xoves, 15 de agosto de 2013

Ensalada de allos porros con Bonito do Norte

Hoxe toca receita sinxela, das de tres ingredientes, das que se preparan rápido e cómense aínda máis rápido: Ensalada de allos porros con Bonito do Norte.

Poida que resulte estraña a utilización do allo porro na ensalada, pero neste caso, ao ser allo porro en conserva, ten unha textura máis branda que o allo porro ao natural, máis apropiada para unha ensalada.

O allo porro (Allium ampeloprasum var. porrum) é unha planta da familia das liliáceas, do mesmo xeito que o allo ou a cebola. O seu bulbo é branco e alargado e ten un sabor parecido á cebola, aínda que máis suave.

O atún branco ou Bonito do Norte (Thunnus alalunga) é unha especie de atún que pasa o inverno no Atlántico, na zona das Azores, e que desde finais de primavera até principios do verán desprázase até o mar Cantábrico. A campaña do bonito comeza sobre esta época e termina a finais do verán, polo que o verán é o mellor momento para mercalo, tanto se se quere consumir fresco como para facer conserva para todo o ano.

Atún branco ou Bonito do Norte.

Non se debe confundir esta especie co atún vermello (Thunnus thynnus), que se pesca sobre todo no Mediterráneo e no Atlántico oriental, nin co bonito (así, a secas) (Sarda sarda) nin co atún claro, nome baixo o que se agrupan varias especies (Thunnus albacares, Thunnus obesus, Euthhynnus pelamis) que se capturan basicamente en augas tropicais.

De todos os anteriores, os máis apreciados son o atún vermello e o atún branco (Bonito do Norte), aínda que que debido á crecente demanda de atún vermello (sobre todo dede Xapón) unido á pesca ilegal, o número de exemplares desta especie caeu drasticamente nos últimos anos. Por este motivo, algúns cociñeiros (Darío Barrio ou Sergi Arola, entre outros) decidiron sacar das súas cartas o atún vermello ata que esta especie mostre signos evidentes de recuperación. Eu tamén decidín achegar o meu graniño de area e non consumir esta especie na casa. (WWF España - Atún Vermello)

Ensalada de allos porros con Bonito do Norte

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- Un bote de allos porros en conserva
- Un bote de pementos do piquillo
- Un bote de bonito en aceite de oliva virxe extra
- Vinagre de mazá

PREPARACIÓN:
1- Escórrense os allos porros nun coador amplo e esmáganse lixeiramente cos dedos para sacar o exceso de auga, aínda que con moito coidado para non esmagalos.

2- Colócanse nunha fonte. Sobre os allos porros colócanse os pementos cortados en tiras.

3- Ponse os anacos de bonito sobre a ensalada e aderézase co mesmo aceite do bonito e un chorriño de vinagre de mazá.

PUNTUALIZACIÓNS:
- A mellor parte do Bonito para este prato é a ventresca que, como o seu nome indica, é a zona inferior do bonito que vai desde a cabeza até o ventre. A ventresca contén 10 veces máis graxa que os lombos, polo que resulta moito máis zumenta.

- No meu caso utilicei o Bonito do Norte que preparamos o verán pasado no obradoiro de elaboración de conservas de Bonito do Norte organizado por Rubén, de Ni mata ni engorda, e que Alfonso López, de Recetas de Rechupete, explícanos paso a paso na súa páxina web, por se alguén se anima a facer conserva de Bonito do Norte en casa.

- Pódese engadir sal, aínda que no noso caso non lle engadimos, porque todos os ingredientes xa levan sal.

- O bote de allos porros que utilizamos ten un peso de 408 gramos (peso escorrido 251 gramos).

- As cantidades de allo porro, pemento e bonito, por suposto, van ao gusto.

