xoves, 25 de agosto de 2011

Torta en cazola

A receita de hoxe é a copia dunha torta que foi bastante popular na miña casa hai xa algún tempo. Foi tan habitual nas sobremesas dos días de festa que acabou aburríndonos un pouco, pero iso si, agora temos unha boa colección de cazolas de barro. Non lembro exactamente o nome da torta (nin sequera sei se tiña un nome...), nós coñeciámola como a torta en cazola.


Ao principio comprabámolas na pastelaría, e de feito hai polo menos un par de pastelarías aquí en Ourense que a seguen facendo, pero como non parecía moi complicada de imitar decidín facela eu mesmo, e o resultado foi que pasamos do "Hai que ir á pastelaría (...) a por unha torta de cazola" a "Manu, farás a torta de cazola, non?"...

O caso é que levaba xa bastante tempo sen facela e hai uns días fíxena outra vez por petición expresa da miña nai, posto que é a súa favorita e porque eran as festas do pobo (unha desculpa como outra calquera...)

Puxen a receita tal e como eu a fago, que é como adoitaba facela e como veño facendo desde sempre, aínda que obviamente, como aparecerá despois nas puntualizacións, pódese variar.

Torta en cazola


INGREDIENTES:
- 18 sobaos aproximadamente

PARA O FLAN:
- 1/2 litro de leite
- 1 sobre de flanín "El Niño"
- 40 g de azucre

PARA A CREMA CHANTILLY:
- 1/2 litro de nata para montar
- 30 g de azucre
- 1 sobre de azucre vainillado

PARA A XELATINA DE CARAMELO:
- 60 g de azucre (3 culleradas sopeiras)
- 1 vaso de auga (150 ml.)
- 2 follas de xelatina neutra

Necesitaremos tamén unha cazola de barro de 20 cm de diámetro.


PREPARACIÓN:
1- Primeiro prepárase o flan do modo que nos vén indicado no sobre. Para iso sepárase unha cunca de leite e vértese o resto nunha pota xunto co azucre. No leite que está reservado vértese o contido do sobre de flanín e remóvese ben ata que estea completamente diluído e sen grumos (unhas varillas pequenas axudan bastante a facer isto).


2- En canto o leite está a piques de ferver engádese o contido da cunca e reméxese constantemente cunhas varillas ata que espese un pouco. Unha vez espese retírase do lume e resérvase. De cando en vez danse unhas voltas de varilla que axudarán a que arrefríe con maior rapidez e non se forme costra.

3- Mentres arrefría un pouco o flan, córtanse os sobaos lonxitudinalmente en dúas metades iguais, é dicir, dun sobao normal sácanse dous máis estreitos.


4- Fórranse as paredes e o fondo da cazola cos sobaos, tentando non deixar ningún espazo entre eles.


5- Unha vez forrada a cazola móntase a nata co azucre e o sobre de azucre vainillado. Unha vez feita a crema Chantilly vértese na cazola e esparéxese de maneira uniforme. Cóbrese esta crema con outra capa de sobaos.


6- Encima da capa intermedia de sobaos vértese o flan xa algo tépedo, esparéxese con axuda dunha culler ou unha espátula para que quede liso, e déixase arrefriar. Unha vez fría de todo métese na neveira.


7- Despois de arrefriar ben, e con axuda dun coitelo ben afiado, vanse recortando os anacos de sobao que exceden os bordos da cazola ata deixalos todos á mesma altura.

8- Agora toca preparar a xelatina. Para iso bótanse dous culleradas sopeiras de azucre nun cazo e ponse ao lume para que se faga caramelo. Déixase que se toste un pouco sen que chegue a queimarse e, con moito coidado!!, engádese o vaso de auga e reméxese ben sen apartalo do lume. Mentres tanto, póñense as dúas follas de xelatina a remollo en auga fría para que abranden.

9- Unha vez volva ferver o caldo de azucre engádese a última cullerada sopeira de azucre e reméxese ata que se disolva. Unha vez disolto o azucre retírase do lume, engádense as follas de xelatina e reméxese para que se integre no caldo de azucre.

