sábado, 12 de marzo de 2011

Risotto con mexillóns, langostinos e trufa negra

Encántame o risotto, non o vou a negar. Dá o mesmo os ingredientes que leve, é un prato delicioso, e o que presento hoxe non é unha excepción: Risotto con mexillóns, lagostinos e trufa negra.


A receita está inspirada no Risotto de trufa da páxina Las recetas de Sara, aínda que eu, esta vez, cambiei os champiñóns por mexillóns.

Esta vez o ingrediente que dá unión ao prato é a trufa negra, que desprende aquí todo o seu aroma e achega todo o seu sabor.

(Foto sacada de Le Marche Travel Guide.com)

A trufa negra (Tuber melanosporum) é un fungo que se atopa baixo o chan, en simbiose coas raíces de distintas árbores, principalmente aciñeiras, carballos e abeleiras. Colléitase de decembro a marzo, sendo as pricipais zonas produtoras o sur de Francia, España e Italia (en España son famosas as trufas de Sarrión, en Teruel). É un produto bastante caro, aínda que as de pequeno tamaño pódense atopar con facilidade en case calquera supermercado, envasadas en pequenos botes de cristal, a un prezo moi económico. Para saber máis sobre a trufa aquí poño unha ligazón a Mundotrufa.

Risotto con mexillóns, lagostinos e trufa negra


INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 160 g de arroz arborio, carnaroli ou vialone nano
- 1 dente de allo
- 1 cebola pequena
- 1 trufa negra pequena
- 1 chorriño de vermú seco (extra dry)
- 1/3 de litro de caldo de peixe
- 1 kg de mexillóns
- Un bo chorro de auga mineral
- 100 g de colas de lagostinos peladas
- Queixo parmesano recentemente relado
- 50 g de manteiga
- Aceite de oliva
- Sal


PREPARACIÓN:
1- Límpanse ben os mexillóns, retirando ben todas as "barbas", e póñense a cocer nun chorro de auga mineral. Cando estean abertos retíranse do lume e sepáranse da casca. A auga de cocer os mexillóns cóase por un coador fino (mellor un de trapo) e resérvase para engadir despois ao risotto.

2- Mentres se abren os mexillóns ao vapor, vaise quentando nun cazo o caldo de peixe.

3- Nunha pota, refógase o dente de allo ben picado e a cebola picada nun pouco de aceite de oliva. Cando a cebola estea transparente engádese a metade da trufa negra, relada ou picada fina (eu utilizo un relador). Déixase fritir un minuto e engádese o chorro de vermú seco.

4- Unha vez evaporado o alcol do vermú, engádese o arroz, remóvese ben e déixase un minuto ao lume para que se impregne ben dos sabores e dos aromas que se atopan na cazola.

5- Pasado ese minuto, e sen deixar que se doure o arroz, engádese o primeiro cullerón de caldo quente. Vanse engadindo culleróns de caldo a medida que o risotto os vai "pedindo", sen deixar de remover. Cando se termine o caldo de peixe continúase coa auga de cocer os mexillóns ata que o arroz estea listo (uns 20 minutos, máis ou menos).

6- Cando o arroz está case a punto engádense as colas de lagostinos. Unha vez estean feitas as colas dos lagostinos (2 ou 3 minutos) apágase o lume e engádense os mexillóns (pódense reservar algúns para adornar ao final), a manteiga en anacos e o queixo parmesano relado (a cantidade vai ao gusto).

7- O risotto debe quedar meloso, nin moi líquido nin moi compacto. Debe deslizarse lixeiramente polo prato. Se non queda con esta textura pode engadirse máis parmesano se queda moi solto ou máis caldo se queda moi compacto.

8- Sérvese inmediatamente cun pouco de queixo parmesano recentemente relado e o resto da trufa negra tamén relada por encima.


PUNTUALIZACIÓNS:
- O vermú que eu uso é o Martini Extra Dry. O outro non serve porque é demasiado doce. Se non se ten o vermú seco pódese substituír por viño branco.


