venres, 23 de xullo de 2010

The End of History


Xa falaramos un par de veces da cervexaría Brewdog de Fraserburgh, Aberdeenshire (Escocia), famosa por fabricar as cervexas máis fortes do mundo, e tamén pola guerra aberta que mantiñan coa cervexeira alemá Schorschbräu. Estas dúas cervexarías viñan disputándose desde facía uns meses o título de "cervexeira que fabrica a cervexa máis forte do mundo", e tamén, aínda que de maneira subliminar, o orgullo patriótico de cada unha delas.

Todo comezou cando os rapaces de Brewdog anunciaron que fabricaran a cervexa máis forte do mundo: a Tactical Nuclear Penguin, de 32% de alcol.


Isto non gustou aos alemáns de Schorschbräu, que responderon dicindo que eles xa presentaran, aínda que sen tanta publicidade, a súa Schorschbock de 40% de alcol.


Os escoceses responderon tres meses máis tarde coa súa Sink the Bismarck, de 41% de alcol, en clara alusión ao afundimento do famoso acoirazado alemán por parte dos aliados.

Por se fose pouco co nome da cervexa, fixeron tamén un vídeo satírico no que ridiculizaban aos alemáns:

Sink the Bismarck! from BrewDog on Vimeo.

Cando parecía que os de Schorschbräu, máis comedidos, non ían responder a tal provocación, sacan no mes de maio a súa Schorschbock de 43% de alcochol...


...baixo o titular de: The Frankonian Empire strikes back! (O Imperio Alemán devolve o golpe), e terminan cun: 'cause Frankonian men don't dress like girls (supoño que non necesita tradución, non?...hh)

Pois ben, alguén esperaba que a xente de Brewdog non fose responder a isto?

A resposta apareceu onte mesmo na páxina web de Brewdog: The End of History.



The End of History é unha Ale belga loura, de 55% de alcol en volume, macerada con estrugas das Highlands escocesas e con bagas de xenebreiro.

Por suposto, tamén hai vídeo promocional:

The End of History from BrewDog on Vimeo.

O nome desta cervexa está sacado do libro O fin da historia e o último home (The End of History and the Last Man) escrito polo filósofo americano de orixe xaponesa Francis Fukuyama. Neste controvertido libro, Fukuyama define a historia como a evolución do sistema político, e di que a democracia occidental é o punto final na evolución política do ser humano e, por tanto, da historia. James Watt e Martin Dickie escolleron este nome para a súa cervexa porque con esta cervexa pretenden pór un punto e final na evolución "alcólica" da cervexa, o final da cervexa, o "non vai máis"...

Como se pode ver, as botellas veñen forradas en pel auténtica de esquío gris ou de armiño (foron fabricadas por taxidermistas con animais que foran atropelados), todas co seu certificado de autenticidade. Con este toque de excentricidade pretenden levar ao límite o deseño nas botellas de cervexa, é dicir, algo acorde coa cervexa que levan no seu interior. Non debe preocuparse ninguén polo número de esquíos ou de armiños mortos nas estradas escocesas, posto que a produción é moi limitada: 12 botellas nada máis, das cales só 11 están "vestidas". En total usáronse 4 esquíos grises e 7 armiños, co cal non hai problema coa subministración de abrigos de pel para a cervexa.

Ah! Por se alguén estaba interesado en mercar algunha das 12 botellas, dicir que xa están esgotadas a pesar do seu prezo: 700£ (840€) o esquío e 500£ (600€) o armiño.

En fin, haberá que ver se hai resposta por parte de Schorschbräu, porque eu non estou moi seguro de que sexa este o Fin da Historia...

Saúde!!!

venres, 9 de xullo de 2010

Cosmopolitan

Hoxe deixamos de lado a comida para propor un cóctel de moda: o Cosmopolitan.