Unha ensalada rápida e fácil, e coa vantaxe de que se poden ter todos os ingredientes en casa e preparala cando se nos antolle ou cando aparece xente na casa e queremos preparar algo diferente.

sábado, 13 de xullo de 2013

Tapas&Blogs en Narón: Pemento do Couto e Tomate Negro de Santiago

O pasado sábado día 6 de xullo tiven a oportunidade de asistir a unha nova edición do Tapas&Blogs. Esta nova edición levounos até Narón (A Coruña) para coñecer dous produtos que se cultivan na zona e que se comercializan a través da Cooperativa O Val: o Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago.

O Pemento do Couto é unha variedade de pemento, parecida aos famosos pementos de Padrón (ou de Herbón), aínda que se diferencian destes últimos en que son máis carnosos, un pouco máis grandes, e a maior diferenza: aos Pementos do Couto non se lles pode aplicar o famoso dito de "uns pican e outros non", porque non pica ningún deles.

O picante dos pementos provócao a capsaicina, un composto químico que se atopa exclusivamente nas plantas do xénero Capsicum, como a que hoxe nos ocupa, o Capsicum annuum L. ou Pemento do Couto.

O Pemento do Couto conta con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) desde xuño de 2009, quedando aprobrado o seu regulamento en maio de 2010. Pertencen a esta indicación os pementos cultivados na comarca de Ferrol, nos municipios de Ferrol, Narón, Valdoviño, Cedeira, Moeche, As Somozas, San Sadurniño, Neda, Fene, Mugardos e Ares.

A orixe desta variedade de pemento non está demasiado clara, aínda que parece ser que hai que buscalo no século XVIII no mosteiro de San Martiño de Xuvia (Narón), no que un abade deste mosteiro, despois de servir uns pementos picantes a uns ilustres visitantes, e co consecuente desagrado destes, púxose a seleccionar as sementes sen capsaicina até obter as sementes dos Pementos do Couto. Cando estes visitantes volveron anos despois ao mosteiro puideron degustar uns pementos que non picaban.

O Tomate Negro de Santiago é unha variedade de tomate vermello verdoso que case se perdeu, e agora foi recuperado polo CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo). A Cooperativa Ou Val está a facer un verdadeiro esforzo para tentar que esta variedade de tomate entre de novo no mercado e que sexa o consumidor o que decida se o tomate negro de Santiago pode competir cos kumato ou cos raf que tan de moda se puxeron ultimamente.

Despois dunha época recente na que os únicos tomates que se podían atopar nas tendas e grandes superficies eran os tomates cunha aparencia perfecta pero sen cheiro e sobre todo sen sabor, agora a tendencia é a volta á orixe, ao tomate "feo", ao tomate non homoxéneo en cor, ao tomate con disparidade de calibre, en definitiva, ao tomate que sabe a tomate, e nisto, o tomate negro de Santiago ten moito que dicir.

Na nosa visita aos invernadoiros onde se produce, puidemos comprobar que, simplemente cunhas areas de sal, ten un sabor realmente intenso.

Ao contrario que os tomates de consumo masivo, eses con esa cor vermella perfecta que podemos atopar todo o ano no supermercado, o tomate negro de Santiago é un produto estacional que só se atopa durante o verán e en moi poucos lugares que estean afastados da súa zona de produción. Ademais, o feito de recollelos no seu punto óptimo de maduración, fai que a súa durabilidade non sexa demasiado prolongada.

Pasemos ao evento propiamente dito.

Comezamos a xornada na sede da Cooperativa O Val, onde fomos recibidos por Pablo Villamar, concelleira de Promoción Económica; María Rodríguez Porto, concelleira de Turismo; e por Benito Castro, presidente da Cooperativa O Val. O propio Benito acompañounos a visitar uns invernadoiros onde se cultivan tanto o Pemento do Couto como os Tomates Negros de Santiago. Alí, in situ, puidemos comprobar as tremendas propiedades culinarias deste último.
María Rodríguez, Pablo Villamar e Benito Castro
A continuación dirixímonos ao mosteiro de San Martiño de Xuvia, lugar que tradicionalmente se considera a orixe do Pemento do Couto.
Mosteiro de San Martiño de Xuvia
Alí, o historiador, arqueólogo e arquiveiro do Concello de Narón, Andrés Pena Graña, contounos a historia da orixe deste pemento, así como outras relacionadas co mosteiro e coa súa historia.
Andrés Pena Graña
Despois dirixímonos ao Restaurante Casa Pendás onde, da man do chef Alfonso González Pendás, tivemos ocasión de degustar algúns pratos elaborados cos dous produtos protagonistas do día.

