luns, 12 de outubro de 2009

Torta de figos


A receita que poño hoxe pasáronma fai xa bastante tempo como a receita para facer torta de mazá (unha das moitísimas receitas diferentes de torta de mazá), e non é que non estea boa con mazá, pero ocorréuseme que con figos tamén podería estar ben. Non só está ben, senón que creo que supera á de mazá. Por tanto, a única variación que introducín con respecto ao orixinal foi a substitución da mazá polos figos, nada máis. Isto quere dicir que a mesma receita serve para facer torta de figos, torta de mazá, ou calquera outra torta á que se poida pór froita por encima (ocórreseme que cuns caquis pode saír boísima tamén...)

INGREDIENTES:
- 4 ovos
- 3 vasos de leite
- 2 vasos de azucre
- 1 vaso de fariña
- 10 ou 11 figos frescos
- Marmelada de albaricoque


PREPARACIÓN:
1- Úntase un molde redondo (mellor ademais se é acanalado) con manteiga e bótase fariña que se repartirá ben por todo o molde.

2- Nun bol mesturador bótanse os ovos, o leite, o azucre e a fariña. Bátese todo ben coa batidora e vértese no molde.

3- Pélanse os figos e córtanse en dúas metades pola parte máis ancha. Vanse colocando estas metades, co lado das sementes cara arriba, sobre o preparado líquido do molde.

4- Métese no forno prequentado a 180ºC durante 85 ou 90 minutos.

5- Unha vez cocido sácase do forno, déixase arrefriar e desmoldéase. Unha vez desmoldeado, píntase con marmelada de albaricoque por encima.


PUNTUALIZACIÓNS:
- A cantidade de figos depende do tamaño dos mesmos. É importante que queden xuntos pero non uns sobre outros.

- Esta torta está mellor dun día para outro gardada na neveira.

- A marmelada pode ser tamén de pexego, ou mesmo de figo, aínda que a de albaricoque queda moi ben.


Como vedes, é unha torta moi sinxela de facer e, como xa dixen antes, pódenos servir para aproveitar a froita de tempada.

Bo proveito!!

venres, 2 de outubro de 2009

Figos secos


Hai uns días, como case todos os anos, houbo avalancha de figos na casa. Temos unha figueira bastante xenerosa que, ao chegar o final do verán ofrécenos unha chea de figos grandes e doces. O problema dos figos é que son moi perecedoiros, e se non os comes en dous ou tres días despois de recollelos, bótanse a perder, así que sabede que se os comprades e parecen frescos é porque son frescos de verdade...

Unha solución ao "problema" de recoller demasiados figos é deshidratalos. Para iso existen unhas máquinas deshidratadoras que se encargan do proceso. Mesmo Jamie Oliver no seu libro La cocia italiana de Jamie proponnos como método para secar os figos metelos toda a noite no forno a 50ºC, e que á mañá seguinte xa estarían listos. Eu fíxeno e saíron case igual que entraran a noite anterior...

Eu prefiro o método tradicional: o Sol. E iso é xusto o que fixen este ano. Abrín coas mans uns cantos figos pola metade, coloqueinos sobre un tapete de silicona dos de forno, e púxenos ao sol no meu balcón. En tres ou catro días estaban listos para ser gardados (hai que ter en conta que en Ourense o sol quenta duro no verán...hh).

A única precaución que hai que ter é acordarse de metelos dentro durante a noite (eu gardábaos dentro do forno na mesma reixa) para que o relente non os humedeza, e volver sacalos á mañá seguinte; e tamén hai que darlles a volta de cando en vez para que se sequen ben por todos lados. E así ata que estean listos. So simple...

Cando se sabe que están listos?

Pois nin máis nin menos que cando teñen aparencia de figos pasos: cor marrón, textura gomosa pero agradable ao padal, e sobre todo sabor a figo paso!...hh.

En fin, aquí poño unhas fotos do proceso de secado ao sol:


E uns días máis tarde...



Xa vedes que a simple axuda do señor Lorenzo é suficiente para converter uns perecedoiros figos frescos nuns duradeiros figos pasos, e non é necesario botarlle nada máis, nin azucre nin nada de nada, para obter uns figos docísimos.

O figo é unha froita orixinaria do Mediterráneo, que se coñece e se cultiva desde a antigüidade, desde o Exipto dos faraóns, até a Grecia clásica. De feito, ao figo coñéceselle tamén como a froita dos filósofos (era a froita preferida de Platón), e cando se fundaba unha cidade, prantábase unha figueira entre a ágora e o foro para sinalar o lugar onde se reunirían os anciáns.

Das súas propiedades nutritivas pódese dicir que teñen moitas calorías, e tamén moita fibra que axuda a mellorar o tránsito intestinal. Tamén contén provitamina A, potasio, magnesio e calcio, aínda que este último non é de tan boa calidade como o que provén do leite.

Estes figos están moi bos acompañados dun bo queixo curado, por exemplo este que aquí presento:


Trátase do Barber's 1833. Un Cheddar inglés, de vaca, cunha maduración de 24 meses.