10- Sacamos a cazola da neveira e, con moito coidado e sen mover a cazola, vanse botando culleradas de caldo de azucre por encima de todo o flan. O caldo de azucre, ao estar frío o flan, solidificarase deseguido, aínda que debemos asegurarnos de está sólida antes de devolver a cazola á neveira.


PUNTUALIZACIÓNS:
- É mellor preparar esta torta o día anterior, porque así os sobaos empaparanse un pouco e non estarán tan secos.

- Os sobaos que eu utilizo son os pequenos, os rectangulares. Por suposto tamén se poden utilizar os grandes cadrados, aínda que para esta torta os pequenos son máis manexables que os grandes.


- Flanín "El Niño" é unha marca comercial que pertence a Maizena. É a que eu utilicei de sempre porque é o que sempre houbo na miña casa. Por suposto pódese utilizar calquera outro flan da marca que se queira ou mesmo facer unha crema pasteleira caseira con xema de ovo, leite, azucre e fariña.

- A crema Chantilly (ou chantillí) é unha crema feita con nata e azucre, e aromatizada con vainilla e, como o seu nome indica, é orixinaria da cidade francesa de Chantilly. Foi preparada por primeira vez no castelo desta cidade polo cociñeiro francés de orixe suíza François Vatel, e desde entón é utilizada en infinidade de sobremesas.

- A xelatina non é conveniente que estea demasiado tempo a remollo en auga fría, porque acabará desaparecendo. O fabricante indica que debe estar uns 4 minutos. O peso de cada lámina de xelatina é de 1,6 gramos.


Probablemente algúns coñezades esta torta e vos traia recordos de infancia como a min, e outros que non a coñezades vos apeteza probala. A pesar do que poida parecer, é unha receita moi sinxela, iso si, non apta para dietas hipocalóricas...

domingo, 31 de xullo de 2011

Azucre invertido

O azucre invertido é a combinación de glicosa e fructosa. O seu nome fai referencia a que o poder rotatorio da solución fronte á luz polarizada é invertido polo proceso de hidrólise que separará a sacarosa nas súas dúas subunidades.

Esta é a definición de azucre invertido que nos dá a wikipedia, e por estraño que nos poida resultar este azucre, hai que dicir que que uso é en grao sumo cotián en repostaría e pastelaría industrial, así como na preparación de xeados, debido ao seu poder anticristalizante. Este "poder" é o que me levou a interesarme por este azucre e o que fixo que acabase fabricándoo na casa.


Ao contrario do que poida parecer, é sinxelísimo de preparar, e ten, como xa dixemos, certas vantaxes con respecto ao azucre tradicional:

- Este xarope é menos doce que a sacarosa, pero ten maior poder adozante que esta (un 30% máis).
- Dificulta a cristalización da auga (moi útil na fabricación caseira de xeados).
- Acelera a fermentación das masas de lévedo, xa que é fermentado directamente por este.

Non se pode substituír a totalidade do azucre dunha receita (sacarosa) por azucre invertido. Aquí vai unha táboa de dosificación deste azucre:

- En xeados debe representar entre un 20 e un 25% do total do azucre. É dicir, se a receita nos indica 100 gramos de azucre, cambiámolos por 75 gramos de azucre e 25 gramos de azucre invertido.

- En bolería (masa fermentada) o ideal é utilizar entre un 50 e un 70% do azucre total. Pódese usar tamén para dar brillo.

- En madalenas, biscoitos, muffins, etc (masa batida) o ideal é que represente entre un 10 e un 20% do total de azucre.

Para preparar este azucre seguín as indicacións do blog de Nenalinda, coas cantidades que alí aparecen, e seguindo o método convencional (sen Thermomix). Noutras páxinas onde aparece esta receita poderán variar tanto os ingredientes como o método de preparación, aínda que supoño que o resultado será o mesmo ou parecido.

É importante, antes de comezar, contar cun termómetro que mida, polo menos, até os 100ºC.

Azucre invertido

INGREDIENTES:
- 150 ml de auga mineral
- 350 g de azucre
- 1 sobre dobre de gasificante de repostaría (sobre branco + sobre morado)


PREPARACIÓN:
1- Mesturar nun cazo o azucre co contido do sobre branco (ácido tartárico e málico) e coa auga. Pór ao lume, dar unhas voltas para axudar a disolver o azucre e esperar a que ferva. Unha vez comeza a ferver, remexer durante un minuto e retirar do lume.