Imaxe de www.cointreau.es

A orixe do Cosmopolitan non está demasiado clara, e non se sabe de certo quen foi o primeiro barman en preparalo e en bautizalo con ese nome. Uns din que a súa orixe hai que buscala en Provincetown, Massachusetts; outros din que o primeiro en preparalo foi Neal Murray, do Cork'N Cleaver Steakhouse de Minneapolis; tamén John Caine, que ten varios locais en San Francisco; Cherly Cook, un camareiro de Florida; e por último Toby Cecchini, un camareiro do The Odeon en Manhattan (Nova York). A quen corresponda: Thank you!!.

O que si se sabe é que o Cosmopolitan foi creado nos anos 70, pero non foi até os anos 80, con Madonna como principal impulsora, e sobre todo os anos 90, grazas á serie de televisión Sexo en Nova York (Sex and the City), en que a súa popularidade subiu como a espuma, posto que era o cóctel preferido de Carrie Bradshaw (Sarah Jessica Parker), a principal protagonista da serie. Quizá sexa por este feito que se considere un cóctel feminino, pero a min sedúceme igualmente...


Os ingredientes principais deste cóctel son: vodka, licor de laranxa, zume de arandos vermellos (cranberries) e zume de lima.

O vodka non é necesario que sexa da máxima calidade. Eu uso Absolut, que está bastante ben, pero un Eristoff ou un Stolichnaya están ben tamén.

Como licor de laranxa podemos usar Triple Seco, aínda que se usamos Cointreau ou Grand Marnier o resultado será moito mellor.

Como zume de arandos eu uso un concentrado que comprei hai algún tempo en Ikea Food. Ao ser concentrado non é necesario botar tanta cantidade. O "problema" é que é concentrado de blueberries, que son os arandos azuis, tan comúns nas zonas montañosas de Galicia. O resultado é un cóctel cunha cor máis escura do normal.

En xaneiro de 2007, a marca de zumes Granini lanzou o seu zume de arandos vermellos (cranberries), non sei se propiciado polo auxe deste cóctel, e que se pode atopar xa na maioría de supermercados. O zume de arandos tamén se vende en tendas de produtos naturais, de nutrición ou herboristerías, posto que é bo para as infeccións das vías urinarias, aumenta o colesterol bo (HDL), protexe e fortalece as paredes dos capilares, entre outras propiedades.

O zume de lima pode substituírse por zume de limón, iso vai ao gusto.

As proporcións varían dunha receita a outra, así que poño as miñas medidas:

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 4 chupitos de Cointreau
- 1 chupito de vodka
- 1 e 1/2 chupitos de concentrado de arandos (ou 2 chupitos de zume de arandos)
- O zume de 1 lima ou de 1 limón

Imaxe de www.perfectcocktail.net

PREPARACIÓN:
1- Métense as dúas copas tipo Martini na neveira. Se non hai tempo, énchense as dúas copas con xeo e auga para que se vaian arrefriando mentres se prepara o cóctel.

2- Bótanse todos os licores e o zume de arándanos na cocteleira con 4 ou 5 cubiños de xeo. Esprémese a lima (ou o limón) e bótanse tamén á cocteleira tanto o zume como os anacos de froita espremida. Axítase ben.

3- Vértese, a través do filtro, nas dúas copas sen xeo.

4- Adórnase cunha tira de pel de lima ou de limón en cada vaso.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Como xa dixen, pódese adornar cunha tira de lima ou de limón, pero hai outro adorno (garnish) moito máis cool: a pel dunha laranxa quentada cun chisqueiro e espremida cos dedos para que se queimen os aceites esenciais da laranxa sobre as copas, enchéndoas de aroma. Aquí poño un vídeo de demostración no que Merlin Griffiths, embaixador de Bombai Sapphire, provoca unha "explosión de aroma" sobre un Sapphire Cosmopolitan:



Véndoo a el parece sinxelísimo, pero teño que dicir que eu tenteino e aínda non o conseguín...

- É moito mellor usar lima ou limón fresco en lugar de usar o que vén embotellado.

