Amosando publicacións coa etiqueta tiramisú. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta tiramisú. Amosar todas as publicacións

domingo, 3 de febreiro de 2013

Tiramisú de castañas

A receita de hoxe é a revisión "acastañada" dun das sobremesas máis coñecidas da cociña italiana: o tiramisú. A idea consiste en engadir puré de castañas á crema de tiramisú, achegando o característico sabor da castaña, pero sen enmascarar os outros sabores propios do tiramisú, como son o cacao ou o café.

Teño que dicir que a idea deste tiramisú non é miña, senón de Rubén Amorín, do blog Ni mata ni engorda (para os que aínda non coñezades este blog recoméndovos unha visita, porque paga a pena). A pesar de que me inspirei nesta receita, fixen a miña propia versión sen nata que, para min, resulta un pouco máis lixeira e suave.

Ademais, en lugar de usar os típicos biscotti savoiardi ou galletas saboianas (coñecidos en España como biscoitos de soletilla) como manda a tradición, usei galletas, e gústame especialmente a textura e o sabor das galletas Digestive.

INGREDIENTES (para 4 persoas):
- 4 galletas Amaretti
- 8 galletas Digestive de laranxa
- 250 g de queixo mascarpone
- 100 g de puré de castañas
- 2 ovos (separadas xemas e claras)
- 75 g de panela (ou azucre moreno)
- Unha cunca grande de café
- Cacao en po

PREPARACIÓN:
1- Prepárase unha cunca grande de café. Bótase nun prato fondo e déixase arrefriar.

2- Para preparar a crema de tiramisú, nun bol bátense as xemas de ovo coa panela ata que quede unha masa de cor marrón clariño. A continuación engádese o mascarpone e o puré de castañas e mestúrase ben coas xemas e a panela.

3- Móntanse as claras de ovo a punto de neve cun chisco de sal. Unha vez montadas engádense á masa de mascarpone con moito coidado, sempre con movementos envolventes para que o aire retido nas claras de ovo non se escape e o resultado sexa unha crema esponxosa.

4- Escóllense as 4 copas onde se vai a presentar o tiramisú. No fondo de cada unha bótase unha culleradiña de crema de tiramisú e, con axuda dun coador, bótase por riba un pouco de cacao en po. Móllanse as 4 galletas Amaretti no café e colócanse encima da capa de tiramisú. Vólvese a botar un pouco de cacao e cóbrese con outra capa de tiramisú.

5- Ponse dúas capas máis de galleta Digestive, cacao, tiramisú, cacao.

6- Métense as copas na neveira. No momento de servir, bótase unha última capa de cacao ou decórase cunhas labras de chocolate.

PUNTUALIZACIÓNS:
- O puré de castaña que eu utilicei é o da marca ourensá Cuevas (compreino en Carrefour ao prezo de 2,70€ o bote de 245 gramos), aínda que se preferides facelo vós mesmos, podedes seguir as indicacións do blog de Rubén: Crema de castañas.

- Antes de mollar as galletas en café debemos asegurarnos de que son de menor diámetro que as copas e que, por tanto, vannos a caber sen problema. Resultan moi útiles os cortapastas para reducir o diámetro das galletas.

- O mascarpone é preferible que sexa de boa calidade, porque será determinante no resultado final da sobremesa. Un mascarpone barato pódenos arruinar un bo tiramisú. Por suposto non é necesario usar xelatina. Insisto en que se o mascarpone é de boa calidade quedará unha crema cunha boa consistencia.

- Igualmente, é conveniente utilizar cacao puro sen azucre e de boa calidade (NON, o Colacao NON serve!!).

- Se non se atopan as galletas Amaretti pódense usar as mesmas Digestive de laranxa ou outras que teñamos por casa ou, simplemente, prescindir desta capa de galletas.

- Na crema de tiramisú pódese engadir Amaretto (Disaronno Originale é a marca máis coñecida) ou calquera outro licor, ben de castañas, de café ou calquera outro que nos guste. Tamén se pode engadir no prato de café, aínda que o seu aroma quedará máis diluído. Á hora de usar algún licor, hai que ter en conta se os nenos van tomar sobremesa, e evitalo se é así.

- Co café pasa o mesmo. Aínda que a cantidade de cafeína non é moi elevada, hai que ter en conta que, se facemos o tiramisú para tomar pola noite, a algunhas persoas (e non só aos nenos) podería afectarlle. Unha alternativa é utilizar café descafeinado e así todos contentos...

- En lugar de presentalo en copas tamén se pode facer nunha fonte e logo cortar as racións. Deste xeito pódense servir as racións do tamaño que elixa cada un.

- Á hora de meter o tiramisú na neveira é conveniente tapalo con filme de cociña, para evitar que tome os cheiros doutros alimentos que teñamos gardados na neveira (sobre todo se temos peixe ou marisco).