- Eu usei colas de lagostinos peladas conxeladas. Se se usan lagostinos frescos pódense (ou mellor dito, débense) aproveitar as cabezas e as cascas para preparar un delicioso fumet e empregalo para o risotto.

- Nin que dicir ten que usei mexillóns das rías galegas, sen ningunha dúbida os mellores do mundo.

- É conveniente usar algún dos tipos de arroz que mencionei antes polo seu alto contido en almidón. Se non se atopa ningunha destas variedades tamén se pode utilizar a variedade bomba, moito máis fácil de atopar.

- Hai que ter coidado coa sal neste prato, porque tanto o queixo parmesano como o caldo, como a auga de cocer os mexillóns xa traen sal, co que o mellor é esperar até o final para probar o punto de sal e rectificar se é necesario.

- Respecto ao parmesano (Parmigiano Reggiano) sempre digo o mesmo, merece a pena mercar a cuña de queixo e relala no momento de comer, que non mercar o parmesano que xa vén relado, que ten un sabor moito máis forte e moito máis artificial. A cuña custa un pouco máis, pero rende moito, aguanta máis tempo e sabe moitísimo mellor que o de bolsa.


Un prato moi sinxelo, barato, pero cun resultado espectacular...

luns, 7 de febreiro de 2011

Kedgeree de salmón afumado

O kedgeree (pronunciado /ˌkɛdʒəˈriː/) é un prato moi típico da cociña inglesa, aínda que o seu nome lembre un pouco a outras latitudes.


A orixe do kedgeree é incerto. Hai dúas teorías: a primeira di que cando os ingleses estiveron en India, durante a época Victoriana (segunda metade do século XIX), descubriron este prato e que logo o levaron a Inglaterra. Curiosamente introduciron este prato como almorzo, e hoxe en día segue sendo moi típico alí tomar este prato ben cedo pola mañá. A segunda teoría di que é un prato orixinario de Escocia, e que foi levado á India polas tropas escocesas alí destacadas, tamén durante o Raj (/rɑːdʒ/) británico. Sexa cal for a súa orixe o que si parece certo é que o seu nome deriva do vocábulo indio Khichri (/ˈkʰɪtʃɽi/)que é o nome dun prato da gastronomía hindú cuxos ingredientes principais son arroz e legumes (normalmente lentellas).

O kedgeree ten moitas variantes, pero basicamente é un prato feito a base de arroz, peixe cociñado e desmigado e ovos cocidos, ademais de herbas e especias, como o curry ou a cúrcuma. O peixe máis tradicional para elaborar o kedgeree é o abadexo, aínda que pode usarse calquera peixe, mesmo afumado.

A receita está sacada do libro Brunch, un placer de fin de semana (Ed. Parragón, 2006), escrito pola australiana Jennifer Donovan.


Este é un deses libros de cociña que, a pesar de ser moi baratos, son dunha boa calidade, tanto o papel e a encadernación (é de tapa dura con sobrecuberta), como polas receitas que trae, que son realmente boas. Compreino na Cholloteca de Alacante a un prezo de risa (non recordo se foron 2 ou 3 euros), aínda que tamén o vin en Fnac por 4,95€.

A receita aparece no libro co nome Kedgeree de trucha ahumada (páx. 50-51), e o que eu fixen foi cambiar troita por salmón afumado, co que o resultado é moi similar.

Kedgeree de salmón afumado


INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 25 g de manteiga
- Un chorriño de aceite de oliva
- 1 cebola pequena
- 1 culleradiña de garam masala
- 1 culleradiña de cúrcuma
- 2 vainas de cardamomo
- 1 rama pequena de canela
- 160 g de arroz
- 1/2 litro de caldo de peixe
- 100 g de salmón afumado
- 2 ovos
- 1 culleradiña de perexil picado
- 1 culleradiña de ceboliño picado
- 1 culleradiña de eneldo picado

PREPARACIÓN:
1- Nunha pota ponse a manteiga xunto co aceite de oliva e quéntase. Engádese a cebola picada e refógase ata que estea transparente.

2- Cando a cebola estea pochada engádese o garam masala, a cúrcuma, as vainas de cardamomo machucadas e a rama de canela, e déixase fritir durante un minuto.