Comezamos cuns Pementos do Couto fritos no momento do aperitivo.

Xa no salón, o primeiro prato consistiu nunha sinxela ensalada con tomate negro, pemento do Couto cru e leituga. Todo iso aderezado simplemente con sal Maldon e aceite de oliva virxe extra.

A ausencia de vinagre no prato responde a que este enmascararía o sabor do tomate.

O seguinte prato era un tomate negro escalfado, con pemento do Couto en tempura, ali oli e guisantes crus.

A continuación un lagostino á prancha marcado só por unha banda, con millo, sobre marmelada de tomate negro.

O peixe consistiu, primeiro nunha pescada de Celeiro con salsa de pemento do Couto...

...e despois nun lombo de atún á prancha con pemento vermello e tirabeques.

O prato de carne consistía nunha carrilleira de tenreira con redución da súa propia salsa, pemento do Couto frito e brote de allo porro.

E xa para a sobremesa, o prato quizais máis sorprendente de todos: uns careixóns (amorodos silvestres) con tomate negro e vinagre balsámico.

Un menú de luxo no que os ingredientes protagonistas eran uns humildes pementos e tomates. Pero esta vez tratábase duns pementos e uns tomates de excepcional calidade: o Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago.

Esperemos que na Cooperativa O Val sigan traballando tan duro como até agora na divulgación destes dous produtos, e que podamos atopalos cada vez con maior facilidade en todos os mercados non só da comarca de Ferrol, senón nos de toda Galicia e mesmo España para que todos podamos gozar deles.

mércores, 3 de xullo de 2013

Sanxenxo Degusta Tapas

O domingo día 16 de xuño tiven a oportunidade de asistir en Sanxenxo a un encontro de gastrobloggers organizado ao redor da IV edición do certame Sanxenxo Degusta Tapas, organizado polo Concello de Sanxenxo e por Turismo de Sanxenxo.

A edición deste ano celebrouse do 17 de maio até o 23 de xuño, e foi a edición máis numerosa en canto ao número de participantes e en canto ao número de tapas presentadas a concurso, posto que participaban un total de 34 establecementos e presentáronse un total de 79 tapas.

Aquí está a miña crónica do vivido (e sobre todo do comido) eses días.

Como cheguei o día anterior, xa puiden empezar a probar pola miña conta algunhas das tapas que se presentaban a concurso. Hei de dicir que, de entre todas as propostas, había tapas para todos os gustos. Sorprendeume a presentación do Sandwich de mar e do Canutillo de choco, do Paseo Gastrobar, aínda que logo o seu sabor non fose do todo bo. Gustáronme, pola súa sinxeleza, as tapas da Taberna Arca, especialmente as Cocochas de bacallau. Sorprendéronme tamén as tapas presentadas a concurso por La Taberna de Rotilio, non xa pola indubidable calidade das tapas deste ex estrela Michelín, senón pola inclusión d Trío de profiteroles salgados no grupo de tapas tradicionais, posto que a Sardiña afumada con tomate e queixo parmesano participaba como tapa creativa. A noite terminou cuns Cacahuetes ó sol, cóctel presentado a concurso na Cervecería Ámbitus (Sanxenxo) na modalidade de cócteles con alcol. Un cóctel moi doce aínda que agradable de beber, con base de crema de whisky, licor de abelá, cacahuetes triturados (ou quizais manteiga de cacahuete) e xeo picado.

