domingo, 23 de setembro de 2012

Xeado manteigado

Si, seino, non é esta a mellor época do ano para facer xeado na casa, pero é que tiña moitas ganas de facer este xeado porque é un dos meus favoritos. Ademais, quen di que os xeados son só para o verán?

A verdade é que, despois de buscar e rebuscar na rede, atopei unha receita que colmou as miñas expectativas, polo simple da receita, pola explicación que dá a autora e, sobre todo, pola frase "Este xeado de mantecado fíxeno moitísimas veces, é un clásico na miña casa". Ese, para min, é un bo indicio de que a receita é boa...hh

O blog de onde saquei a receita é o seguinte: Lola en la cocina, e a ligazón á receita do xeado é este: Helado mantecado. Un blog, por certo, moi recomendable para os que aínda non o coñezades.

Aínda que me baseei na receita orixinal, introducín algúns cambios que creo que axudan a conseguir unha mellor textura á hora de elaborar xeados en casa: cambiei parte do leite por nata líquida, engadín leite en po, e cambiei parte do azucre por azucre invertido. O azucre invertido, ao contrario que o azucre normal, non cristaliza, facendo que o xeado quede máis cremoso. Preparar azucre invertido na casa é moi doado, e é moi útil non só na elaboración de xeados senón tamén na elaboración de masas con fermento, porque fai que fermenten máis rápido, ou nas masas tipo biscoito, porque fai que o resultado final sexa menos seco. Aquí poño a ligazón á receita: Azucre invertido.

O leite en po engade proteína ao xeado, o cal fará que sexa máis cremoso. Ademais, ao levar lactosa fai un efecto parecido ao do azucre invertido, é dicir, axuda á non cristalización do xeado. Isto é debido a que a lactosa é un azucre capaz de absorber até 10 veces o seu peso en auga. Ademais, debido ao seu pouco poder adozante non fará que teñamos que compensar as cantidades de azucre.

Outra variación que fixen foi a cantidade, xa que fixen xusto a metade da receita orixinal. Aínda así saíume cantidade suficiente para unhas 12 bólas de xeado, aproximadamente.

Xeado mantecado

INGREDIENTES:
- 300 ml. de leite enteiro
- 200 ml. de nata líquida con 35% m.g.
- 3 xemas de ovo
- 135 g. de azucre
- 40 g. de azucre invertido
- 30 g. de leite en po desnatado
- 25 g. de manteiga
- Un anaco de para de limón
- Un pau pequeno de canela

ELABORACIÓN:
1- Sácase a manteiga da neveira e resérvase.

2- Nun cazo bátense as xemas co azucre e o azucre invertido. Cando estean batidas vaise engadindo a nata e o leite aos poucos. Cando se engadiu todo o leite engádese o leite en po e reméxese ben. A continuación engádense a para de limón e o pau de canela.

3- Colócase o cazo a baño maría e reméxese con bastante frecuencia. É conveniente vixiar a temperatura da mestura para que non exceda os 85ºC, porque se o fai as xemas callarán. Para facer isto é moi útil un termómetro con sonda.

4- Cando a mestura empece a pegarse á culler apágase o lume e pásase a mestura a través dun coador a outro bol para que arrefríe. Reméxese de cando en vez para evitar que se forme costra.

5- Cando estea tépeda engádese a manteiga ou a manteiga de vaca a temperatura ambiente e mestúrase ben coas varillas para que quede ben integrada.

6- Unha vez fría hai dúas opcións: ben pasalo a un recipiente apto para conxelar e metelo no conxelador, ou ben pasalo a unha xeadeira para que se forme o xeado.

7a- Se optamos pola primeira opción, haberá que sacar o xeado dúas ou tres veces do conxelador a medida que se vaia conxelando para remexer cunha culler e evitar así que se formen cristais.

7b- Se temos unha xeadeira (este é o meu caso) botámolo na xeadeira e agardamos a que estea bastante espeso antes de botalo nun recipiente apto para meter no conxelador. Neste caso non será necesario remexelo.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Ao contrario do que poida parecer, este xeado non se conxela até o punto de ter que sacalo con antelación do conxelador para poder servilo. É bastante cremoso, e é bastante "dócil" á hora de preparar unhas boas bólas para servilo, e esa si é unha característica que eu busco nun xeado caseiro.