3- Engádese o arroz e remóvese constantemente durante outro minuto máis para que se impregne ben de todos os sabores das especias. Engádese o caldo de peixe na proporción de 2 cuncas e media de caldo por cunca de arroz, e déixase cocer o arroz.

4- Mentres se coce o arroz, ponse a cocer os ovos en auga fría. A partir de que a auga rompe a ferver cóntanse 12 minutos. Pasado este tempo sácanse da auga e resérvanse.

5- Cando o arroz está listo retírase do lume, retírase a rama de canela, incorpórase a maior parte do salmón afumado cortado en tiras e remóvese ben.

6- Repártese o arroz en dous pratos, botando por enriba o resto de salmón afumado, os ovos cocidos pelados e cortados en metades ou en cuartos, e as herbas picadas: perexil, ceboliño e eneldo.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Pódese utilizar calquera variedade e arroz que nos guste. Eu utilicei arroz vaporizado, pero pódese usar algún arroz aromático como basmati ou xasmín. Por suposto cada variedade de arroz implica unha cantidade de caldo diferente e un tempo de cocción diferente.

- A receita orixinal usa caldo vexetal en lugar de caldo de peixe. A min gústame o sabor do caldo de peixe neste prato, pero pódese usar calquera dos dous.

- Se non atopades garam masala á venda podédelo elaborar na casa. Hai unha chea de páxinas que din como facelo, por exemplo esta: Garam masala, mesturando especias na casa.

- Eu non engado nada de sal porque o salmón afumado adoita ser bastante salgado. De todos os xeitos, convén comprobar o punto de sal antes de servir.


Un prato facilísimo e cun resultado realmente bo, para comer ao mediodía ou para cear e, se alguén quere (eu non...hh), tamén para almorzar...

sábado, 22 de xaneiro de 2011

Pilaf de quínoa con chourizo vexetariano e puré de pataca doce

A receita de hoxe é unha receita Top Chef, e non porque sexa un prato laborioso, nin porque requira unha preparación técnica cualificada, senón porque está sacada do concurso televisivo Top Chef, do que me declaro seguidor (aínda que non o sigo tanto como me gustaría...).

Top Chef é un concurso televisivo norteamericano, pertencente á cadea Bravo TV, e que en España se emite no Canal Cocina. Neste concurso os participantes, todos eles excelentes cociñeiros, espremen o seu talento para sacar adiante as probas de enxeño ás que os somete o xurado, presidido polo prestixioso chef Tom Colicchio. Outro aliciente que ten o programa, especialmente para o público masculino, é que a presentación corre a cargo da modelo, actriz e escritora de libros de cociña Padma Lakshmi.


Cuns concursantes que son excelentes cociñeiros, as receitas non podían de ser menos que excelentes, como esta que hoxe traio: Pilaf de quínoa con chourizo vexetariano e puré de pataca doce.


A receita é da concursante da 1ª tempada Andrea Beaman, unha entusiasta da comida saudable e natural.


Aquí está a ligazón á receita orixinal: Quinoa Pilaf.

Pilaf de quínoa con chourizo vexetariano e puré de pataca doce


INGREDIENTES (para 2 persoas):

Para o puré de pataca doce:
- 1 pataca doce grande (boniato ou batata)
- 1/2 culleradiña de curry suave
- 1/2 cullerada de manteiga
- 1 chorriño de zume de limón (opcional)
- 1 chisco de sal

Para o pilaf de quínoa:
- 120 g de quínoa
- 1/3 de litro de caldo de verduras ou de pito
- 1 cebola pequena
- 1 dente de allo
- 1 allo porro pequeno
- 1 chourizo vexetariano
- Unha poliña de sarxa fresca
- 1 presa de arandos vermellos deshidratados
- Aceite de oliva
- Sal
- Pementa negra

PREPARACIÓN:
1- Lávase ben a quínoa nun coador baixo o chorro de auga para sacarlle a saponina que a recubre. Bótase nunha pota xunto co caldo. Cócese ata que se absorbe todo o caldo (ao redor de 15 minutos). Unha vez a quínoa está cocida apágase o lume, déixase repousar 5 minutos e remóvese ben cun garfo para soltala.