2- A medida que vai arrefriando hai que controlar a temperatura co termómetro. Unha vez alcanzados os 50ºC engádese o contido do sobre morado (bicarbonato sódico) e remóvese ben. Empezará a burbullear moi activamente.


3- Deixar arrefriar completamente antes de embotellar.

PUNTUALIZACIÓNS:
- O azucre invertido é líquido, non cristaliza, e por tanto hai que gardalo nun tarro ou nunha botella. Eu aproveitei a botella do sirope de arce para embotellar o meu.

- Consérvase a temperatura ambiente durante dez meses sen ningún problema.

- Os sobres que eu usei para preparar este azucre cómproos en Mercadona, ao prezo de 35 céntimos a caixa de 8 sobres dobres.


- Pódese substituír o sobre de ácido tartárico e málico (sobre branco) por un sobre de ácido cítrico.

- O nome comercial deste azucre é Trimoline, e pódese atopar tanto en forma de xarope (como o noso) ou como pasta esbrancuxada de disolución instantánea.

- O mel é un azucre invertido natural: o bucho das abellas contén unha invertasa (beta-fructosidasa) que transforma o exceso de sacarosa do néctar. O "problema" que ten o mel, e non o azucre invertido, é o sabor: se usamos mel na elaboración de xeados, o xeado resultante terá sabor a mel, e nalgúns casos non queremos iso...

- O meu azucre quedou dunha cor ambarina debido, probablemente, a que o azucre que utilicei para facelo era azucre branco ecolóxico, que é un pouquiño máis escuro que o azucre convencional. O normal é que quede un pouco máis claro.


Fabricar xeados na casa é bastante sinxelo (máis se se dispón dunha xeadeira), e se queremos que nos quede unha textura cremosa como os que compramos habitualmente, o azucre invertido é un bo aliado...

martes, 26 de xullo de 2011

Vinagre de framboesa

Hai tempo que quería publicar esta "receita" porque hai xa bastante tempo que fago este vinagre na casa, ou máis ben, que aromatizo este vinagre na casa, porque iso é exactamente o que fago: engadir unas cantas framboesas ao vinagre de mazá e esperar a que estas tingan de cor vermella e enchan de aroma o, xa de seu aromático, vinagre de mazá.


Pódese utilizar do mesmo xeito que os outros vinagres, sobre todo para aderezar ensaladas, aínda que tamén ten usos máis culinarios.

Como acabo de dicir, non se trata de facer fermentar zume de framboesa para logo converter o alcol en ácido acético, nin nada polo estilo. Moito máis sinxelo que todo iso. Pero imos coa receita...

Vinagre de framboesa

INGREDIENTES:
- 1/2 kg de framboesas frescas
- 1 litro de vinagre de mazá (preferiblemente ecolóxico)

PREPARACIÓN:
1- Pésanse as framboesas e bótanse nun tarro de cristal de peche hermético, sen lavalas para evitar que leven auga.

2- En función do peso das framboesas calcúlase 1 litro de vinagre de mazá por cada 500 g de framboesas, que se verte por encima das framboesas (no meu caso, por exemplo, usei 1.320 ml de vinagre de mazá para 660 g de framboesas).

3- Péchase hermeticamente o tarro e déixase repousar durante un mes.

4- Ao cabo deste tempo (ten que verse un vinagre limpo e transparente) fíltrase por coador de trapo para limpar todas as impurezas e embotéllase.


PUNTUALIZACIÓNS:
- É conveniente que as framboesas estean o máis limpas posibles e que non leven restos de po ou de terra, porque a pesar de que quedarían atrapados no coador de trapo á hora de filtrar, poderían dar sabores desagradables ao vinagre. Se as framboesas son compradas, suponse que xa virán limpas.

- Non se debe apertar o coador de tea coas framboesas dentro para tratar sacar a maior cantidade de vinagre posible. Eu fíxeno algunha vez e o resultado é un vinagre bastante turbio e con bastante sedimento no fondo. Para obter un vinagre transparente bastará con filtrar e deixar que salga até a última pinga polo seu propio peso.