- Se non se ten ou non se quere facer o azucre invertido, pódense engadir 175 gramos de azucre normal na receita.

- Aínda que hai varios tipos de leite en po no mercado, o máis habitual é o desnatado. Os outros teñen tendencia a porse rancios moi rápido.

- Tamén se pode substituír a manteiga por manteiga cocida de vaca, o que lle dará un sabor máis intenso a manteigado. Se se usa a manteiga de vaca hai que engadila á mestura cando aínda está algo quente para que se disolva completamente.

Moitos ourensáns temos en mente o recordo do xeado manteigado de "La Ibense", que se elaboraba alí de maneira totalmente artesanal. Aquí poño o enderezo da nova xeadaría La Ibense na Valenzá (Barbadás) para os nostálxicos que queiran volver degustar esta marabilla:

Este que eu traio hoxe, salvando as distancias, tenta parecerse un pouco ao que se pode comprar alí, aínda que se non o conseguín igualar de todo non importa. O que importa é que este xeado está delicioso...

sábado, 15 de setembro de 2012

Taller de elaboración de conservas artesanais de Bonito do Norte

Esta mañá puiden asistir a un taller de elaboración de conservas artesanais de Bonito do Norte, da man de Rubén Amorín (de Ni mata ni engorda) e Lydia Rodríguez.


A verdade é que a idea de facer este tipo de conservas levaba roldándome a cabeza desde hai tempo, pero botábame un pouco para atrás o non ser capaz de facelo correctamente e botar a perder unha peza dun bo bonito do norte. Así que, grazas a este curso, creo que xa estou capacitado para enfrontarme a ese reto...jj

Aquí quedan algunhas fotos do evento:







Non só compensa economicamente, senón que ademais o bonito en conserva feito por un mesmo é moito mellor que a maioría de marcas que podemos atopar no supermercado. E así o puidemos comprobar ao finalizar o taller...


Grazas Rubén e Lydia!!

domingo, 9 de setembro de 2012

Encontro de gastrobloggers no Ribeiro

Onte sábado tiven a oportunidade de participar, xunto con outros gastrobloggers galegos, nunha visita guiada pola adega do Grupo Reboreda Morgadío, da Denominación de Orixe Ribeiro.


Foi unha xornada moi amena e pracenteira que comezou cunha visita aos viñedos da adega, situados na marxe esquerda do río Miño. Alí Jacob, técnico da adega, foinos desentrañando a todos algúns aspectos relacionados coas uvas que alí se cultivan, algo que agradecemos aqueles que non estamos demasiado familiarizados co mundo do viño.




A continuación, da man de Ana e de Jacob, puidemos coñecer as entrañas da adega, e tamén tivemos ocasión de probar algúns dos caldos que alí se producen, como son o Viña Reboreda (Ribeiro), ou outros pertencentes a este grupo, como o Morgadío (Albariño), como complemento perfecto a uns petiscos de xamón e a unhas deliciosas anchoas de Santoña con queixo fresco.



A continuación, e despois de dar por finalizada a visita á adega, subimos até a parte alta dos viñedos para degustar unha deliciosa comida a base de tapas, preparada polo cociñeiro Juan Pablo Carral, da taberna "O Carreiro", de Neda (A Coruña): navallas á prancha, ovos cocidos, tosta de lombo fresco á prancha con pemento de piquillo, tosta de xamón con ovo de paspallás e, o petisco que sorprendeu a todo o mundo, e que consistía en brocheta de polbo e lagostino sobre tosta de pan de Neda, con chip de iuca, ameixa, champiñóns e ovas.


Toda esta comida regada, como non, cos viños producidos na adega Reboreda Morgadío, tanto brancos como tintos.

E se a comida fora unha delicia, a sobremesa non quedou atrás, porque puidemos degustar un das sobremesas típicas da Galicia, e do que eu non ouvira falar na miña vida: a prolla. Ao parecer é unha sobremesa típica da zona da Coruña (Neda, Pontedeume, etc.) e que vos aseguro non tardarei en facer...hh.