2- Mentres se coce a quínoa pélase a pataca doce, córtase pola metade ao longo, e ponse a cocer (preferiblemente ao vapor) ata que ao picala estea tenra (uns 15 a 20 minutos).

3- Mentres coce a quínoa e a pataca doce, pícase fino o dente de allo, a cebola e o allo porro, e póchanse nunha tixola cun chorro de aceite de oliva. Engádese sal e pementa negra.

4- Cando a cebola estea transparente engádese o chourizo vexetariano esmiuzado (resérvase un pouco para adornar o prato xa rematado) e as follas de sarxa ben picadas e refógase todo durante un par de minutos.

5- Finalmente engádese a quínoa cocida e os arandos vermellos picados e mestúrase todo ben.

6- Unha vez cocida a pataca doce tritúrase xunto coa culleradiña de curry, a manteiga, o zume de limón e o sal até obter un puré suave.

7- Para presentar o prato colócase un aro de servir pincelado con aceite de oliva (para que saia sen romper o pilaf) e énchese coa mestura de quínoa. Sácase o aro con coidado e ponse a metade do puré á beira. Adórnase cunha poliña de sarxa e o anaquiño de chourizo vexetariano que tiñamos reservado esmiuzado.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Aínda que o termo pilaf fai referencia inequívoca ao arroz (o pilaf é un prato asiático a medio camiño entre o cuscús e a paella), eu creo que o termo se refire aquí á forma de servilo facendo unha montaña coa quínoa.

- A pataca doce, batata, boniato, camote ou chaco (Ipomoea batatas) é un tubérculo da fimilia das Convolvulaceae, orixinario de sudamérica, que tamén chegou a Europa no século XVI da man de Cristóbal Colón. Hoxe en día China cultiva o 83% da produción mundial total.


A pataca (Solanum tuberosum) é outro tubérculo, cuxo nome deriva da batata, pero non ten case nada que ver con este. A similitude dos nomes explícase do seguinte modo: resulta que a pataca doce recibe en Haití o nome de batata. Cando os españois, posteriormente, descubriron a pataca en Perú, non viron ningunha diferenza entre ambos os tubérculos e déronlles o mesmo nome (ou parecido).
Outra curiosidade da pataca doce, unha variedade de batata de carne alaranxada e doce, é que canto máis preto do ecuador se cultive máis cantidade de azucre conterá.
Poño a ligazón á wikipedia para máis información: pataca doce.

- Na receita orixinal a pataca doce non se coce, senón que se asa ao forno, ao redor de 50 minutos a 190ºC, ou ata que estea tenra ao picala.

- Pódese substituír o puré de pataca doce por puré de pataca se nos gusta máis.

- Da quínoa xa falei algunha vez, así que tamén poño a ligazón á wikipedia para maior información: quínoa.

- Se se quixese utilizar arroz en lugar de quínoa tamén daría bo resultado, aínda que xa non sería tan nutritivo.

- Para empratar usei uns aros de aceiro específicos para este fin. Se non tedes estes aros non pasa nada, non queda tan vistoso pero igual de rico.


- En lugar de arandos vermellos tamén se poden empregar outros tipos de froitos deshidratados, como bagas de goji ou mesmo unhas pasas de Corinto. Os arandos deshidratados podémolos atopar xa na maioría de supermercados (eu vinos en Carrefour, Mercadona e Eroski), e as bagas de goji xa as venden até nas gasolineiras (o día que saquei as fotos utilicei bagas de goji en lugar de arandos deshidratados).

- A receita orixinal inclúe tamén entre os ingredientes uns cogomelos shiitake. Eu non os usei porque xa sen eles é un prato bastante consistente, pero supoño que quedarán moi ben. E se en lugar de shiitake se usan champiñóns pois tampouco pasa nada.

- Pódese usar sarxa seca en lugar de fresca, pero hai que ter en conta que as herbas secas dan máis sabor ao prato que as frescas, así que hai que ter coidado coas cantidades.