Ao día seguinte, unha vez reunidos os bloggers participantes, Eugenio García de A cociña delokos, Rocío Garrido de La cocina de mi Abuelo, Anna Mayer de Annalibera, Jorge Guitián de Diario del gourmet de provincias y del perro gastrónomo, Fidel Martín de El turista cultural, e eu, dirixímonos ao porto de Portonovo, onde nos esperaba José Antonio Gómez, patrón maior da confraría de pescadores de Portonovo, quen nos explicou algúns aspectos sobre o funcionamento do porto pesqueiro, así como os diferentes tipos de artes de pesca que empregan os pescadores deste porto, como o cerco ou o xeito, ou as especies máis habituais que chegan aquí, como a sardiña ou a pescada.
José Antonio Gómez
Tamén tivemos a oportunidade de visitar a lonxa, que está en obras, e que, cando se termine, disporá dun lugar ao que poderán acceder os turistas para ver o funcionamento da poxa do peixe sen entorpecer a traballadores nin a compradores.

A seguinte visita foi a realizada á adega Eidos de Padriñán, tamén en Sanxenxo. Alí, da man dos responsables da adega, tivemos a oportunidade de visitar algunha das viñas das que saen as uvas coas que se elaboran os deliciosos caldos que tivemos ocasión de catar na marabillosa terraza da adega: Eidos de Padriñán, Veigas de Padriñán, e un sorprendente Contraaparede, madurado durante case 4 anos en cubas de aceiro.
Cata de viños en Adega Eidos
Todas as variedades son elaboradas con uva albariña 100%. Como se pode apreciar na foto, en plena floración.
Floración da uva albariña
Unha vez terminada a visita á adega, comezamos coa degustación das tapas presentadas a concurso. A primeira parada levounos a Todoababor (Portonovo). As tapas presentadas a concurso eran unhas Nécoras recheas, os Ovos Todoababor e, a mellor do tres, Guiso mariñeiro.
Guiso mariñeiro. Todoababor (Portonovo)
A seguinte parada, e sen saír de Portonovo, foi o Mar do Pintor. As tapas eran unha Brocheta de peixe, e unha Hamburguesa do Mar. As dous bastante boas, aínda que a esta última faltáballe algún ingrediente que lle dese algo de humidade.
Brocheta de peixe. Mar do Pintor (Portonovo)
A continuación fómonos até Sanxenxo, ao Restaurante Sabino, un lugar no que, aínda que non é lugar de tapeo ao uso, deleitáronnos cun delicioso Foie de rape con salsa mariña na categoría de tapa creativa, e uns non menos deliciosos Chipiróns recheos con salsa bilbaína na categoría de tradicional.
Foie de rape con salsa mariña. Restaurante Sabino (Sanxenxo)
Seguidamente, e sen saír de Sanxenxo, dirixímonos ao Bar Berberecho. As tapas deste local consistían nuns Ovos rotos con patacas novas e crocante de xamón, e nun Falso risotto de berberechos e queixo do Cebreiro. As dúas tapas estaban ben, aínda que a substitución de arroz por orzo (que é unha pasta seca con forma parecida a un gran de arroz) no falso risotto non acabou de convencerme.
Falso risotto de berberechos e queixo do Cebreiro. Bar Berberecho (Sanxenxo)
E por fin, xa a última etapa do noso percorrido levounos até o Ollares da Ría, nos arredores de Sanxenxo. Un restaurante cunhas vistas espectaculares sobre a ría de Pontevedra.
Ría de Pontevedra coas Illas Cíes ó fondo. Restaurante Ollares da Ría (Sanxenxo)
Alí puidemos degustar as tres tapas presentadas a concurso: Surtido de cogomelos e champiñóns encebolados, Carrilleira estofada con uvas confitadas ao tomiño limoneiro, e unha "Zamburguesa" sobre panciño de sésamo con cebola confitada, brotes tenros e guarnición de pataca. A zamburguesa non é máis que a curiosa combinación nunha hamburguesa de zamburiñas e carne de porco.
Zamburguesa sobre panciño de sésamo con cebola confitada, brotes tenros e guarnición de pataca. Restaurante Ollares da Ría (Sanxenxo)
Sacando forzas de onde non había, tomámonos a sobremesa, que consistiu nun Coulant de chocolate.
Coulant de chocolate. Restaurante Ollares da Ría (Sanxenxo)
E xa para terminar un cóctel que tamén se presentaba a concurso dentro da categoría de cocteis con alcol: Combinado de froitos do bosque.

