha chea de receitas diferentes de Bundt Cake, Angel Food Cake, etc.

A miña contribución ao mundo Bundt cake é este que traio hoxe: Bundt cake de quefir.

O uso de quefir como ingrediente na masa de biscoito non é nada novo. Xa puxen algunha receita máis no blog con este ingrediente (Cake de laranxa e quefir), e pola rede tamén hai multitude de receitas con quefir. Eu adoito tomar quefir a diario e é un ingrediente que me parece moi interesante para ser usado en repostaría.

Bundt cake de quefir

INGREDIENTES:
- 200 g de manteiga
- 500 g de azucre
- 6 ovos grandes
- 375 g de fariña
- 1/2 culleradiña de fermento sen aluminio
- 1/4 de culleradiña de bicarbonato
- 1/2 culleradiña de sal
- 1 culleradiña de extracto de vainilla
- 230 g de quefir
- Azucre glas para botar por riba

PREPARACIÓN:
1- Nun bol mestúranse a fariña, o fermento, o bicarbonato e o sal.

2- Noutro bol, amplo, bótase a manteiga en pomada xunto co azucre. Bátese ben con varillas ata que resulte unha mestura lixeira. Vanse botando os ovos, un a un, sen deixar de bater. Non se botará outro ovo ata que o anterior estea totalmente integrado na masa. Engádese a vainilla e mestúrase un pouquiño máis.

3- Bótase a mestura de fariña no bol da manteiga e bátese con coidado até conseguir unha mestura homoxénea.

4- Por último, engádese o quefir e vólvese a mesturar todo.

5- Vértese a masa nun molde de Bundt cake previamente engraxado e enfariñado, e métese no forno quente a 170ºC durante unha hora aproximadamente ou ata que se vexa que está feito.

6- Unha vez fóra do forno, espérase a que arrefríe uns 10 minutos e desmoldéase do revés para que quede coa forma bonita cara arriba, e con coidado de non rompelo.

7- Unha vez estea completamente frío, bótaselle azucre glas por riba.

PUNTUALIZACIÓNS.
- Aínda que con estas cantidades sae un biscoito bastante grande, non hai problema de que se seque porque o quefir axuda a que se conserve fresco durante máis tempo. Iso si, é conveniente tapalo de todos os xeitos, sobre todo no verán, para que aguante máis.

- O quefir que eu uso é o que eu fago na casa, pero vale calquera quefir comprado. Nunca fixen a receita con iogur, aínda que supoño que, sen ser o mesmo resultado, tampouco quedará mal.

- Se tamén usades quefir caseiro, esta receita vai xenial para aproveitar o quefir que se aceda demasiado e que, por este motivo, faise difícil de beber.

Un biscoito ideal para o almorzo, para a sobremesa, para acompañar dun bo café, ou simplemente para comer só.

mércores, 25 de xuño de 2014

Cake de laranxa e quefir

Hai pouco regaláronme o libro de cociña Cake, de Rachel Allen (Collins, 2012), e botando un ollo ás súas moitas receitas interesantes, atopei esta que me chamou bastante a atención: Orange sour-cream cake.

Trátase dun sinxelo biscoito de laranxa con cobertura de marmelada de laranxa, a cal evita que se seque rapidamente e fai que o sabor a laranxa sexa máis intenso.

A receita orixinal leva sour cream (nata agre), pero ante a imposibilidade de conseguila por aquí, decidín substituíla por quefir, que tamén ten un toque "sour", sobre todo se é caseiro, como no meu caso. Os biscoitos elaborados con sour cream son especialmente húmidos e teñen un lixeiro toque que lembra ao seu sabor. Neste caso, o quefir cumpre perfectamente esta función e tamén deixa o seu selo neste biscoito.

Non me vou a parar a falar do quefir, de todas as virtudes deste marabilloso leite fermentado, e de todos os beneficios que ten a súa inxesta habitual. Faría falla unha entrada enteira só dedicada a falar do quefir. Para o que aínda non o coñeza, hai infinidade de páxinas na rede dedicadas a este alimento.

Fai uns poucos anos, a única forma de tomar quefir era ter a enorme sorte de posuír un fungo de quefir (conseguido case sempre a través dalgún coñecido) e facer o leite quefirado na casa. Hoxe en día atópase en case calquera supermercado, na sección de refrixerados lácteos. Mesmo ás veces podémonos atopar con diferentes marcas e tipos de leite (vaca, ovella, cabra) coa que se fai.

Eu hai xa moitos anos que conseguín o meu e hai moitos anos que gozo dos beneficios da miña ración diaria de quefir. Eu sempre uso leite de vaca para facelo, e ese é o quefir que uso nesta receita.

Cake de laranxa e quefir

INGREDIENTES:
Para o cake:
- 200 g de manteiga en pomada
- 200 g de azucre
- 2 ovos grades, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- A reladura fina da pel dunha laranxa, non tratada químicamente
- 200 g de quefir
- 300 g de fariña de repostaría
- Un sobre de fermento sen aluminio (9 g)
- Un chisco de sal

Para o glaseado:
- O zume dunha laranxa
- 100 g de marmelada de laranxa

PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Nun bol bótase a manteiga e o azucre e bátese ata que teña unha consistencia lixeira e o azucre se disolva.

2- A continuación, sen deixar de bater, bótanse os ovos dun nun (non se botará o segundo ovo ata que o primeiro estea perfectamente integrado na masa).

3- A continuación, bótanse a reladura de laranxa e o quefir e séguese batendo.

4- Por último bótase a fariña no bol, xunto co sal e o fermento. Bátese todo ben até obter unha mestura homoxénea e sen grumos.

5- Bótase nun molde desmontable redondo previamente engraxado e enfariñado e métese no forno durante uns 45 minutos, ou ata que ao picalo no centro cun escarvadentes, este salga limpo.

6- Unha vez o cake está fóra do forno, prepárase o glaseado. Para iso bótase nun cazo o zume de laranxa xunto coa marmelada e lévase a ebulición removendo de cando en vez. Cando teña a consistencia desexada (nin moi líquida nin moi espesa), bótase por encima do biscoito aínda quente e xa desmoldeado.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Se a laranxa non é caseira ou ecolóxica, é conveniente lavala ben baixo un chorro de auga quente, fregándoa mesmo con algún cepillo para limparlle calquera resto de cera, polietileno ou goma laca, produtos cos que adoitan "encerar" as laranxas antes de levalas ás tendas.

- Coa calor do forno, as bacterias beneficiosas do quefir morren e xa deixa de ter ese efecto beneficioso. Neste biscoito o que fai é achegar sabor e textura, do mesmo xeito que faría a sour cream na receita orixinal.

- A sour cream pódese substituír tamén por nata cunhas pingas de zume de limón, aínda que o resultado, obviamente, non será o mesmo.

- Ao preparar o glaseado hai que ter en conta que ao arrefriar espesará, co que non se debe esperar a que estea espeso xa no cazo, porque ao arrefriarse porase demasiado duro. Se se nos arrefría o glaseado antes de botalo por encima do biscoito, pódese volver quentar lixeiramente no lume para que se solte.

Un biscoito delicioso, cun intenso sabor a laranxa. Yummy!!