martes, 26 de xullo de 2011

Vinagre de framboesa

Hai tempo que quería publicar esta "receita" porque hai xa bastante tempo que fago este vinagre na casa, ou máis ben, que aromatizo este vinagre na casa, porque iso é exactamente o que fago: engadir unas cantas framboesas ao vinagre de mazá e esperar a que estas tingan de cor vermella e enchan de aroma o, xa de seu aromático, vinagre de mazá.


Pódese utilizar do mesmo xeito que os outros vinagres, sobre todo para aderezar ensaladas, aínda que tamén ten usos máis culinarios.

Como acabo de dicir, non se trata de facer fermentar zume de framboesa para logo converter o alcol en ácido acético, nin nada polo estilo. Moito máis sinxelo que todo iso. Pero imos coa receita...

Vinagre de framboesa

INGREDIENTES:
- 1/2 kg de framboesas frescas
- 1 litro de vinagre de mazá (preferiblemente ecolóxico)

PREPARACIÓN:
1- Pésanse as framboesas e bótanse nun tarro de cristal de peche hermético, sen lavalas para evitar que leven auga.

2- En función do peso das framboesas calcúlase 1 litro de vinagre de mazá por cada 500 g de framboesas, que se verte por encima das framboesas (no meu caso, por exemplo, usei 1.320 ml de vinagre de mazá para 660 g de framboesas).

3- Péchase hermeticamente o tarro e déixase repousar durante un mes.

4- Ao cabo deste tempo (ten que verse un vinagre limpo e transparente) fíltrase por coador de trapo para limpar todas as impurezas e embotéllase.


PUNTUALIZACIÓNS:
- É conveniente que as framboesas estean o máis limpas posibles e que non leven restos de po ou de terra, porque a pesar de que quedarían atrapados no coador de trapo á hora de filtrar, poderían dar sabores desagradables ao vinagre. Se as framboesas son compradas, suponse que xa virán limpas.

- Non se debe apertar o coador de tea coas framboesas dentro para tratar sacar a maior cantidade de vinagre posible. Eu fíxeno algunha vez e o resultado é un vinagre bastante turbio e con bastante sedimento no fondo. Para obter un vinagre transparente bastará con filtrar e deixar que salga até a última pinga polo seu propio peso.

- O vinagre que eu utilizo é o de mazá, tamén chamado vinagre de sidra (para obter acedo acético do zume da mazá primeiro haberá de fermentar, co cal xa obtemos a sidra). A principal vantaxe que ten o vinagre de mazá con respecto ao de viño é que o de mazá contén ademais de ácido acético, presente en todos os vinagres, ácido málico que exerce un efecto laxante e depurativo no corpo. Aínda que o ácido málico atópase en todas as froitas acedas, é a mazá (Malus domestica) a que lle dá o seu nome. O ácido málico é máis suave que o ácido acético, por iso o vinagre de mazá é un pouco máis suave que o vinagre de viño.

- As framboesas que eu utilizo son da mesma variedade que as que uso para facer a miña marmelada de framboesa. Son algo máis grandes que as que se poden atopar no supermercado, e o seu sabor é algo máis acedo, por iso é polo que fan unha marmelada e un vinagre exquisitos, non sendo igual de boas para comer frescas.


- Hai que evitar as framboesas demasiado maduras ou pasadas, porque poderían botar a perder todo o vinagre.

- Se se quere facer un vinagre un pouco máis forte, pódese utilizar vinagre de mazá e vinagre de viño branco a partes iguais. Iso si, dun bo vinagre, sexa de mazá ou sexa de viño, sairá un bo vinagre de framboesa, e viceversa.

- Non é necesario gardar o frasco coas framboesas e o vinagre en sitio fresco. É máis, dise que é conveniente que o vinagre macere ao sol. Eu déixoo na adega e sen maior problema.