Todas estas tapas que acabo de mencionar aquí, non son máis que unha pequena representación de todas as tapas que se presentaban a concurso. Probalas todas en dous días, obviamente, resultaría imposible. E o feito de que en cada edición do concurso non deixen de medrar tanto os locais participantes como as tapas presentadas a concurso, demostra o interese crecente, por parte tanto de hostaleiros como de clientes, nunha oferta cada vez máis variada e en produtos cada vez de maior calidade.

Aquí están os gañadores deste ano:
TAPAS:
- TAPA CREATIVA DO PÚBLICO: O Rincón dos Barcos, co Solombo en pincho con tetilla e uva doce.
- TAPA TRADICIONAL DO PÚBLICO: Bar Berberecho, cos Ovos rotos con patacas novas e crocante de xamón.
- TAPA CREATIVA DO XURADO PROFESIONAL: La Taberna de Rotilio, coa Sardiña afumada con tomate e queixo parmesano.
- TAPA TRADICIONAL DO XURADO PROFESIONAL: Lito Pescador, con Unha noite no muíño.

COCTEIS:
- CÓCTEL CON ALCOL DO PÚBLICO: Horus Coffee Drink, con Sangririnha Tropical.
- CÓCTEL SEN ALCOL DO PÚBLICO: Horus Coffee Drink, con Sunset Mojito.
- CÓCTEL CON ALCOL DO XURADO PROFESIONAL: O Rincón dos Barcos, Daikiri de sandía.
- CÓCTEL SEN ALCOL DO XURADO POPULAR: Me Da Igual Cocktail Café, con Yammy pineapple.

Noraboa aos gañadores!!!

luns, 27 de maio de 2013

Salmón en croûte

Este prato fíxeno o domingo pasado e encantounos. Rápido, sinxelo e rico. Na liña que nos ten afeitos xa Jamie Oliver: salmón en croûte.

Esta receita está sacada do libro La Escuela de Cocina (Ministry of Food) de Jamie Oliver, un libro de cociña para principiantes no que Jamie Oliver proponse que calquera que non cociñase nada nunca, sexa capaz de facer calquera dos pratos que aparecen aí. Así que, non fai falta dicir que esta receita non entraña ningunha dificultade.

O termo "en croûte" significa literalmente "en cortiza", e é unha técnica de cociña que consiste en preparar algunha comida dentro dunha masa follada e cociñala no forno. Neste caso, o salmón non queda totalmente envolvido na masa follada, senón só parcialmente.

Salmón en croûte

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 250 g de masa follada rectangular
- 500 g de salmón nun só filete
- 2 culleradas de paté de olivas negras
- Unhas follas de alfábega fresca
- 2 tomates maduros
- Media bóla de mozzarella fresca
- Aceite de oliva
- Sal e pementa negra recentemente moída
- 1 ovo

PREPARACIÓN:
1- O primeiro que hai que facer é preparar o filete de salmón. Para iso hai que sacarlle todas as espiñas con axuda dunha pinza. A pel déixase.

2- Estírase a masa follada ata que sexa un pouco máis grande cá peza de salmón. Bótase un pouco de fariña na bandexa do forno e colócase a masa follada encima.

3- Salpeméntase o salmón polos dous lados, rocíase cun pouco de aceite de oliva e colócase no centro da placa de masa follada coa pel cara abaixo.