- Eu puxen as medidas que nos gustan na casa, pero un verdadeiro Cosmopolitan sempre leva máis vodka que licor de laranxa. Cada un debe adaptar o cóctel ao seu gusto persoal.

- Por suposto, existen moitas variacións sobre este cóctel, por exemplo: utilizar vodka con sabor a cítrico ou a framboesa, do tipo Absolut Citron, Absolut Mandrin ou Absolut Raspberri, para darlle un toque diferente; ou usar curaçao azul en lugar de licor de laranxa, co que obteriamos un Blue Cosmopolitan; ou un Barbados Cosmopolitan, no que substitúe o vodka por ron de Barbados; ou o Cointreaupolitan, no que se emprega Cointreau como único licor; e así moitas máis...

- Como aperitivo está moi ben pero, a pesar de ser de cor rosa, hai que tomalo en serio (sobre todo se nos pilla co estómago baleiro...)


Para min, o mundo da cocteología e a mixología é un terreo por descubrir pero... aos poucos.

Saúde!!

venres, 2 de xullo de 2010

Torta de millo de Guitiriz

Hoxe imos cunha sobremesa de lenda: a torta de millo de Guitiriz.


E digo de lenda porque existe unha lenda que nos "explica" a orixe desta sobremesa, que vén dicir o seguinte:

No lugar de O Boedo había unha cidade pola que pasou a Sagrada Familia en busca de acubillo. Chamaron ás portas de varias casas porque chovía incesantemente, pero ningunha llo quixo dar. Incluso un zapateiro arroxoulle unha forma a Xesús. Chamaron entón á porta dunha muller que tiña varios fillos. Todos eles estaban a chorar da fame que tiñan. A muller díxolles que só podía aloxalos pero non darlles de comer. Entón a Virxe díxolle á muller que collese cinzas do fogar e que amasase unha torta con elas. Ao principio, a muller foi reticente, e dicía que non se podería amasar nada cunhas simples cinzas, porque a masa non ligaría. Pero ante a insistencia da Virxe, a muller accedeu a amasar e cociñou unha torta coa que alimentou a todos os presentes. Ante a incredulidade da muller, a Virxe dixo que era tan seguro que aquela torta estaba feita de trigo como que o lugar de O Boedo desaparecería baixo as augas aquela mesma noite por non darlles acubillo. E así foi, á mañá seguinte todo o pobo desaparecera baixo as augas, ben, todo o pobo non, só quedou a salvo a casa daquela humilde familia.

Como vedes, é unha desas moitas lendas que falan de cidades desaparecidas baixo as augas debido á pouca hospitalidade da xente rica, e nas que sempre hai unha familia pobre que accede a dar acubillo ao necesitado, e que acaba salvándose das represalias de quen se supón que non ten ese tipo de sentimentos...

Guitiriz é un pobo da provincia de Lugo, famoso polas súas augas medicinais e o seu balneario, pero tamén por este doce do que hoxe falamos.

Se buscades esta receita atoparedes moitas versións e todas diferentes. Eu seguín a receita de delokos, pero adaptei as cantidades para 6 ovos porque a primeira vez que a fixen coa receita para 8 ovos desbordouse do molde ao subir no forno e queimóuseme parte da masa no fondo.

Torta de Guitiriz


INGREDIENTES:
- 110 g. de fariña de millo
- 110 g. de fariña de trigo
- 1 cullerada de glute de trigo (7 g.)
- 6 ovos medianos, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- 150 g. de manteiga de vaca cocida
- 240 g. de azucre máis un pouco para botar por riba
- 10 g. de fermento Royal
- A reladura dun limón
- Un chorro de anís (licor)
- Un chisco de sal


PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Mestúrase a manteiga a temperatura ambiente co azucre, a reladura de limón e o anís, e bátese coas varillas ata que se forme unha masa homoxénea.

2- Vanse engadindo os ovos uno a un ata que estean ligados na masa. Engadir o sal.