- Para embotellar este vinagre resultan moi prácticos gardar os frascos de cristal de vinagre comercial, iso si, ben lavados e perfectamente secos. Eu aproveito os de vinagre balsámico de Módena, de 250 ml, que ademais teñen un dosificador que deixa saír a cantidade precisa de vinagre á hora de aderezar.


- As botelliñas de vinagre si é conveniente gardalas en sitio fresco. Alí, ben pechadas, aguantarán perfectamente todo o ano. Unha vez empezada cada botella é conveniente gardala na neveira (esa é a recomendación que dá o fabricante do vinagre de mazá que uso como base).

- A maioría de receitas de vinagre de framboesa que ven pola rede utilizan vinagre de viño (branco), están aromatizadas con canela ou con brandy, hai que quentar ao lume o vinagre para logo deixalo arrefriar, etc. Esta receita é moito máis sinxela, pero o vinagre resultante é delicioso.

Se tedes framboesas en casa anímovos a que probedes a facer este vinagre. É unha maneira distinta de utilizar as framboesas e é un vinagre distinto á hora de aderezar unha ensalada.

martes, 19 de xullo de 2011

Torta de chocolate, cabaciña e pistachos

Hoxe toca de novo unha receita fat-free, é dicir, sen graxa engadida, unicamente a que contén o chocolate ou os froitos secos. A receita é esta: Torta de chocolate, cabaciña e pistachos.


Volve ser outra receita do libro de Harry Eastwood Red Velvet Chocolate Heartache (Bantam Press, 2009).

Harry Eastwood
O nome da receita orixinal é Pistachio Chocolate Cake. Eu ademais engadín a cabaciña no nome para que non soe como unha torta de chocolate máis, senón que se vexa que é un pouco diferente ao levar un ingrediente pouco habitual neste tipo de receitas. Este ingrediente é, ademais, o "culpable" da ausencia de graxa (manteiga, aceite, nata...) na torta para que a faga máis húmida. O resultado é unha torta esponxosa, húmida e lixeira, pero cun marcado sabor a chocolate.

Torta de chocolate, cabaciña e pistachos


INGREDIENTES:
- 100 g de pistachos sen casca
- 3 ovos medianos, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- 180 g de azucre mascabado (eu usei panela)
- 300 g de cabaciña pelada e picada moi finamente
- 120 g de fariña de arroz
- 60 g de cacao en po de boa calidade
- 2 culleradiñas fermento sen aluminio
- Un chisco de sal

PARA A COBERTURA DE CHOCOLATE:
- 50 g de manteiga en pomada
- 50 g de azucre glas
- 1 cucharada de auga mineral moi quente
- 25 g de cacao en po de boa calidade
- 25 g de pistachos en anacos para repartir por encima da cobertura de chocolate


PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Preparar un molde redondo desmontable con manteiga e fariña.

2- Triturar o máis fino que se poida os pistachos até deixalos "feitos po". Reservar.

3- Montar os ovos co azucre durante un par de minutos ata que collan unha cor pálida. Engadir a cabaciña picada ben fina e o po de pistachos, seguido da fariña de arroz, o cacao peneirado, o fermento e o sal. Mesturar ben todos os ingredientes.

4- Verter no molde preparado e meter no forno durante uns 35 minutos. Como sempre, ao picalo cun escarvadentes, este debe saír limpo.

5- Mentres se coce a torta no forno prepárase a cobertura. Para iso bátese a manteiga un pouco antes de engadir o azucre glas e a auga. Bater até obter unha pasta. Engadir o cacao en po peneirado e seguir batendo ata que estea ben mesturado. Meter na neveira tapando a superficie con filme de cociña até o momento en que se vaia a usar.

6- Unha vez cocida a torta sácase do forno, colócase sobre unha reixa e déixase arrefriar completamente antes de cubrir toda a superficie coa cobertura de chocolate.