4- Esténdese unha fina capa de paté de olivas por encima do filete. Colócanse as follas de alfábega por encima, unhas rodelas de tomate, e uns anacos de mozzarella. Vólvese a salpementar todo ben e bótase un pouco de aceite de oliva por encima.

5- Dóbranse os lados da masa follada cara a dentro pero sen tapar o salmón.

6- Bátese o ovo e, coa axuda dun pincel, píntase a masa follada.

7- Métese no forno prequentado a 200ºC durante uns 35 minutos ou ata que se vexa que a masa follada está ben douradiña.

PUNTUALIZACIÓNS:
- É conveniente que o filete sexa da parte dianteira ou intermedia do salmón para que sexa unha peza rectangular. Se a comprásemos da parte da cola, tería forma triangular e non se cocería de modo uniforme.

- A masa follada pode ser fresca ou conxelada, pero é importante que teña forma rectangular e non redonda.

- Para sacar as espiñas do salmón eu utilizo unha pinza de depilar. Non é un traballo tan laborioso como pode parecer a priori e, á hora de comelo, agradécese non atopar ningunha espiña no prato, especialmente se hai nenos sentados na mesa.

- A cantidade de paté de olivas é orientativa. Pódese botar máis ou menos cantidade en función de se gusta máis ou menos. Este paté pódese atopar con facilidade en tendas gourmet, grandes superficies ou tendas de comida ecolóxica. Aínda que o que eu usei só leva olivas negras, aceite, sal e herbas, tamén se pode substituír por unha tapenade provenzal de olivas negras e anchoas.

- Este prato tamén queda moi ben con troita ou mesmo cun peixe menos graxo como o bacallau.

Un prato espectacular que calquera pode preparar sen problemas.

Bo proveito!!

domingo, 19 de maio de 2013

Gofres belgas con cervexa

Hai tempo comprei a gofreira do Lidl e, despois de buscar receitas por aí, atopei esta nun dos meus blogs de referencia: i-receitas. Esta receita gustoume especialmente porque é a receita tradicional dos gofres belgas, e ademais porque está feita con cervexa belga, ao contrario que moitas receitas que se poden atopar pola rede, e iso, para un cervexeiro, decídeo todo.


A pesar de que me cinguín bastante á receita orixinal, engadín un ingrediente que, para min, fai que os gofres teñan un toque especial: o azucre perlado. Sei que por aquí non é nada fácil de atopar e, se o atopas, págalo a un prezo bastante elevado, polo que a miña opción foi facelo eu mesmo e case ao momento (logo explicarei como).

A cervexa que empreguei para a masa dos gofres é a witbier de Hoegaarden.


As witbier belgas ou cervexas brancas de Bélxica teñen a súa orixe en Brabante e en Lovaina, e caracterízanse pola súa turbidez pálida (de aí o nome de cervexas brancas), e por estar aromatizadas con casca de laranxa curaçao e con cilantro, o cal lles confire un sabor lixeiramente acedo e refrescante, ademais do lixeiro amargor proporcionado polo lúpulo. Son cervexas de trigo (o cal vai moi ben para a elaboración desta sobremesa a base de fariña de trigo), aínda que o trigo destas cervexas, a diferenza das cervexas de trigo alemás, é trigo cru, sen maltear. Son cervexas, como xa dixen, con moi pouco amargor, polo que o seu sabor non se notará excesivamente nos gofres.

Gofres belgas


INGREDIENTES (para 8 gofres):
- 5 g de fermento fresco de panadaría (ou 2 g de fermento seco)
- 4 ovos
- 70 g de azucre
- 5 ml de esencia de vainilla
- 150 ml de cervexa de trigo belga
- 300 g de fariña de forza
- 100 g de manteiga derretida e fría
- Un chisco de sal
- 70 g de azucre perlado
- Uns 20 g de manteiga derretida quente para pincelar a gofreira.