- A última puntualización é que ao tiramisú (do mesmo xeito que todas aquelas cremas que levan clara de ovo montada, por exemplo as mousses) non lle gustan os desprazamentos en coche. É dicir, non é conveniente facer tiramisú nun lugar e logo transportalo en coche até outro lugar, porque o "magreo" e as vibracións do coche poderían facer que a masa se baixase e queda case líquida.

O dito, unha revisión dun clásico que a nós nos encanta...

martes, 24 de febreiro de 2009

Martes de Entroido

Disque "despois da tempestade chega a calma", e hoxe, martes de Entroido, todo apunta a que é así. Hoxe xa non quedan máis que rescaldos da troula de onte pola noite, noite na que tódolos amantes desta festa pagá aproveitan para renderlle culto a Don Carnal, converténdose por uns días en todo aquilo que non poden ser durante o resto do ano.

Para nós, a de onte foi unha noite "de andar por casa", e polo tanto esta mañá tivemos tempo para preparar o xantar con calma. Nada ten que ver este xantar co cocido galego típico destas datas, pero despois de comer dous cocidos nos últimos cinco días, tiñamos gañas de comer algo máis lixeiro.

Hoxe temos pasta fresca. Imos a coller outra receita de Jamie Oliver: Pappardelle con cogumelos e salsa de tomate, tomiño e queixo mascarpone.

De sobremesa temos a sobremesa italiana máis internacionalmente coñecida: Tiramisú, pero desta vez ó meu estilo.

Para acompañar o xantar decidínme a facer un pan de arroz e garavanzo ó vapor.

Comezamos...

Pappardelle con cogumelos e salsa de tomate, tomiño e queixo mascarpone

Esta receita é xa un clásico na nosa cociña, non só polo doado de facer senón tamén polo resultado, que é moi bo.

Está sacada do primeiro libro de Jamie Oliver La cocina de Jamie Oliver (RBA, 2004, aínda que a edición orixinal de Penguin Books, The Naked Chef, é de 1999).



Pappardelle, tagliatelle e taglierini son tres tipos de pasta que pertencen á mesma familia. Diferéncianse no seu ancho: para os pappardelle uns 4 cm.; para os tagliatelle, uns 2 cm.; e para os taglierini, 1 cm. (medidas aproximadas, por suposto). Os pappardelle, por ser máis anchos tamén se poden deixar un pouquiño máis grosos que os outros dous.

A única diferenza que eu introduzo con respecto á receita orixinal é que Jamie Oliver usa cogumelos secos, e eu, por comodidade, uso champiñóns laminados en conserva, pero usade o que máis vos apeteza.

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 1 bote de cogumelos en conserva (ou cogumelos secos rehidratados)
- 1 dente de allo
- Aceite de oliva virxe extra
- Pasta fresca
- Salsa de tomate
- Sal mariña e pementa negra recén moída
- 1 cullerada de queixo mascarpone (25 grs.)
- Queixo parmesano fresco, relado

PARA A PASTA FRESCA:
- 100 grs. de fariña de forza
- 1 ovo

PARA A SALSA DE TOMATE:
- 330 grs. de tomate triturado
- 1 dente de allo
- 2 culleradas de aceite de oliva virxe extra
- 1/2 guindilla pequena seca, troceada (opcional)
- 1 culleradiña de ourego seco
- 1 culleradiña de alfábega (albahaca) seca
- 1 cullerada de tomiño seco
- 1 culleradiña de vinagre de viño tinto (eu uso balsámico)
- Sal mariña e pementa negra recén moída
- Un chisco de azucre

PREPARACIÓN:
1- Preparar a pasta fresca. Para iso, misturamos nun bol a fariña e o ovo (non fai falla batelo previamente) ata obter unha masa lisa e sen grumos. Deixámola repousar unha hora máis ou menos, cun chisco de fariña por riba e por baixo, e tapado co mesmo bol que empregamos para facer a mistura.

2- Preparamos a salsa de tomate. Botamos nunha pota o aceite de oliva e cando estea quente, o tomate triturado. Engadimos o dente de allo machacado, o vinagre, o sal, o azucre, a pementa, as herbas secas e, se se quere, a guindilla. Deixamos reducir un pouco a salsa a lume suave.

3- Mentres, preparamos os pappardelle. Dividimos a masa en dúas porcións e estirámola coa máquina. Enrolamos as tiras de pasta e, cun coitelo ben afiado, imos cortando os pappardelle. Desenrolamos os pappardelle e colgámolos uns minutos para que se sequen un pouco. Cocémolos en abundante auga con sal durante uns 3 ou 4 minutos (lembrade que a pasta fresca tarda menos en cocer que a seca).