É un queixo de sabor moi intenso, pero ao mesmo tempo suave e cremoso. Ten unha textura lixeiramente crocante porque durante a súa maduración desenvolvéronse cristais de lactato de calcio.

Fabricado pola queixería inglesa Maryland, de Somerset (U.K.), pertencente á familia Barber. Esta familia vén fabricando queixo desde principios do século XIX, e van xa pola sexta xeración dedicada á fabricación de queixo.

Se vos gustan os queixos curados e de sabor intenso, este queixo é unha moi boa opción. Eu cómproo en Carrefour ao prezo de 3,50€ os 200 g.

O dito, sós ou con queixo, frescos ou secos, os figos están igual de bos...

venres, 18 de setembro de 2009

Oktoberfest 2009

Comeza a Oktoberfest, ou o que é o mesmo, a festa da cervexa de Múnic, e coa deste ano van xa 176 edicións.

Coma sempre, empeza o primeiro sábado despois do 15 de setembro, polo que este ano comezará mañá sábado 19 de setembro e prolongarase durante 16 días até a súa clausura o domingo 4 de outubro.

A primeira Oktoberfest celebrouse na cidade bávara de Múnic (München, en alemán) no ano 1810, con motivo da voda entre o príncipe Luís I de Baviera e a princesa Teresa de Saxe-Hildburghausen. Naquela ocasión a festa durou cinco días "nada máis", do 12 ao 17 de outubro, de aí o seu nome: Festa de Outubro. O motivo de que se adiantou o seu comezo ao mes de setembro non é outro que a climatoloxía, que adoita ser máis favorable este mes.

O lugar de celebración tradicional desta festa é o coñecido como Theresienwiese (Prado de Teresa), ou simplemente wiesn, que é un campo que se atopa situado xusto á beira da muralla de Múnic.


Debido ao éxito da primeira edición, continuou celebrándose en anos posteriores, até alcanzar a actual 176ª edición. O próximo ano 2010 alcanzaríanse as 200 edicións da festa se non fose polas guerras mundiais e outras desgrazas que obrigaron a cancelala até nun total de 24 ocasións.

A festa comeza cun desfile no que os Wirte (propietarios das cervexarías) chegan ao Theresienwiese desde o centro da cidade nos seus carros engalanados para a ocasión, portando os barrís de cervexa.




Encabeza a comitiva o alcalde de Múnic e o Münchner Kindl, que é o personaxe que aparece no escudo da cidade.


Unha vez alí, ás 12 en punto, o alcalde da cidade abre a golpe de martelo o primeiro barril de cervexa na carpa Schottenhamel, da Spatenbräu, ao berro de "Ou 'zapft is!", que significa "Xa está aberto".



Despois lánzanse doce salvas de canón, que é o sinal que indica aos outros Wiesnwirte que poden empezar a servir a súa cervexa. Normalmente é o presidente do land de Baviera o primeiro en beberse o seu maß (xerra dun litro). A partir dese momento todo o mundo pode pedir a súa cervexa e empezar a beber.

Este desfile celebrouse por primeira vez en 1835, ano en que se celebraban as vodas de prata dos príncipes, aínda que non foi até o ano 1950 cando comezou a celebrarse anualmente.

Éste é o aspecto que presentan algunhas das carpas:



E non podiamos falar da Oktoberfest sen referirnos a unha imaxe que nos vén a todos (ou a case todos...) á cabeza cando ouvimos falar desta festa: as impresionantes camareiras teutoas vestidas co tradicional Dirndl (o traxe feminino tradicional de Baviera) cargando con tres ou catro litros de cervexa en cada man...


E vendo a esta camareira asáltame unha dúbida: As mozas tamén pedirán aquí unha clara de limón?


A min dáme que non...hh

Eu, que aínda non tiven ocasión de asistir a esta gran festa da cervexa, conformareime un ano máis con asistir á que anualmente organiza a Cervexaría O Moucho (Rúa da Concordia, 17, soto, Ourense, Galicia, Spain), na que se poderá degustar, despois dalgúns anos de ausencia, a auténtica Spaten de barril acompañada, como non, de salchicha alemá, puré de pataca e chucrut.


Hoxe en día a Oktoberfest de Múnic converteuse na festa popular máis grande do mundo, con máis de seis millóns de visitantes chegados de todos os recunchos do mundo. Se sodes un deses afortunados, quen sabe, quizais podades compartir unha loura con outra loura...


¡¡¡Prost!!!

domingo, 6 de setembro de 2009

Que vienen las suecas!!!

Quen non lembra aquelas películas sesenteiras e setenteiras con "las suecas" invadindo as praias da Costa do Sol? Os máis novos probablemente non saberán de que estou a falar (a non ser que sexan afeccionados ás películas do Cine de Barrio, claro...hh), e mesmo aos non tan novos, coma min, quédansenos bastante atrás...