3- Engadir as fariñas tamizadas, o fermento e o glute, e mesturar coidadosamente ata que non queden grumos.

4- Verter nun molde tipo coroa e botar un pouco de azucre por encima antes de meter no forno. Fornear durante 30 ou 35 minutos a 180ºC coa placa inferior e o aire.



PUNTUALIZACIÓNS:
- Pódese utilizar fariña de forza en lugar de fariña normal. Nese caso xa non será necesario engadir glute.

- Aquí en Galicia, a manteiga de vaca cocida pódese atopar con certa facilidade no supermercado na zona de refrixerados, aínda que non se atopa en todos. Véndena a granel, é dicir, envasada en anacos de diferentes tamaños.
Tamén se pode preparar na casa, para iso, simplemente ponse manteiga normal a lume moi suave e vaise sacando a escuma que vai aparecendo na superficie. Cando deixe de aparecer escuma déixase arrefriar. Solidificarase e xa estará lista para ser usada. Se non a atopades e tampouco vos apetece preparala, usade manteiga normal, aínda que o resultado non será o mesmo. Aquí poño unha foto onde se ve a diferenza entre as dúas manteigas:


A manteiga normal ten unha cor pálida, mentres que a manteiga cocida ten unha cor amarela máis intensa. Úsase normalmente para bicas, roscóns, etc.

- Pódese botar o azucre ou ben antes de meter no forno, como fixen eu, ou ben xusto despois de sacar do forno, como nos indica delokos. Eu prefiro botar o azucre antes para que se forme esa costra doce, como na bica, pero só hai que botar unha capa moi lixeira, porque se non, o peso do azucre fará que se afunda na masa ao subir.


- O anís ha de ser licor, non semente. Non vos preocupedes polo alcol, porque se evaporará dentro do forno.

- O molde que se debe usar é o de rosca, posto que é o típico deste doce.

- A cor amarela intensa débese principalmente a tres factores: a fariña de millo, os ovos caseiros e a manteiga cocida de vaca.


Como vedes, é unha sobremesa de elaboración moi sinxela, só hai que mesturar os ingredientes, verter no molde, meter ao forno e listo, e o resultado é francamente bo...

sábado, 29 de maio de 2010

Polbo á prancha

Hoxe imos cunha receita moi sinxela pero ao mesmo tempo moi boa, unha receita que se probades, ben seguro que repetiredes: polbo á prancha.


Xa contei nalgunha ocasión que en terras galegas o polbo considérase un manxar. O arquicoñecido polbo á feira consiste simplemente en polbo cocido, aderezado con pemento, bo aceite de oliva e un chisco de sal gordo. Se se acompaña cuns cachelos cocidos na mesma auga do polbo ou simplemente cun anaco dun bo pan de Cea, entón convértese nun prato espectacular.

Pero, aínda que o polbo se consome por toneladas en Galicia, paradoxalmente a inmensa maioría de galegos comérono da mesma maneira durante toda a súa vida: á feira, e é unha pena porque a verdade é que este cefalópodo dá para moito máis. E iso é o que imos facer hoxe, probar a cociñalo dunha maneira algo diferente.

Polbo á prancha


INGREDIENTES (para 2 persoas):
- Un polbo pequeno
- 4 ou 5 patacas
- Aceite de oliva virxe extra
- Pemento (doce ou picante, ao gusto)
- Perexil picado
- Sal Maldon

PREPARACIÓN:
1- Se, coma min, tedes a sorte de poder mercar o polbo cocido na feira ou nalgún dos postos que cada domingo se colocan en multitude de puntos da cidade, pedide dúas racións, pero sen picar e sen aderezar. Levádeo a casa e deixade que arrefríe completamente.
Se non é así, cocede o polbo durante 40 ou 45 minutos ou ata que estea tenro e deixádeo arrefriar.