7- Termínase a torta repartindo os pistachos troceados por encima da cobertura de chocolate. Gardar na neveira e sacala uns 20 minutos antes de servir.


PUNTUALIZACIÓNS:
- A autora reparte a masa en dous moldes antes de meter no forno, co que obtén dous discos de biscoito de chocolate. Para montar a torta coloca un primeiro disco como base, cóbreo con cobertura de chocolate, pistachos troceados. Coloca o segundo disco encima e repite a operación. O resultado é unha torta rechea de chocolate. Eu non me compliquei e fíxeno nunha soa peza. Se se quere seguir o método da autora da receita hai que dobrar as cantidades nos ingredientes da cobertura de chocolate.

- Pódese utilizar esta cobertura de chocolate ou calquera outra que vos guste, ou simplemente non utilizar ningunha. Neste caso o biscoito de chocolate tería unha textura e un sabor parecidos a un brownie.

- Se ao triturar os pistachos vemos que forman unha pasta e se trituran con dificultade, pódese engadir un chisco de fariña de arroz para que se solten un pouco e resulte máis doado triturarlos.

- Os pistachos que van sobre a cobertura de chocolate deben deixarse en anacos máis ou menos grandes aínda que, se se prefire, pódense picar finos e repartilos ben por toda a superficie.

- Para obter 100 g de pistachos sen casca necesitaremos uns 200 g de pistachos enteiros. O mellor é compralos sen sal. Se non os atopamos ou, simplemente, queremos usar algún paquete que teñamos por casa (como é o meu caso), e usamos pistachos salgados, non necesitaremos engadir máis sal á mestura de ingredientes. Eu calculei mal as cantidades e quédeme soamente con 4 ou 5 pistachos para decorar a torta.

- Se non se atopa fariña de arroz (cada vez é máis fácil atopar este tipo de fariña no súper) pódese cambiar por fariña de trigo, pero xa será unha torta un pouco menos saudable.

- O azucre mascabado é moi similar á panela, polo que se pode substituír un por outro sen maior problema. Se non se atopa nin un nin outro se pode utilizar azucre moreno.


Se a min de pequeno me deran as cabaciñas cociñadas así...hehe

luns, 11 de xullo de 2011

Muffins de chocolate con menta


Ao contrario dalgúns blogs aos que sigo e que se despiden até setembro, a min ocórreme todo o contrario: volvo abrir por vacacións. E a verdade é que teño unhas cantas receitas en lista de espera, pero aos poucos...

A primeira delas é a que traio hoxe: Muffins de chocolate con menta.


Na nosa última viaxe a Londres aproveitei para comprar algúns libros, entre os que se atopa este Red Velvet Chocolate Heartache, de Harry Eastwood:

Neste libro aparecen moitos muffins, tortas, scones, etc, pero todas as receitas teñen un denominador común: o emprego de verduras para dar humidade e así eliminar a maior parte da graxa, é dicir, substitúen a manteiga ou o aceite presentes na maioría de receitas por cabaciña, remolacha, cabaza, berenxenas, patatas doces, etc... Ademais, tamén se cambia a fariña de trigo por fariña de arroz e de améndoa, moito máis sas e nutritivas que a primeira.

A receita de hoxe, por exemplo, leva calabacín e nada de graxa, e o resultado son uns muffins riquísimos e para nada secos...

Tamén pertencen a este libro os Muffins de cabaza e améndoa que publiquei hai uns meses.

Muffins de chocolate con menta

INGREDIENTES:
- 2 ovos medianos, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- 160 g de azucre
- 200 g de cabaciña, pelada e finamente triturada
- 90 g de fariña de arroz
- 100 g de fariña de améndoas
- 2 culleradiñas de cacao en po
- Unhas pingas de extracto de menta
- 4 g de fermento sen aluminio
- Un chisco de sal
- 100 g de chocolate con menta, en anaquiños

PREPARACIÓN:
1- Quéntase o forno a 180ºC. Bátense os ovos e o azucre durante un par de minutos ata que teñan unha cor pálida e dobrasen en volume.