- O vinagre que eu utilizo é o de mazá, tamén chamado vinagre de sidra (para obter acedo acético do zume da mazá primeiro haberá de fermentar, co cal xa obtemos a sidra). A principal vantaxe que ten o vinagre de mazá con respecto ao de viño é que o de mazá contén ademais de ácido acético, presente en todos os vinagres, ácido málico que exerce un efecto laxante e depurativo no corpo. Aínda que o ácido málico atópase en todas as froitas acedas, é a mazá (Malus domestica) a que lle dá o seu nome. O ácido málico é máis suave que o ácido acético, por iso o vinagre de mazá é un pouco máis suave que o vinagre de viño.

- As framboesas que eu utilizo son da mesma variedade que as que uso para facer a miña marmelada de framboesa. Son algo máis grandes que as que se poden atopar no supermercado, e o seu sabor é algo máis acedo, por iso é polo que fan unha marmelada e un vinagre exquisitos, non sendo igual de boas para comer frescas.


- Hai que evitar as framboesas demasiado maduras ou pasadas, porque poderían botar a perder todo o vinagre.

- Se se quere facer un vinagre un pouco máis forte, pódese utilizar vinagre de mazá e vinagre de viño branco a partes iguais. Iso si, dun bo vinagre, sexa de mazá ou sexa de viño, sairá un bo vinagre de framboesa, e viceversa.

- Non é necesario gardar o frasco coas framboesas e o vinagre en sitio fresco. É máis, dise que é conveniente que o vinagre macere ao sol. Eu déixoo na adega e sen maior problema.

- Para embotellar este vinagre resultan moi prácticos gardar os frascos de cristal de vinagre comercial, iso si, ben lavados e perfectamente secos. Eu aproveito os de vinagre balsámico de Módena, de 250 ml, que ademais teñen un dosificador que deixa saír a cantidade precisa de vinagre á hora de aderezar.


- As botelliñas de vinagre si é conveniente gardalas en sitio fresco. Alí, ben pechadas, aguantarán perfectamente todo o ano. Unha vez empezada cada botella é conveniente gardala na neveira (esa é a recomendación que dá o fabricante do vinagre de mazá que uso como base).

- A maioría de receitas de vinagre de framboesa que ven pola rede utilizan vinagre de viño (branco), están aromatizadas con canela ou con brandy, hai que quentar ao lume o vinagre para logo deixalo arrefriar, etc. Esta receita é moito máis sinxela, pero o vinagre resultante é delicioso.

Se tedes framboesas en casa anímovos a que probedes a facer este vinagre. É unha maneira distinta de utilizar as framboesas e é un vinagre distinto á hora de aderezar unha ensalada.

martes, 19 de xullo de 2011

Torta de chocolate, cabaciña e pistachos

Hoxe toca de novo unha receita fat-free, é dicir, sen graxa engadida, unicamente a que contén o chocolate ou os froitos secos. A receita é esta: Torta de chocolate, cabaciña e pistachos.


Volve ser outra receita do libro de Harry Eastwood Red Velvet Chocolate Heartache (Bantam Press, 2009).

Harry Eastwood
O nome da receita orixinal é Pistachio Chocolate Cake. Eu ademais engadín a cabaciña no nome para que non soe como unha torta de chocolate máis, senón que se vexa que é un pouco diferente ao levar un ingrediente pouco habitual neste tipo de receitas. Este ingrediente é, ademais, o "culpable" da ausencia de graxa (manteiga, aceite, nata...) na torta para que a faga máis húmida. O resultado é unha torta esponxosa, húmida e lixeira, pero cun marcado sabor a chocolate.

Torta de chocolate, cabaciña e pistachos


INGREDIENTES:
- 100 g de pistachos sen casca
- 3 ovos medianos, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- 180 g de azucre mascabado (eu usei panela)
- 300 g de cabaciña pelada e picada moi finamente
- 120 g de fariña de arroz
- 60 g de cacao en po de boa calidade
- 2 culleradiñas fermento sen aluminio
- Un chisco de sal

PARA A COBERTURA DE CHOCOLATE:
- 50 g de manteiga en pomada
- 50 g de azucre glas
- 1 cucharada de auga mineral moi quente
- 25 g de cacao en po de boa calidade
- 25 g de pistachos en anacos para repartir por encima da cobertura de chocolate


PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Preparar un molde redondo desmontable con manteiga e fariña.