AZUCRE PERLADO:
- 70 g de azucre
- 70 g de auga aprox.

PREPARACIÓN:
1- Nun bol mestúranse o fermento, os ovos, o extracto de vainilla, o azucre e a metade da cervexa. Bátese ben coas varillas.

2- Vaise engadindo a fariña aos poucos, mesturando con coidado. Cando estea integrada engádese a manteiga derretida, a outra metade da cervexa e o sal. Mesturar ben até obter unha masa homoxénea.

3- Déixase repousar unhas 12 horas fóra da neveira ou unhas 24 dentro da neveira, tapado con film transparente.


4- Pasado ese tempo veremos que subiu bastante e está esponxada. Engádese o azucre perlado e remóvese todo ben.

5- Pór a quentar a gofreira e derreter a manteiga no microondas. Cando a gofreira acade a temperatura, pincélase coa manteiga e engádense un par de porcións de masa. Cocíñanse os gofres ata que estean tostados, pero sen chegar a queimarse.

6- Continuar até rematar toda a masa.

7- Pódense comer sós, aínda que o mellor é acompañalos con xarope de pradairo, chocolate derretido, xeado, froita fresca, marmelada, etc.


AZUCRE PERLADO EXTRARRÁPIDO:
- Bótase o azucre coa auga nunha tixola como para facer caramelo. Unha vez "seque" o azucre, e antes de que empece a queimarse, bótase sobre un papel de enfornar e espérase a que se solidifique.

- Unha vez solidificado, tápase co propio papel coma se fose un sobre e machúcase co rolete, aínda que sen pasarse porque nos interesa que nos queden "perlas" de azucre e non volver ao estado orixinal do azucre.

PUNTUALIZACIÓNS:
- A cervexa Hoegaarden wit é relativamente fácil de conseguir en moitos supermercados e grandes superficies. Se non se consegue, pódese usar algunha cervexa de trigo alemá, como a archicoñecida Franziskaner, ou mellor a Paulaner weiss. Se non se pode conseguir ningunha destas cervexas, ou simplemente non se ten a man, pódese usar calquera, aínda que non vou ser eu quen descubra que a calidade dos ingredientes ten relación directa coa calidade do resultado final do prato.

- En lugar de usar fermento de panadaría, no meu caso utilicei lías de fermento que quedaron no fondo do fermentador na última quenda de cervexa caseira. Desde que vin nun documental como as uitilizaban nunha granxa alemá para fabricar pan de cervexa, a miña intención sempre foi darlles algún uso en lugar de tiralas polo desaugadoiro, e teño que recoñecer que é a primeira vez que obteño uns resultados satisfactorios (4 culleradas para esta receita).


- Obviamente, en caso de non poder conseguir lías de cervexa frescas, a única alternativa é a utilización de fermento de panadaría, ben sexa fresco, ou ben seco. O que non vale en ningún caso é o fermento químico, po de enfornar, ou como se lle queira chamar, porque ese fermento (que non é fermento) é adecuado para masas batidas que non teñen que levedar.

- Pódese facer a metade de cantidade para catro gofres, aínda que o mellor é aproveitar para facer os oito gofres aínda que non se vaian a comer, porque se poden conxelar. Neste caso o único que hai que facer é non cociñalos tanto para poder terminar de cociñalos despois de sacados do conxelador.

- A maneira de facer o azucre perlado que puxen anteriormente quizais non sexa a máis ortodoxa, pero sácate do apuro. Tamén se pode facer da maneira tradicional, é dicir, deixando o xarope durante varios días nun recipiente ata que se solidifica. Hai unha chea de ligazóns pola rede, só hai que teclear "receita azucre perlado" en calquera buscador e listo.

- Non importa se os gofres non quedan cunha forma perfecta e todos iguais. Suponse que son caseiros, non?


A mellor bebida para acompañar a estes gofres é, sen dúbida, unha cervexa belga, sexa Hoegaarden ou calquera outra... ;)