O colofón da comida púxoo o Alma de Reboreda, un Viño Tostado do Ribeiro. Un viño doce, aromático, para degustar en pequenas doses, acompañando algún prato doce ou por si só. Está elaborado de forma totalmente artesanal a partir de uvas pasas pertencentes a variedades autóctonas desta denominación de orixe. Unha auténtica xoia que permaneceu no esquecemento durante moitos anos e que, grazas ao esforzo de adegueiros como estes, está a volverse a recuperar para deleite de todos nós.


E se a esta comida lle sumamos as fantásticas vistas que desde alí tiñamos do río Miño, entón a xornada xa quedaba redonda.


Unha xornada moi especial e enriquecedora e da que teño que agradecer a Ana e Jacob, da adega, pola súa amabilidade, polos seus coñecementos e sobre todo polo agarimo que transmiten ao viño; a Juan Pablo, o cociñeiro, pola marabillosa comida; e ao resto de gastrobloggers que me acompañaron neste evento, Loly Llano de O Garfelo, Carmen Albo de Guisándome la vida, Víctor Branco de O Bandullo, Manuel Bustabad de Vagón de cola, Berta Castro de El sabor de lo dulce, Begoña López de Violetas en mi cocina, Jose Luís Oliveira de As pequenas viaxes (e algo de gastronomía), e Fidel Martín de El turista cultural (esperabamos, así mesmo, contar coa presenza de Alfonso López de Recetas de rechupete, aínda que esta vez non puido ser). Pero sobre todo quixese agradecer a Rubén Amorín, de Ni mata ni engorda, por ser o alma mater deste encontro e por facer que este día resultase tan agradable.

Aquí queda a noticia deste encontro que apareceu no Telexornal Mediodía da TVG (minuto 29):





Boa comida, boa bebida e mellor compañía. Que máis se pode pedir!!

domingo, 19 de agosto de 2012

Torta de mazá caseira

A receita de hoxe é outro clásico da repostaría, unha desas das que todo o mundo ten a receita e que todo o mundo, de cando en vez fai, ben polo sinxela que é de facer, ou ben polo rica que está: Torta de mazá caseira.


Aínda que hai infinidade de receitas de torta de mazá, creo que esta é unha das máis rápidas de preparar, porque non é máis que un simple biscoito con toros de mazá por encima. A receita está sacada do libro Repostería y Pastelería (Espasa Calpe, 1991), de Isabel Maestre, e do que xa puxen aquí máis dunha receita.


Torta de mazá caseira

INGREDIENTES:
- 3 ovos
- 3 mazás reinetas (ou calquera outra variedade que teñamos a man)
- 125 g. de fariña
- 1 culleradiña (2,5 g.) de fermento sen aluminio
- 125 g. de azucre
- 125 g. de manteiga
- Un chisco de sal
- Azucre glace para rematar


PREPARACIÓN:
1- Prequéntase o forno a 180ºC e prepárase un molde redondo para enfornar.

2- Derrétese a manteiga e déixase arrefriar un pouco. Nun bol mestúranse os ovos co azucre e bátese coas varillas eléctricas durante 3 ou 4 minutos ata que a mestura estea esponxosa e tome unha cor amarela pálida.

3- Engádese a manteiga derretida, a fariña, o fermento e o sal. Mestúrase todo ben e bótase no molde preparado.

4- Pélanse as mazás, sácaselles o carozo e filetéanse. Vanse colocando os anacos de mazá de maneira que vaian formando un círculo, e incrustándoos un pouco na masa. Cando estea toda a superficie cuberta de mazá métese no forno durante 45 minutos ou ata que se vexa que está feita.

5- Desmoldéase, déixase arrefriar de todo e cóbrese a superficie cun pouco de azucre glace.


PUNTUALIZACIÓNS:
- O molde é mellor que sexa desmontable. Para preparalo para enfornar esténdese un pouco de manteiga por todo o fondo e polas paredes. A continuación bótase un pouco de fariña e esparéxese ben de modo que quede pegada a toda a manteiga e retírase o exceso de fariña se o houbese.

- Por suposto, na receita orixinal non aparece o fermento sen aluminio, senón po Royal.

- Se se ve que non queda demasiado feita por encima, pódese pór o grill 5 minutos antes de terminar a cocción para que tome unha cor dourada, pero con coidado de que non se queime a mazá.

- Tamén se pode glasear cun pouco de marmelada de albaricoque, ou cun pouco de azucre invertido, co que quedaría unha superficie brillante.