2- Triturar o máis fino que se poida os pistachos até deixalos "feitos po". Reservar.

3- Montar os ovos co azucre durante un par de minutos ata que collan unha cor pálida. Engadir a cabaciña picada ben fina e o po de pistachos, seguido da fariña de arroz, o cacao peneirado, o fermento e o sal. Mesturar ben todos os ingredientes.

4- Verter no molde preparado e meter no forno durante uns 35 minutos. Como sempre, ao picalo cun escarvadentes, este debe saír limpo.

5- Mentres se coce a torta no forno prepárase a cobertura. Para iso bátese a manteiga un pouco antes de engadir o azucre glas e a auga. Bater até obter unha pasta. Engadir o cacao en po peneirado e seguir batendo ata que estea ben mesturado. Meter na neveira tapando a superficie con filme de cociña até o momento en que se vaia a usar.

6- Unha vez cocida a torta sácase do forno, colócase sobre unha reixa e déixase arrefriar completamente antes de cubrir toda a superficie coa cobertura de chocolate.

7- Termínase a torta repartindo os pistachos troceados por encima da cobertura de chocolate. Gardar na neveira e sacala uns 20 minutos antes de servir.


PUNTUALIZACIÓNS:
- A autora reparte a masa en dous moldes antes de meter no forno, co que obtén dous discos de biscoito de chocolate. Para montar a torta coloca un primeiro disco como base, cóbreo con cobertura de chocolate, pistachos troceados. Coloca o segundo disco encima e repite a operación. O resultado é unha torta rechea de chocolate. Eu non me compliquei e fíxeno nunha soa peza. Se se quere seguir o método da autora da receita hai que dobrar as cantidades nos ingredientes da cobertura de chocolate.

- Pódese utilizar esta cobertura de chocolate ou calquera outra que vos guste, ou simplemente non utilizar ningunha. Neste caso o biscoito de chocolate tería unha textura e un sabor parecidos a un brownie.

- Se ao triturar os pistachos vemos que forman unha pasta e se trituran con dificultade, pódese engadir un chisco de fariña de arroz para que se solten un pouco e resulte máis doado triturarlos.

- Os pistachos que van sobre a cobertura de chocolate deben deixarse en anacos máis ou menos grandes aínda que, se se prefire, pódense picar finos e repartilos ben por toda a superficie.

- Para obter 100 g de pistachos sen casca necesitaremos uns 200 g de pistachos enteiros. O mellor é compralos sen sal. Se non os atopamos ou, simplemente, queremos usar algún paquete que teñamos por casa (como é o meu caso), e usamos pistachos salgados, non necesitaremos engadir máis sal á mestura de ingredientes. Eu calculei mal as cantidades e quédeme soamente con 4 ou 5 pistachos para decorar a torta.

- Se non se atopa fariña de arroz (cada vez é máis fácil atopar este tipo de fariña no súper) pódese cambiar por fariña de trigo, pero xa será unha torta un pouco menos saudable.

- O azucre mascabado é moi similar á panela, polo que se pode substituír un por outro sen maior problema. Se non se atopa nin un nin outro se pode utilizar azucre moreno.


Se a min de pequeno me deran as cabaciñas cociñadas así...hehe

luns, 11 de xullo de 2011

Muffins de chocolate con menta


Ao contrario dalgúns blogs aos que sigo e que se despiden até setembro, a min ocórreme todo o contrario: volvo abrir por vacacións. E a verdade é que teño unhas cantas receitas en lista de espera, pero aos poucos...

A primeira delas é a que traio hoxe: Muffins de chocolate con menta.