2- Rélase finamente ou tritúrase a cabaciña, engádese á mestura de ovos e azucre e vólvese a bater, esta vez con varillas manuais. Engádense á mestura anterior a fariña de arroz, a fariña de améndoas, o cacao en po, o extracto de menta, o fermento e o sal. Mestúrase todo ben.

3- Engádense os anaquiños de chocolate e vólvese a mesturar todo de forma que queden ben repartidos pola masa.

4- Repártese a mestura entre os moldes de muffin e métese no forno quente durante uns 40 minutos ou ata que se vexa que están feitos.



A autora engade un icing, que non é máis que unha cobertura cremosa. Eu obvieina, pero para os que queiran engadirlla aí vai a receita:

INGREDIENTES:
- 50 g de manteiga en pomada
- 200 g de azucre glas
- 50 g de queixo mascarpone
- 2 culleradiñas de cacao en po
- Unhas pingas de extracto de menta

PREPARACIÓN:
- Bátese coa batedora a manteiga ata que estea suave. Engádese a metade do azucre glas e bátese un pouco máis ata que estea ben incorporado.
- A continuación, xa coas varillas manuais ou con culler de madeira, engádese o queixo mascarpone, o cacao en po, o extracto de menta e o azucre restante. Mestúrase todo ben e métese na neveira durante uns 15 minutos antes de repartir por encima dos muffins xa fríos.
- Decorar cunha folla de menta fresca antes de servir.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Con estas cantidades saen 12 muffins.

- O extracto de menta que eu uso é un aceite esencial de uso alimentario da marca El Granero Integral, que comprei nunha tenda de alimentación ecolóxica.


En caso de non poder conseguir extracto de menta, pódese usar algún licor de menta tipo pippermint. Outra alternativa é facer en casa este extracto metendo durante un par de días unhas follas de menta fresca nun pouco de vodka, filtrar e listo.

- O chocolate que eu uso é o Mint Intense de Lindt:
É un bo chocolate, fácil de conseguir, e a tableta trae a cantidade xusta de chocolate para esta receita.

- Eu utilizo 12 moldes de silicona reutilizables, pero tamén se poden usar moldes de papel para madalenas, que se poderán encher até case o bordo. Estes muffins non soben demasiado nin quedan quedan bombeados por arriba. Lembrade que os muffins NON son madalenas.


Creo que por unha tempada centrareime neste libro así que, se Harry Eastwood non se enfada, seguirei pondo máis receitas sacadas del...

domingo, 22 de maio de 2011

Fifteen London


O pasado fin de semana, aproveitando a ponte das Letras Galegas, achegámonos até Londres, cidade que aínda non coñeciamos. O resumo da visita: unha cidade espectacular, impresionante, pero iso non é o que nos ocupa aquí. O caso é que xa que estabamos en Londres fixemos unha reserva no restaurante Fifteen que para min, que son seguidor de Jamie Oliver, era case visita obrigada.


O nome do restaurante, Fifteen, vén da Jamie Oliver Foundation, unha fundación de axuda a mozos sen futuro, na que quince novos aprendices en cada promoción aprenden a cociñar e tratan de buscarse a vida, despois de graduarse, como cociñeiros profesionais. O día que fomos nós, un luns, os aprendices non estaban a cociñar no restaurante, senón cociñeiros profesionais. Aínda que a comida estaba deliciosa, case preferísemos que estivese preparada polos aprendices, por aquilo de dicir: "Si señor, estes mozos teñen futuro", pero ben, outra vez será...