4- Botamos nunha tixola o aceite de oliva, e cando estea quente botamos o dente de allo picado. Escorremos ben os champiñóns (ou os cogumelos rehidratados) e engadímolos á tixola. Deixamos que reduza un pouco o tamaño dos champiñóns e engadimos a salsa de tomate.

5- Finalmente engadimos a cullerada de queixo mascarpone e rectificamos de sal se fose necesario.

6- Nunha fonte, botamos a pasta cocida. Por riba botamos a salsa de tomate cos champiñóns, e rematamos con abundante queixo parmesano relado.



Tiramisú ó meu estilo

Como non se pode dicir que haxa unha única receita de Tiramisú, aquí vos poño a miña. Fixen Tiramisú un montón de veces e de moi diferentes maneiras, e de todas elas, ésta é a miña favorita.

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- Galletas Digestive de laranxa (as necesarias)
- 2 ovos (separadas xemas e claras)
- 1 cullerada e media de azucre
- 250 grs. de queixo mascarpone
- Un vaso de café
- Amaretto
- Cacao en po
- Reladuras de chocolate

PREPARACIÓN:
1- Preparar un vaso de café (podemos aproveitar se temos café frío na xerra) e deixalo arrefriar un pouco.

2- Nun bol botamos as xemas dos dous ovos e o azucre e batemos ben ata que se disolva o azucre. Engadimos o mascarpone e misturamos ben. Podemos neste momento, se queremos, engadir un chorriño de Amaretto.

3- Aparte, montamos as claras cun chisco de sal a punto de neve forte. Engadímolas ó bol e, cunha espátula de silicona ou de madeira, ímolas incorporando con movementos envolventes, sen bater, para que non escape o aire que entrou dentro delas ó montalas.

4- Nun prato fondo botamos o café e un chorro de Amaretto e misturámolo ben. Na fonte onde imos servir o Tiramisú, poñemos unha primeira capa de galletas molladas nesa mistura de café e licor. Coa axudar dun coador, espolvorexamos unha fina capa de cacao por riba das galletas. A continuación botamos a metade da crema de mascarpone e un pouco máis de cacao espolvorexado. Repetimos a operación de modo que nos queden dúas capas de galletas, dúas de crema de mascarpone, todas coa súa capiña de cacao por riba.

5- Rematamos botando por riba de todo unhas virutas de chocolate que faremos raspando cun coitelo grande a parte inferior dunha tableta de chocolate (o coitelo debe estar en posición vertical con respecto á tableta de chocolate).

6- Meter na neveira unhas horas antes de comelo.


Eu uso Amaretto nesta receita porque, ademais de ser un licor tipicamente italiano, penso que lle queda moi ben. O Amaretto máis coñecido, que é o que eu teño, é o Disaronno Originale, co que sempre nos bombardean pola televisión ó chegar o Nadal. Outros licores que tamén lle quedan ben son Kahlúa, Tía María, licor café, ou incluso un xerez doce tipo Pedro Ximénez. Por suposto, se non queredes usar ningún tipo de licor, ben sexa porque o van comer os nenos, ben porque non vos gusta, podedes prescindir del.

Se queredes saber máis sobre o Tiramisú, aquí vos poño a ligazón: Tiramisú.

Pan de arroz e garavanzo ó vapor

Xa tiña gañas de usar a miña vaporeira de bambú para facer algo diferente que cocer peixe ou verduras, e ó fin, con esta receita puiden darlle outro uso. Atopei esta receita a semana pasada nun estupendo blog que se chama Dieta Seignalet. Neste blog poderedes atopar un montón de receitas sanas e creativas que seguen os principios desta dieta, que busca mellorar a saúde a través da boa alimentación.

Este pan non é un pan "ó uso", posto que xa desde a maneira de facelo (ó vapor e non no forno), e o tipo de fariñas empregadas, fai que sexa un pan diferente.


Penséi que estaría ben para acompañar ós pappardelle, por levar tomiño e ourego, e a verdade é que non está nada mal.


Se queredes ver a receita aquí vos poño a ligazón: Pan de arroz y garbanzo al vapor.

Só dicir que introducín algúns cambios con respecto á receita orixinal:
- Engadín 8 grs. de gluten de trigo, porque penso que lle dá máis consistencia ó pan.
- Uséi sirope de arroz en lugar de azucre moreno.
- Uséi lévedo deshidratado en lugar de lévedo fresco prensado.

Só me queda dicir que con esta comida iría moi ben unha botella de Lambrusco, ese viño que non lle gusta nada ós que "entenden" de viño, pero a nós, como non somos expertos, non nos importa recoñecer que coa comida italiana gústanos abrir unha botella. Por agora, como My Missus non pode tomar alcol, conformámonos cunha Estrella Galicia e outra sen alcol "de cuyo nombre no quiero acordarme"...

En fin, un martes de Entroido sen Entroido, pero cunha comida estupenda.

Bo proveito!!