Unha receita fácil, totalmente vexetariana, moi nutritiva, e coa que quedar como un top chef...

luns, 27 de decembro de 2010

Muffins de cabaza e améndoa

A receita que publico hoxe parece unha reedición dos muffins de cabaza de Jamie Oliver que xa publicara hai algún tempo, pero esta vez os ingredientes cambian un pouco, aínda que segue aparecendo a cabaza crúa como ingrediente principal.


Esta vez a receita non é de Jamie Oliver, aínda que a súa autora, Harry Eastwood, tamén é inglesa e tamén ten un programa de cociña na tele. Está sacada do seu libro Red Velvet Chocolate Heartache: The ultimate feel-good book of natural cakes that taste naughty


A diferenza cos muffins de Jamie Oliver é que os que traio hoxe non levan nin noces picadas nin aceite, e a fariña de trigo é substituída por fariña de arroz e fariña de améndoa. Polo demais, o proceso de elaboración é bastante similar.

Teño que dicir que eu atopei esta receita no blog Bocados de Cielo, e que este, á súa vez, sacou a receita do blog Time4Tea. Unha mostra de que a receita é boa é que se vai pasando de blog en blog (esperemos que non termine o seu percorrido no meu...hh).

Muffins de cabaza e améndoa


INGREDIENTES (para 12 muffins):
- 200 g de cabaza crúa
- 160 g de azucre
- 100 g de fariña de améndoa
- 100 g de fariña de arroz
- A reladura e o zume dunha laranxa
- 2 ovos
- 2 culleradiñas de café de po Royal
- Un chisco de sal
- Azucre glas para botar por riba unha vez fríos

PREPARACIÓN:
1- Quéntase o forno a 180ºC. Tritúrase a cabaza o máis finamente posible. Resérvase.

2- Bátense os ovos co azucre até obter unha cor amarela pálido. Engádese a cabaza triturada crúa, as fariñas de améndoa e de arroz, o po Royal, o sal, a reladura e o zume de laranxa. Mestúrase todo ben.

3- Repártese esta mestura en 12 moldes de muffins e métese no forno a 180ºC durante 45 minutos.

4- Sácanse do forno, déixanse arrefriar completamente e bótase por riba un pouco de azucre glas.


PUNTUALIZACIÓNS:
- A fariña de améndoa non é máis que améndoa moída fina, do mesmo xeito que a fariña de arroz que non é máis que arroz en po. A fariña de arroz que eu utilizo é de arroz integral, ecolóxica, da marca Luz de Vida. Ultimamente xa podemos atopar nos supermercados este tipo de fariña xunto ao resto de fariñas convencionais. Se non podedes atopar esta fariña podédela substituír por fariña de trigo.

- A cabaza debe triturarse crúa, con ou sen pel, iso xa vai ao gusto de cada un. Iso si, en caso de usar a pel, esta ha de estar perfectamente limpa.

- O tempo de cocción no forno (45 minutos) pode parecer esaxerado para uns muffins, sobre todo se comprobamos como nos outros blogs dan outras indicacións de tempo: en Time4Tea danlle 20 minutos mentres que en Bocados de Cielo danlle de 12 a 15 minutos (descoñezo o tempo de forno que indica a receita orixinal de Harry Eastwood). O tempo de cocción, como sempre, depende de cada forno, e no meu, están perfectos ao cabo de 45 minutos...

- Os moldes pódense encher até preto do bordo posto que, aínda que si soben un pouco pola acción do po Royal, non hai perigo de que se espalle a masa fóra dos moldes ao cocer.

- Débense usar moldes de muffin, non de madalena. Aínda que teñen unha forma similar, os moldes de madalena adoitan ser de papel bastante lixeiro, e non aguantarían unha masa tan consistente como a dun muffin sen abrirse e espallarse no forno. Non hai que esquecer que as madalenas elabóranse cunha masa moito máis lixeira e esponxosa. Eu uso uns moldes de silicona que funcionan bastante ben e que, ademais, son reutilizables.