En canto ao restaurante en si, está dividido en dúas plantas: a planta principal, onde se atopa a Trattoria, e a planta de abaixo, onde se atopa o restaurante principal. Nós optamos polo restaurante principal, ao que se accede baixando unhas escaleiras. O primeiro que destaca é a cociña aberta cara aos comensais, o segundo o tamaño: máis reducido do que agardábamos, e coas mesas (polo menos as destinadas a dúas persoas) quizais demasiado xuntas, pero sen molestarse unhas mesas a outras, e o terceiro o ruído dentro do comedor: non é que fose ensordecedor nin moito menos, pero si era máis alto do que cabería esperar dun restaurante así.


En canto á comida, a carta non era excesivamente longa (nin falta que fai), pero había opcións suficientes dentro dela para que todo o mundo puidese elixir algo que lle gustase. A carta renóvase todos os días, e elabórase en función dos produtos de tempada que se atopen no mercado. Aquí pódese botar unha ollada ao menú do restaurante: Fifteen London Restaurant Menu.

O noso menú consistiu no seguinte:
Nada máis sentarte á mesa tráenche, por cortesía da casa, dous anacos de focaccia cun pratiño de aceite de oliva para mollar. Pódese pedir máis se se quere.


Para compartir pedimos: Mozzarella de búfala campá con berenxenas á brasa, chile, menta, mestura de follas verdes e vinagre balsámico envellecido.


Despois, cada un de nós pediu o seguinte:
- Ravioli de patacas Jersey Royals, cebolas de Tropea estofadas e touciño entrefebrado, en salsa de manteiga de sarxa.


- Filete de robaliza á brasa con fiúncho de Florencia, olivas negras, laranxa, menta, piñóns e vinagre balsámico envellecido.


De sobremesa:
- Semifrío de café con mousse de chocolate negro e tuile de abelás.


- Torta sen glute de chocolate de Amedei e pistacho con xeado de chocolate branco.


Para beber, como non, cervexa:


Unha Lager da cervexaría Meantime, e unha Junction Ale, da cervexaría Sambrook's. Ofrécenche auga, ben embotellada ou ben de xerra. A embotellada cóbrana, a de xerra non.

Café: moi bo e cunha presentación moi ben coidada.

Prezo total da comida: 80,03£, que inclúe a comida, o 12,5% de propina polo servizo (a camareira que nos atendeu era madrileña, e atendeunos de marabilla desde que entramos ata que saímos, aínda á conta de gañarse unha pequena reprimenda da xefa de comedor) e 1£ de doazón para a fundación. Se é caro ou barato queda a criterio de cada un decidilo.

Dicir que esta libra de doazón para a fundación é de pago voluntario (non así a propina do 12,5%), e que se non se quere facer este pequeno donativo o camareiro retirarao sen facer preguntas. Nós fixemos o donativo sen maior problema, porque creo sinceramente que unha libra hoxe en día, nunha cidade como Londres, non é diñeiro.


En fin, que se algunha vez vos deixades caer por Londres e apetécevos unha boa comida, o restaurante Fifteen é unha boa opción. Pódese reservar mesa on-line aquí, e pódese cambiar a hora reservada ou cancelala en calquera momento (non piden número de tarxeta de crédito). Tambié se pode reservar por teléfono: +44 (0) 20 3375 1515. O restaurante atópase no 15 Westland Place London N1 7LP.

A única "pega" é que non estaba Jamie Oliver ese día no restaurante e non puidemos saudalo...jj. Polo demais, de marabilla...

Ah! e se ides e queredes un recordo do restaurante non vos esquezades de pedir un menú. Envólvenvolo e dánvolo como obsequio.

martes, 19 de abril de 2011

Fermento sen aluminio

Desterrei o "fermento" Royal definitivamente da miña cociña. Non é que a marca Royal xa non me inspire confianza, nin que as miñas receitas xa non saian igual de ben. O motivo?: contén sulfato de aluminio.

A composición do fermento Royal é:
- Bicarbonato sódico
- Dous ácidos: fosfato monocálcico e sulfato de aluminio
- Almidón de millo, que fai que o po se manteña seco.