Sobremesa sinxela onde as haxa, perfecta para o almorzo ou para calquera outro momento do día...

venres, 10 de agosto de 2012

Crema de limón

Esta crema de limón é un das sobremesas máis rápidas, máis sinxelas e con menos ingredientes que pode haber, e a pesares diso, o resultado é boísimo. Ideal para preparar no verán, xa que non require forno e prepárase nuns minutos.

Crema de limón


A receita está sacada do libro Mis menús de cada día (Ed. Grijalbo), do afamado chef escocés Gordon Ramsay.


Crema de limón

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 200 ml. de nata líquida
- 50 g. de azucre
- O zume dun limón


PREPARACIÓN:
1- Vértese a nata nun cazo xunto co azucre e lévase a ebulición a lume moi baixo. Remóvese a miúdo para que se disolva ben o azucre.

2- Mentres, esprémese o limón, cóase o zume e se reserva nun vaso. Preparar as dúas copas ou os dous vasos onde se vai a servir a crema.

3- Cando a nata comece a ferver déixase ao lume uns 3 minutos máis removendo constantemente .

4- Ao pasar os 3 minutos retírase o cazo do lume e engádese o zume de limón remexendo sen parar. A crema debería empezar a espesar case de inmediato.

5- Verter nas copas ou vasos onde se vai a servir e deixar arrefriar durante uns minutos.

6- Cando a crema estea a temperatura ambiente tápase con film de cociña e métese na neveira durante unhas horas até o momento de servir.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Debe quedar unha textura cremosa, sen grumos, parecida á dun iogur cremoso.

- Pódese probar antes de verter nas copas por se necesitase máis cantidade de zume. O seu sabor debe ser doce e ácido ao mesmo tempo.

- Non é necesario botar ningún tipo de espesante como xelatina, agar-agar ou similares. Debe quedar cremosa, non espesa.

- A receita orixinal trae outras cantidades, pero eu adapteina ao bote de 200 ml. de nata líquida, para non ter que deixar o bote de nata aberto na neveira.

- A nata que eu utilizo é de 35% materia graxa. Como non probei a facer esta receita coa nata lixeira, non podo dicir que o resultado vaia a ser o mesmo.

- Gordon Ramsay proponnos acompañar esta crema cunhas linguas de gato ou unhas galletas amendoadas.


Este é o tipo de sobremesa que máis me gusta, con moi poucos ingredientes que se poden ter sempre na casa, e que se pode preparar en calquera momento e para calquera ocasión.

Saúde!!

xoves, 26 de xullo de 2012

Torta tres chocolates

A receita de hoxe é un clásico entre os clásicos, unha desas receitas que todo o mundo ten e que, probablemente, todo o mundo ten con moi poucas variacións. A pesar diso, tendo en conta que o obxectivo básico deste blog é ter todas as miñas receitas ordenadas, hoxe póñoa aquí, para o meu propio uso e por se hai aínda algún descoidado que non ten a receita ou (que tamén pode ser...) que aínda non a coñeza.

Torta tres chocolates


Obviamente o nome vén polo uso de tres tipos de chocolate: negro, con leite e branco, quedando o tres capas perfectamente visibles e sen mesturarse as unhas coas outras.

Torta tres chocolates

INGREDIENTES:
- 500 ml. de leite [750 ml.]
- 500 ml. de nata líquida [750 ml.]
- 2 sobres de callada de 12 g. cada un [3 sobres]
- 100 g. de azucre [150 g.]
- 100 g. de chocolate negro [150 g.]
- 100 g. de chocolate con leite [150 g.]
- 100 g. de chocolate branco [150 g.]
- Galletas para a base (unhas de chocolate van perfectas...) en cantidade suficiente

[As medidas entre corchetes son as orixinais da miña receita, para unha torta máis grande.]


PREPARACIÓN:
1- Tritúranse as galletas e mestúranse cun chorriño pequeno de leite (o xusto para humedecelas un pouco pero sen que se empapen). Distribúense ben por todo o fondo do molde até cubrilo.

2- Ponse a quentar nun cazo 133 ml. [200 ml.] de leite, 166 ml. [250 ml.] de nata, o chocolate negro en anacos e 50 g. [75 g.] de azucre. Remover a miúdo para que non se pegue. Mentres tanto dilúense 8 g. [1 sobre] de callada en 33 ml. [50 ml.] de leite e bátese ben cunhas varillas para que non quede grumos.