- Pódese substituír a reladura e o zume de laranxa por reladura e zume de tanxerina. Queda igual de ben.

- A pesar de non levar ningún tipo de graxa (o cal, xunto co uso da fariña de arroz, fainos máis saudables), mantéñense esponxosos e con textura húmida durante varios días (os suficientes antes de desaparecer da mesa...hh)


Unha receita das que a min me gustan: rápida, doada e cun resultado boísimo...

domingo, 12 de decembro de 2010

Spaghetti Bolognese vexetariano

A receita de hoxe é case unha repetición dos Spaghetti Bolognese con carne que xa publicara hai tempo, só que esta vez é unha receita totalmente vexetariana: Spaghetti Bolognese vexetariano.


O único que fixen é substituír a carne de vaca por soia texturizada que, unha vez rehidratada, emprégase do mesmo xeito que se fose carne auténtica, pero ofrecendo certas vantaxes:

- A primeira é o seu sabor, posto que ao non ter un sabor definido, absorbe os sabores da salsa na que se cociñe, neste caso salsa de tomate. A verdade é que deixamos de preparar os espaguetis con carne porque a carne picada cada vez ten peor sabor e, aínda que a pique o carniceiro diante de ti, non sempre sabe ben. Así que, unha vez descuberta a soia texturizada e as vantaxes que ofrece ante a carne picada, desterramos esta última definitivamente da nosa cociña.

- A segunda é que, ao vir deshidratada, pódese ter sempre na casa e rehidratala un cinco minutos antes de ser utilizada.

- A terceira é o seu prezo, posto que é un produto moi barato aínda que se trate de soia de procedencia ecolóxica.

- A cuarta é que rende moito. Cun paquete de 200 gramos de soia texturizada deshidratada pódese facer esta receita até 6 veces.


INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 160 g de espaguetis
- 30 g de soia texturizada deshidratada
- Un dente de allo
- Unha cebola mediana
- Un bote de tomate frito ou tomate natural triturado
- Unha culleradiña de tomate concentrado
- Alfábega, tomiño e ourego secos
- Sal
- Pementa negra recentemente moída
- Aceite de oliva
- Queixo parmesano recentemente relado

PREPARACIÓN:
1- Ponse unha pota ao lume con abundante auga e algo de sal, e cócense os espaguetis o tempo que nos indiquen as instrucións do paquete.

2- Mentres, ponse os 30 gramos de soia deshidratada nun bol e cóbrese con auga fría. Ao cabo de cinco ou seis minutos escórrese ben apertándoa un pouco contra o coador para que solte ben toda a auga.

3- Quéntase un pouco de aceite de oliva noutra pota máis pequena. Pícase o dente de allo e a cebola e engádense á pota. Déixase fritir sen que se queimen.

4- Cando estean fritos engádese a soia rehidratada, mestúrase todo ben e engádese o tomate frito e o tomate concentrado. Sazónase con sal, con pementa e coas herbas aromáticas secas. Déixase cociñar durante uns minutos.

5- Unha vez cocidos os espaguetis escórrense ben, repártense en dous pratos e bótase a salsa boloñesa por encima. Se se quere, pódese relar algo de queixo parmesano por encima.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Como xa dixen antes, este prato ten a vantaxe de que todos os ingredienes que se utilizan na súa elaboración pódense ter na casa, e por tanto podemos preparar este prato, por exemplo, nun día festivo en que non hai nada aberto, ou calquera día que non nos apeteza saír a comprar ao súper.

- Eu utilizo tomate frito ecolóxico de Carrefour, que non ten nada que ver cos tomates fritos convencionais que podemos atopar na maioría de supermercados. Este que eu uso ten tanto un sabor como unha textura moito máis suaves. Ao ser tomate frito non necesita un tempo de cocción tan prolongado que se fose tomate triturado cru, posto que este ten que cociñarse durante un anaco.

- Pódese prescindir do tomate concentrado, pero este dálle un sabor moi agradable á salsa. Cunha cullerada das de sobremesa é máis que suficiente.

- A soia texturizada que eu uso é da marca italiana La Finestra sul Cielo, e é ecolóxica.