É pola presenza destes dous ácidos polo que se denomina ao po Royal "fermento de dobre acción": o fosfato monocálcico actívase ao entrar en contacto coa humidade da masa, e o sulfato de aluminio actívase coa calor do forno. E é esta dobre acción a que converte ao po Royal nun bo aliado á hora de facer masas levedantes, pero o problema, como xa dixen antes, é o seu contido en aluminio.

O aluminio é un metal que unha vez entra dentro do noso corpo (ben sexa por inxesta de alimentos, medicamentos, vacinas, por respiración ou por contacto a través da pel) pode provocar efectos negativos sobre a saúde: perda de memoria, dano ao sistema nervioso central, demencia, etc. Por este motivo deixaron de utilizarse na cociña os utensilios fabricados con este material, en favor do aceiro inoxidable, por exemplo.

Os efectos negativos do aluminio danse cando se acadan uns niveis altos deste composto no organismo. Calcúlase que unha persoa adulta inxere entre 7 e 9 mg de aluminio diariamente a través dos alimentos, co cal tampouco hai que comerse demasiado a cabeza con este tema, aínda que se se pode evitar, pois mellor que mellor...

A miña alternativa á utilización do po Royal non é a súa substitución polo bicarbonato sódico (non se pode substituír un polo outro, vale?), senón esta:


Trátase dun po moi parecido ao po de fornear, e cun uso moi similar, pero esta vez sen sulfato de aluminio. Os seus ingredientes son: almidón de trigo de cultivo ecolóxico, bicarbonato de sodio (do mesmo xeito que o po Royal) e bitartrato de potasio (obtido dos depósitos do fondo das botas de viño). É da marca francesa La Patelière.


A súa utilización é dun sobre (10 g) por cada 500 g de fariña. Tanto con este tipo de fermento, como co bicarbonato, como co po Royal hai que ser moi coidadoso coas cantidades. A repostaría é unha ciencia case exacta, química molecular, e as cantidades débense axustar o máis posible á receita. Unha pequena variación nos ingredientes ou nas cantidades é a que logo provoca comentarios do tipo: "Pois a min nunca me queda igual que a ti", ou outros polo estilo...

Eu cómproa na tenda de produtos ecolóxicos da miña cidade. Vén nun paquete de 8 sobres e o prezo desta alternativa ecolóxica é de 3€ os 8 sobres, o cal, aínda que é un pouco máis caro, creo que merece a pena polo que rende (dá para 4 kg de fariña).

ACTUALIZADO 25-7-2011:
O fermento químico que aparece nas fotos anteriores xa non está dispoñible na miña tenda habitual (problemas coa distribución, ao parecer). No seu lugar dispoñen agora desta:


É da marca alemá Bioreal, e tamén procede (ao igual que a anterior) de extractos de zume de uva concentrado. Contén ademais almidón de millo e bicarbonato sódico.

A súa utilización é igual tamén ao anterior, é dicir, un sobre de 10 g por cada 500 g de fariña. O seu prezo é de 1,50€ o paquete de tres sobres.

Logo tamén existen outras alternativas ao po Royal, os chamados gasificantes, que veñen en dous sobres separados, e que se mesturan no momento de preparar a masa antes de meter no forno. Quizais o máis coñecido sexa o da marca Hacendado:


A súa utilización é dun sobre branco e outro de cor por cada 200 g de fariña. O sobre de cor contén o gasificante (bicarbonato sódico) e o sobre branco contén os acidulantes (ácido málico e ácido tartárico). A pesar dos nomes destes ácidos, hai que dicir que o acedo málico atópase nas froitas acedas, tales como mazás, uvas, marmelos, etc. De feito o seu nome provén do nome en latín da mazá: Malus domestica. A medida que as froitas van madurando, o ácido vai desaparecendo das mesmas. Ten efectos laxantes. O seu codificación en alimentación é E-296. O ácido tartárico, tamén coñecido como cremor tártaro, atópase tamén de maneira natural nas uvas. É un conservante natural. O seu código alimenticio é E-334.