2- Unha vez o polbo estea frío separamos os brazos, cortamos a parte dianteira (o extremo) e reservamos. Collemos a parte traseira do tentáculo (a máis grosa), colocamos un coitelo ben afiado entre as dúas filas de ventosas e cortamos ao longo para separar ese anaco en dúas partes alargadas. Imos repetindo esta operación con todos os tentáculos do polbo.


3- Pomos unha prancha antiadherente ao lume e deixamos que se quente ben. Mentres, asperxemos os anacos de polbo con aceite de oliva e impregnamos por todas partes. Cando a prancha estea ben quente colocamos os anacos de polbo e deixamos que se marquen polos dous lados.

4- Mentres se asa o polbo, preparamos o aderezo. Para iso botamos nun bol aceite de oliva virxe extra e perexil picado e mesturamos ben.

5- Unha vez o polbo estea listo, colocámolo nunha fonte, botamos un pouco de pemento, asperxemos coa mestura de aceite e perexil, e un chisco de sal Maldon.

6- Servir inmediatamente e gozar...


PUNTUALIZACIÓNS:
- Como xa mencionei antes, o mellor acompañamento para este prato son uns cachelos cocidos na mesma auga do polbo, ou simplemente un bo anaco de pan do día. Nós adoitamos cocer unhas patacas ao vapor, que tamén están deliciosas aderezadas do mesmo xeito que o polbo.


- É importante deixar que o polbo se arrefríe de todo despois de cocido, porque deste xeito evitamos que se desprenda a pel cando se estea asando na prancha.

- A pel debe quedar crocante, pero non se debe queimar.


O dito, un prato moi sinxelo pero non por iso de baixa categoría, senón todo o contrario...

luns, 17 de maio de 2010

II Cask Ale Festival

O pasado xoves, e despois de máis dun ano de longa espera, celebrouse na cervexaría O Moucho a segunda edición do Cask Ale Festival.

Despois do éxito obtido na primeira edición deste festival coa cervexa inglesa Bishops Finger, de Shepherd Neame, esta vez tocoulle a quenda a outra excelente cervexa da mesma fábrica: Master Brew.


A Master Brew é a cask ale máis coñecida e máis vendida no condado de Kent e, do mesmo xeito que a Bishops Finger, utiliza exclusivamente cebada e lúpulo cultivados no devandito condado. Shepherd Neame fabrica as súas cervexas na cidade de Faversham desde 1698, o que a converte na fábrica de cervexa máis antiga de Inglaterra.


Segundo nota de cata do experto en cervexas Peter Ogie:
Master Brew é unha session bitter* limpa, seca e refrescante, cun toque de dozura, pero cun firme e vibrante lupulizado e cun persistente amargor final.
* As session bitter, tamén chamadas ordinary bitter, son cervexas inglesas, tostadas, de até 4,1% de alcol.

A Master Brew ten unha gradación alcohólica de 3,7%, e moi pouco gas, o que fai que sexa moi fácil beber máis da conta... Vén sen pasteurizar, o cal significa que é unha cervexa viva e totalmente natural, e que ten unha durabilidade moito menor que calquera cervexa pasteurizada.


Aquí van algunhas fotos do picado do primeiro barril...






... e este é o resultado:




Esperemos que este festival se consolide e que podamos seguir gozando destas fantásticas cervexas por estas terras sen ter que achegarnos até a Gran Bretaña...


Saúde!!!

martes, 20 de abril de 2010

Revolto de espaguetis de mar con xamón


Na miña anterior entrada falaba do Galician caldo de Jamie Oliver na que preparaba o tradicional caldo galego pero substituíndo o grelo, que é a verdura típica destas terras e deste prato, por alga wakame (Undaria pinnatifida). Pero isto de utilizar wakame como substituto do grelo non foi idea de Jamie Oliver, senón de Antonio Muiños, de Portomuiños, empresa dedicada desde fai máis dunha década á comercialización das algas do litoral galego. E por iso hoxe vou preparar un revolto con espaguetis de mar en conserva.