En todo o que teña que ver coa soia sempre é mellor consumir produtos ecolóxicos para tratar de evitar os transxénicos.

- Tanto as herbas aromáticas que se utilizan nesta receita como a cantidade delas a utilizar é opcional. Eu poño o tres que eu uso.


Receita rápida de facer, saborosa e, sobre todo, sa...

Saúde!!

sábado, 13 de novembro de 2010

Revolto de morcilla de León con mazá

A receita de hoxe é para min, como gran afeccionado aos revoltos, un luxazo, tanto por poder dispor de morcilla fresca de León (xentileza de Diego e Cris, grazas!!), como polo riquísima que está.


A receita é unha mestura entre a que nos pasou Cristina e outra do libro 22 Minutos do cociñeiro mallorquino de Canal Cocina Julio Bienert "Julius".


E digo mestura porque Julius proponnos neste libro un Revolto de morcilla de Burgos con mazá (páx. 152-153), e eu o único que fixen foi substituír a morcilla de Burgos por morcilla de León, nada máis.

Ao contrario do que poida parecer, este tipo de embutidos feitos con sangue non son un produto tipicamente español, aínda que si sexa moi típico nalgunhas zonas de España, como Castela e León, Asturias, etc. En Alemaña, por exemplo, tamén se elaboran as Blutwurst (salchichas de sangue). Aquí en Galicia, a pesar da nosa tradición de cría de porco e de elaboración de embutidos, a morcilla non goza nin de arraigamento nin de popularidade.

Parece ser que a morcilla ten a súa orixe en Grecia. Segundo Platón (O Mithaïcos), a morcilla foi inventada polo grego Aftónitas, e aparece xa mencionada na Odisea de Homero, aínda que sen mencionar a palabra "morcilla" propiamente, senón que Homero menciona "un ventre cheo de graxa e sangue". Tras a conquista de Grecia polos romanos, estes tomaron para si os costumes gastronómicos gregos. Máis tarde, e a medida que os romanos expandían o seu imperio por todo o continente europeo ían levando consigo os seus costumes, e no caso da Península Ibérica desenvolveuse unha tradición porcina que aínda perdura nos nosos días.

A morcilla é un embutido que se fai principalmente con sangue de porco coagulada xunto con outros ingredientes. Nas morcillas de León, ou murciellas en leonés, engádese gran cantidade de cebola xunto con allo, pemento, unto (graxa) de porco e sal, e, ao contrario que a morcilla de Burgos, nunca leva arroz.

Ao contrario do que poida parecer polo ingrediente principal, este revolto ten un sabor moi suave e moi agradable, e esta suavidade recálcase aínda máis co uso de ingredientes doces como a mazá ou as uvas pasas.

Revolto de morcilla de León con mazá


INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 1/2 morcilla de León
- 4 ou 5 ovos
- Unha mazá
- Unha presa de piñóns
- Unha presa de pasas sultanas

PREPARACIÓN:
1- Ponse a quentar un chorro de aceite de oliva nunha tixola. Mentres, quítase a pel da morcilla. Unha vez o aceite está quente bótase a morcilla desmigada e remóvese ben.

2- Mentres se vai fritindo a morcilla pélase a mazá e córtase en dados de 1 cm. máis ou menos. Cando a morcilla leva uns 5 minutos fritíndose engádense os dados de mazá, as uvas pasas e os piñóns, e vólvese a remover todo ben.

3- Pasados uns 2 ou 3 minutos engádense os ovos e remóvese cunha espátula ata que os ovos estean callados.

4- Servir ben quente.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Non é necesario engadir sal, nin pementa, nin allo, nin nada. A morcilla xa é suficiente condimento para os ovos. De todos os xeitos, non está de máis comprobar o punto de sal antes de servir e axustalo se é necesario.

- Pódese usar calquera variedade de mazá. Eu usei Granny Smith, que é unha variedade que me encanta.


Se pasades por León (ou se, coma min, tedes a alguén que pase por vós...hh) non dubidedes en levar algunha morcilla para casa. Merece a pena...