Este gasificante de Mercadona está fabricado en Novelda (Alacante) por Jesús Navarro S.A., e o seu prezo é de 35 céntimos a caixiña de 8 sobres dobres.

Outro gasificante de dobre sobre que atopei á venda, esta vez no Corte Inglés, é este:


Este gasificante tamén consta de dous sobres que han de engadirse á masa. O primeiro sobre contén bicarbonato como gasificante (60%) e o segundo sobre ácido cítrico (E-330) como acidulante (40%). O seu uso é de 5 a 8 sobres dobres por cada quilo de fariña.

Fai ao redor dun ano que o comprei e creo lembrar que o seu prezo roldaba os 50 céntimos a caixiña de 8 sobres dobres.

Para o que estea interesado en saber máis sobre fermentos químicos e bicarbonatos, pode picar nesta ligazón a El Rincón de Bea: Levaduras químicas, onde se dan máis detalles sobre as diferenzas que existen entre este tipo de levedantes.

Aí están as dúas alternativas, a ecolóxica e a convencional, así que que cada cal escolla a que máis lle guste...

sábado, 2 de abril de 2011

III Cask Ale Festival

O pasado xoves 17 de marzo, coincidindo coa festividade de San Patricio, celebrouse na Cervexaría O Moucho de Ourense a 3ª edición do Cask Ale Festival. As cervexas elixidas para esta ocasión pertencen, unha vez máis, á prestixiosa cervexaría de Shepherd Neame: Kent's Best Invicta Ale e Double Stout.

A cervexaría Shepherd Neame, situada en Faversham, condado de Kent, é famosa non só pola calidade das súas cervexas, senón tamén por ser a cervexaría máis antiga de Inglaterra: desde 1698 até os nosos días.


A cervexa Kent's Best é unha bitter, de 4,1% de alcol en volume, de corpo medio e ben equilibrada. Cor tostada lixeiro, cun marcado sabor a malta e coa acidez característica dos lúpulos Target e Goldings.


O experto cervexeiro Peter Ogie descríbea da seguinte maneira:
Unha ambient bitter*, na que se mestura exitosamente o dulzor da malta inglesa co amargor afrutado e floral dos lúpulos cultivados no condado de Kent, dando como resultado unha bebida limpa, satisfactoria e que convida a pedir outra (para beber, distendidamente, entre amigos).
*Descoñezo o significado de ambient bitter, posto que o termo ambient (ambiental) non pertence a ningunha subclasificación das bitter inglesas.

No logo da cervexa pódese ver un cabalo branco rampante, que é o símbolo de Kent, e que está relacionado con Hengist e Horsa, os dous irmáns e líderes lendarios dos primeiros poboadores anglosaxóns chegados desde a península de Iutlandia (actual Dinamarca), e que se asentaron nesa zona, alá polo século V d.C.

A outra cervexa que se ofrecía nesta edición do Cask Ale Festival era a Double Stout, tamén de Shepherd Neame.


Non é moi habitual que Shepherd Neame se pase ao "lado escuro", polo que é case unha rareza poder probar unha stout desta fábrica. Está fabricada polo mestre cervexeiro de Shepherd Neame Stuart Main en Irlanda.

Stuart Main
Eu quedeime sen probar a miña (problemas coas datas...) e é unha mágoa, porque a pesar de que non son fan deste estilo (poida que sexa porque por aquí é case imposible atopar unha stout que non sexa a arquipresente Guinness...) si que me tivese gustado probala. Que se lle vai facer...

Seguiremos esperando con ansia a próxima edición, mentres tanto aquí van algunhas fotos do evento:






"Technology can help us improve a lot of things, but great beer still needs the touch of great brewers."
(Stuart Main - Shepherd Neame's Head Brewer)


Prost!!!