O espagueti de mar (Himanthalia elongata) é unha alga atlántica, que se atopa na área que vai desde Noruega a Portugal. Ten unha cor pardo e forma cintas que poden alcanzar os 3 metros de lonxitude. Estas cintas despréndense no inverno coa chegada dos primeiros temporais, o que fai que sexa moi fácil atopala na costa. En galego recibe o nome de correa ou cinta debido á súa forma.


A utilización das algas na cociña non é nada novo. En países como Xapón ou Chile consúmense desde hai séculos. Aquí empezan a introducirse e cada vez resulta máis fácil atopalas nos supermercados. Pódense atopar deshidratadas ou en conserva, o que as fai moi pouco perecedoiras e moi fáciles de utilizar (e ademais son moi baratas...).


Na páxina web de Portomuiños explícannos moi ben as propiedades nutritivas das algas:
Alimentación e cociña

No mundo comercialízanse moitas especies de algas para uso alimentario. Nas nosas costas atopamos moitas especies distintas de algas, con todo, só unhas poucas se comercializan para uso alimentario. Son un mundo novo por descubrir.

As algas cómense fundamentalmente porque son verduras moi sas e nutritivas. Destaca a súa gran riqueza en vitaminas e minerais, elementos hoxe escasos nos alimentos máis comúns da nosa dieta tradicional. Teñen moitos minerais e algúns deles, como o calcio, magnesio, ferro, fósforo, potasio ou iodo, na cantidade suficiente para cubrir unha porcentaxe moi ampla da cantidade que se recomenda inxerir diariamente. Son alimentos que achegan gran diversidade e cantidade de vitaminas, como vitamina A, C ou vitaminas do grupo B tan escasas e necesarias hoxe en día.

Algunhas son moi ricas en proteínas, polo que se recomenda a súa inclusión nas dietas vegetarianas ou dietas pobres en proteínas animais.

Son ricas en fibra e fitocoloides, sustancias que actúan favorecendo a mobilidade intestinal e ademais sacian, polo que son adecuadas en dietas de adelgazamento.

Son pobres en graxas e hidratos de carbono, polo que son un alimento recomendado en dietas hipocalóricas.

Ademais de ser sas e nutritivas teñen sabores, texturas e cores que as fan moi versátiles na cociña.

(http://www.portomuinos.com/)
Este revolto de espaguetis de mar con xamón é un prato que veño facendo desde hai bastante tempo, porque é un prato que se prepara moi rápido, tanto que normalmente leva máis tempo comelo que preparalo, e tamén por todas as propiedades e beneficios que, como vimos, achegan as algas.


Revolto de espaguetis de mar con xamón

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 4 ou 5 ovos caseiros ou ecolóxicos
- 1 dente de allo
- 1 lata de espaguetis de mar en conserva
- 70 g. de xamón picado
- Pementa negra recentemente moída
- Perexil picado


PREPARACIÓN:
1- Pícase fino o dente de allo e dóurase nunha tixola. Mentres se vai dourando o allo escórrense as algas.

2- Cando o allo estea dourado (ollo que non se queime!) engádense as algas á tixola. Remóvese un pouco e engádense os taquiños de xamón. Xusto despois engádense os ovos, engádese pementa negra recentemente moída e vaise removendo cunha espátula a medida que van callando os ovos.

3- Sérvese nos pratos cun chisco de perexil picado por riba.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Pódense substituír os tacos de xamón por gambas peladas, o que fará que este prato sexa un pouco máis mariñeiro. Outra opción sería simplemente eliminar o xamón ou as gambas deixando só as algas.

- Non é necesario cociñar as algas nin o xamón, e o ovo cociñarase ao gusto de cada cal.

- Non é necesario engadir sal posto que o xamón xa leva suficiente cantidade de sal.


O dito, un prato moi saudable e moi recomendable se tedes pouco tempo para cociñar...