Na nosa última viaxe a Londres aproveitei para comprar algúns libros, entre os que se atopa este Red Velvet Chocolate Heartache, de Harry Eastwood:

Neste libro aparecen moitos muffins, tortas, scones, etc, pero todas as receitas teñen un denominador común: o emprego de verduras para dar humidade e así eliminar a maior parte da graxa, é dicir, substitúen a manteiga ou o aceite presentes na maioría de receitas por cabaciña, remolacha, cabaza, berenxenas, patatas doces, etc... Ademais, tamén se cambia a fariña de trigo por fariña de arroz e de améndoa, moito máis sas e nutritivas que a primeira.

A receita de hoxe, por exemplo, leva calabacín e nada de graxa, e o resultado son uns muffins riquísimos e para nada secos...

Tamén pertencen a este libro os Muffins de cabaza e améndoa que publiquei hai uns meses.

Muffins de chocolate con menta

INGREDIENTES:
- 2 ovos medianos, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- 160 g de azucre
- 200 g de cabaciña, pelada e finamente triturada
- 90 g de fariña de arroz
- 100 g de fariña de améndoas
- 2 culleradiñas de cacao en po
- Unhas pingas de extracto de menta
- 4 g de fermento sen aluminio
- Un chisco de sal
- 100 g de chocolate con menta, en anaquiños

PREPARACIÓN:
1- Quéntase o forno a 180ºC. Bátense os ovos e o azucre durante un par de minutos ata que teñan unha cor pálida e dobrasen en volume.

2- Rélase finamente ou tritúrase a cabaciña, engádese á mestura de ovos e azucre e vólvese a bater, esta vez con varillas manuais. Engádense á mestura anterior a fariña de arroz, a fariña de améndoas, o cacao en po, o extracto de menta, o fermento e o sal. Mestúrase todo ben.

3- Engádense os anaquiños de chocolate e vólvese a mesturar todo de forma que queden ben repartidos pola masa.

4- Repártese a mestura entre os moldes de muffin e métese no forno quente durante uns 40 minutos ou ata que se vexa que están feitos.



A autora engade un icing, que non é máis que unha cobertura cremosa. Eu obvieina, pero para os que queiran engadirlla aí vai a receita:

INGREDIENTES:
- 50 g de manteiga en pomada
- 200 g de azucre glas
- 50 g de queixo mascarpone
- 2 culleradiñas de cacao en po
- Unhas pingas de extracto de menta

PREPARACIÓN:
- Bátese coa batedora a manteiga ata que estea suave. Engádese a metade do azucre glas e bátese un pouco máis ata que estea ben incorporado.
- A continuación, xa coas varillas manuais ou con culler de madeira, engádese o queixo mascarpone, o cacao en po, o extracto de menta e o azucre restante. Mestúrase todo ben e métese na neveira durante uns 15 minutos antes de repartir por encima dos muffins xa fríos.
- Decorar cunha folla de menta fresca antes de servir.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Con estas cantidades saen 12 muffins.

- O extracto de menta que eu uso é un aceite esencial de uso alimentario da marca El Granero Integral, que comprei nunha tenda de alimentación ecolóxica.


En caso de non poder conseguir extracto de menta, pódese usar algún licor de menta tipo pippermint. Outra alternativa é facer en casa este extracto metendo durante un par de días unhas follas de menta fresca nun pouco de vodka, filtrar e listo.

- O chocolate que eu uso é o Mint Intense de Lindt:
É un bo chocolate, fácil de conseguir, e a tableta trae a cantidade xusta de chocolate para esta receita.

- Eu utilizo 12 moldes de silicona reutilizables, pero tamén se poden usar moldes de papel para madalenas, que se poderán encher até case o bordo. Estes muffins non soben demasiado nin quedan quedan bombeados por arriba. Lembrade que os muffins NON son madalenas.


Creo que por unha tempada centrareime neste libro así que, se Harry Eastwood non se enfada, seguirei pondo máis receitas sacadas del...

domingo, 22 de maio de 2011

Fifteen London


O pasado fin de semana, aproveitando a ponte das Letras Galegas, achegámonos até Londres, cidade que aínda non coñeciamos. O resumo da visita: unha cidade espectacular, impresionante, pero iso non é o que nos ocupa aquí. O caso é que xa que estabamos en Londres fixemos unha reserva no restaurante Fifteen que para min, que son seguidor de Jamie Oliver, era case visita obrigada.


