Hoxe toca outra receita sinxela, das de domingo pola mañá, das que se preparan en 10 minutos, xusto antes do almorzo, que é cando máis apetecen: tortiñas USA Stylie.
Estas tortiñas están sacadas do libro Happy Days with the Naked Chef, do chef británico Jamie Oliver (Penguin Books, 2001).
Pancakes USA Stylie
INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 1 ovo, separadas xema e clara
- 40 g. de fariña
- 1/2 culleradiña de fermento sen aluminio
- 45 ml. de leite
- Un chisco de sal
PREPARACIÓN:
1- Nun bol bótase a xema de ovo, xunto coa fariña e o fermento, e reméxese ben ata que se forme unha pasta sen grumos.
2- A continuación bótase o leite e reméxese ata que estea ben integrado.
3- Aparte, móntase a clara de ovo co chisco de sal. Unha vez montada a clara engádese, con coidado, á mestura de fariña dando voltas ata que se faga unha masa homoxénea.
4- Quéntase unha boa tixola antiadherente e bótase unha cullerada da masa no centro. Ao cabo dun minuto, máis ou menos, dáselle a volta e déixase que se doure polo outro lado.
5- Séguense facendo tortiñas ata que se acabe a masa.
PUNTUALIZACIÓNS:
- Estas tortiñas pódense acompañar con infinidade de cousas: froitas, froitas deshidratadas, mel, marmelada, azucre, etc. Eu acompañeinas, esta vez, con xarope de pradairo.
- Se se opta pola froita ou a froita deshidratada (os arandos vermellos americanos combinan á perfección), unha boa maneira de engadir a froita é botala sobre a tortiña un pouco antes de darlle a volta, así queda adherida á tortiña e pódese dar a volta sen problemas.
- Ao contrario que as filloas, as tortiñas non deben quedar compactas e finas, senón esponxadas e un pouco grosas.
As típicas tortiñas americanas. So simple, so fast, so good...
Citrus Furikake
Hai 3 días
vounas probar xa! por certo... xarope de pradairo? é de "Arce"?
ResponderEliminarUn saúdo
Ola, Bego!!
EliminarSi, o pradairo é o "arce", aínda que é verdade que soa un pouco raro iso de "xarope de pradairo"...haha
Anímate a probalas e xa me contarás...
Bicos