3- Cando a mestura de chocolate comece a ferver engádese a callada e remóvese ata que volva ferver. Retírase uns segundos do lume sen deixar de remover e vólvese a pór ao lume novamente para que ferva unha última vez.

4- Vértese no molde con coidado para non esparexer a capa de galleta.

5- Vólvese a facer o mesmo que nos pasos anteriores, pero esta vez con 133 ml. [200 ml.] de leite, 166 ml. [250 ml.] de nata, 33 g. [50 g.] de azucre e o chocolate con leite en anacos. Igualmente dilúense 8 g. [1 sobre] de callada en 33 ml. [50 ml.] de leite e engádese á mestura de chocolate cando esta comece a ferver. Vértese encima da capa de chocolate negro, con coidado de que non se mesturen ambas as capas.

6- Vólvese a facer o mesmo que nos pasos anteriores, pero esta vez con 133 ml. [200 ml.] de leite, 166 ml. [250 ml.] de nata, 16 g. [25 g.] de azucre e o chocolate branco en anacos. Igualmente dilúense 8 g. [1 sobre] de callada en 33 ml. [50 ml.] de leite e engádese á mestura de chocolate cando esta comece a ferver. Vértese encima da capa de chocolate con leite, con coidado de que non se mesturen ambas as capas.

7- Déixase en friar un pouco a torta e métese na neveira durante unhas horas para que acabe de callar ben.

8- Pódese decorar con infinidade de toppings. O meu, o máis cómodo, son as labras de chocolate. Para facelas só hai que coller unha tableta de chocolate, darlle a volta e, coa axuda dun coitelo grande en posición vertical, raspar a superficie do chocolate para sacar unhas labras finas que se irán esparexendo pola superficie da torta.


PUNTUALIZACIÓNS:
- As cantidades que eu poño son unha adaptación persoal sobre a receita. Entre corchetes aparecen as medidas orixinais coas que sae unha torta máis grande. Se se fan as medidas grandes hai que ter en conta a capacidade do molde.

- O molde é aconsellable que sexa desmontable, e o suficientemente grande para estas cantidades. Eu uso un molde desmontable con fondo de cerámica e bordo de silicona, da marca Lékué. Aínda que é un molde pensado para facer quiche, vai moi ben para esta torta (e para estas cantidades), porque se poden cortar directamente sen preocuparse por raiar a base.


- En lugar dunha capa de galletas molladas en leite, pódense usar galletas trituradas mesturadas con manteiga, ou tamén unha capa de bisoito fino. A min, persoalmente, a opción que máis me gusta é a que poño na receita.

- Antes de esparexer as labras de chocolate ou calquera topping que poñamos, é conveniente que a superficie da torta estea seca. Se non o está, pódese secar con moito coidado coa axuda dunha servilleta de papel que absorberá a humidade. Así mesmo, é conveniente non tocar as labras de chocolate cos dedos, porque a calor corporal é suficiente para derretelas. O mellor é axudarse co mesmo coitelo que utilizamos para raspar o chocolate.

- Non hai que ter medo de que as capas se mesturen, sempre que as botemos con coidado. O mellor para facer isto é axudarse cunha culler sopeira ou unha lingua de silicona. Para iso colócase a culler ou a lingua moi preto da superficie e vértese a mestura de chocolate sobre a culler, o que fará que a mestura de chocolate caia suavemente sobre a capa anterior sen que se mesturen as dúas capas.

- Se se quere asegurar que non aparezan grumos na torta, pódese pasar cada capa a través dun coador no momento de vertela no molde.

- A callada que eu uso é da marca Royal. Cada caixa trae 4 sobres de 12 g. de callada en po.

- Para facer esta torta máis decorativa pódese inclinar un pouco o molde á hora de facer as dúas primeiras capas de chocolate, terminando coa última capa, a do chocolate branco, co molde totalmente horizontal para que a torta quede recta. Así, á hora do corte non sairían as liñas paralelas, senón oblícuas.


Esta torta é un chisco laboriosa, pero está moi ben para a época de calor porque non hai que acender o forno e cómese fresquiña da neveira; e o resultado gusta a todo o mundo, especialmente aos máis pequenos (e aos non tan pequenos tamén...)