O nome do restaurante, Fifteen, vén da Jamie Oliver Foundation, unha fundación de axuda a mozos sen futuro, na que quince novos aprendices en cada promoción aprenden a cociñar e tratan de buscarse a vida, despois de graduarse, como cociñeiros profesionais. O día que fomos nós, un luns, os aprendices non estaban a cociñar no restaurante, senón cociñeiros profesionais. Aínda que a comida estaba deliciosa, case preferísemos que estivese preparada polos aprendices, por aquilo de dicir: "Si señor, estes mozos teñen futuro", pero ben, outra vez será...

En canto ao restaurante en si, está dividido en dúas plantas: a planta principal, onde se atopa a Trattoria, e a planta de abaixo, onde se atopa o restaurante principal. Nós optamos polo restaurante principal, ao que se accede baixando unhas escaleiras. O primeiro que destaca é a cociña aberta cara aos comensais, o segundo o tamaño: máis reducido do que agardábamos, e coas mesas (polo menos as destinadas a dúas persoas) quizais demasiado xuntas, pero sen molestarse unhas mesas a outras, e o terceiro o ruído dentro do comedor: non é que fose ensordecedor nin moito menos, pero si era máis alto do que cabería esperar dun restaurante así.


En canto á comida, a carta non era excesivamente longa (nin falta que fai), pero había opcións suficientes dentro dela para que todo o mundo puidese elixir algo que lle gustase. A carta renóvase todos os días, e elabórase en función dos produtos de tempada que se atopen no mercado. Aquí pódese botar unha ollada ao menú do restaurante: Fifteen London Restaurant Menu.

O noso menú consistiu no seguinte:
Nada máis sentarte á mesa tráenche, por cortesía da casa, dous anacos de focaccia cun pratiño de aceite de oliva para mollar. Pódese pedir máis se se quere.


Para compartir pedimos: Mozzarella de búfala campá con berenxenas á brasa, chile, menta, mestura de follas verdes e vinagre balsámico envellecido.


Despois, cada un de nós pediu o seguinte:
- Ravioli de patacas Jersey Royals, cebolas de Tropea estofadas e touciño entrefebrado, en salsa de manteiga de sarxa.


- Filete de robaliza á brasa con fiúncho de Florencia, olivas negras, laranxa, menta, piñóns e vinagre balsámico envellecido.


De sobremesa:
- Semifrío de café con mousse de chocolate negro e tuile de abelás.


- Torta sen glute de chocolate de Amedei e pistacho con xeado de chocolate branco.


Para beber, como non, cervexa:


Unha Lager da cervexaría Meantime, e unha Junction Ale, da cervexaría Sambrook's. Ofrécenche auga, ben embotellada ou ben de xerra. A embotellada cóbrana, a de xerra non.

Café: moi bo e cunha presentación moi ben coidada.

Prezo total da comida: 80,03£, que inclúe a comida, o 12,5% de propina polo servizo (a camareira que nos atendeu era madrileña, e atendeunos de marabilla desde que entramos ata que saímos, aínda á conta de gañarse unha pequena reprimenda da xefa de comedor) e 1£ de doazón para a fundación. Se é caro ou barato queda a criterio de cada un decidilo.

Dicir que esta libra de doazón para a fundación é de pago voluntario (non así a propina do 12,5%), e que se non se quere facer este pequeno donativo o camareiro retirarao sen facer preguntas. Nós fixemos o donativo sen maior problema, porque creo sinceramente que unha libra hoxe en día, nunha cidade como Londres, non é diñeiro.


En fin, que se algunha vez vos deixades caer por Londres e apetécevos unha boa comida, o restaurante Fifteen é unha boa opción. Pódese reservar mesa on-line aquí, e pódese cambiar a hora reservada ou cancelala en calquera momento (non piden número de tarxeta de crédito). Tambié se pode reservar por teléfono: +44 (0) 20 3375 1515. O restaurante atópase no 15 Westland Place London N1 7LP.

A única "pega" é que non estaba Jamie Oliver ese día no restaurante e non puidemos saudalo...jj. Polo demais, de marabilla...

Ah! e se ides e queredes un recordo do restaurante non vos esquezades de pedir un menú. Envólvenvolo e dánvolo como obsequio.