Por aquel entón "las suecas" eran todas as estranxeiras, de Suecia ou de calquera outro sitio, que chegaban a España coas súas minisaias e as súas pernas ao aire, e que ademais bebían e fumaban!!. Tomaban o sol en biquini facendo que a máis dun se lle revolucionasen as hormonas, e normalmente facíase a vista gorda ante estes casos de "provocación" e de "falta de decoro" porque, en definitiva, o turismo procedente de Europa proporcionaba pingües beneficios a un país no que non sobraba nada.

No medio destas circunstancias políticas e sociais, xorde outra figura xa mítica: o macho español, macho ibérico ou, como se pode ver neste exemplo, o celtíbero español:



Estas imaxes pertencen á película Manolo la nuit, dirixida por Mariano Ozores en 1973. Cinco anos antes, Pedro Lazaga dirixía El turismo es un gran invento, á que pertencen estas imaxes:



O mesmo Mariano Ozores dirixira xa un ano antes a outro dos nosos actores míticos desta época: José Luis López Vázquez facendo o papel de ligón de praia na película Operación Cabaretera:



E todo isto a que vén?

Conto todo isto por outra invasión de suecas e de suecos, pero esta vez a nivel mundial: Ikea.

Pero non, non vou falar dos mobles e demais accesorios para o fogar que se poden atopar nestas macrotendas, senón da tenda de produtos suecos que se atopaba á saída, e dos produtos que alí merquei.

Evidentemente, o primeiro que busquei foi a cervexa, e algo había:


So tiñan unha en botella: a Old Gold fabricada pola Spendrups Bryggeri AB, cuxa oficina principal atópase na cidade de Vårby. Trátase dunha pilsen de 5% de alcol. Moi suave e lixeira, aínda que cun claro amargor ao final.

As outras, en lata, son as Mariestads, tamén fabricadas por Spendrups despois de mercar a marca en 1967. A Mariestads Export é unha lager estilo Dortmunder, con algo máis de corpo que a Old Gold, pero non moito máis. A súa gradación é de 5,3%. A outra Mariestads Export que aparece na foto é similar tanto en cor, como en sabor, como en gradación alcólica, polo que deduzo que se trata da mesma cervexa pero en un envase diferente.

A última, a Stockholm Fine Festival Beer é outra lager producida pola Krönleins Bryggeri, (Appeltofftska Bryggeri AB). Esta cervexaría foi fundada en 1836 na cidade de Halmstad, e pertence na súa totalidade á familia sueca Krönlein desde a década de 1920. A cervexa é moi suave e moi lixeira, cunha gradación alcólica tamén de 5,3%.

Aparte das cervexas, aproveitei tamén para comprar outros produtos suecos, como este concentrado de arandos, da marca Hafi:



Tamén merquei o queixo Wästgöta Kloster, fabricado por Arla...


... e un salchichón de reno, aínda que a proporción de carne de reno é só do 17% (o resto é carne de porco):


Aínda non tiven ocasión de probar estes tres produtos porque aínda teño bastante queixo na neveira, e aínda non acabei os salchichóns "exóticos" (canguro, faisán con cognac e outro de porco pero curado con cinza) que comprei nun posto do mercadiño medieval das festas de Ourense, pero xa probara con anterioridade o salchichón de reno, porque fora un dos "souvenirs" que trouxen da miña viaxe a Noruega de hai uns anos.

En fin, se a próxima vez que vaiades a Ikea vos apetece facer unha parada na tenda de produtos suecos,aquí podedes botar unha ollada aos produtos que venden, que non só de mobles viven os suecos (e as suecas...)

xoves, 20 de agosto de 2009

Queique de cabaciño

Estes días regaláronme unha chea de cabaciños. Os meus pais renunciaron a plantalos hai xa uns anos, e non porque non desen froito, senón máis ben todo o contrario: daban tantos cabaciños que ao final acababamos fartos e había que regalalos para que non se botasen a perder. Ademais, cometiamos o fallo de deixalos medrar unha barbaridade, co que era necesario desfacerse das sementes duras e da fibra esponxosa que as recubre, e o peso final do cabaciño era o mesmo que se fose recollido uns días antes.

O caso é que, a pesar de non plantar cabaciños durante anos e de non telos mercado nunca (I swear), é raro que durante estas datas non falte algún cabaciño na neveira. As receitas que máis se adoitan facer son as habituais: crema de cabaciño, cabaciño fritido (rebozado simplemente con fariña de garavanzo, como nos propón delokos, está moi bo). Pero a que máis veces fago é este queique de cabaciño.


A utilización de hortalizas (e mesmo legumes) na elaboración de receitas doces non é nada novo, só hai que lembrar o famoso cabelo de anxo, que se fai cunha cabaza do mesmo nome. Adoitan utilizarse cenorias, cabazas, fabas ou azukis, como no delicioso brownie de azukis que xa presentei unha vez.

Esta receita está sacada do libro Repostería y Pastelería (Espasa Calpe, 1991), de Isabel Maestre, e do que xa puxen máis dunha receita.


A orixe do cabaciño (Cucurbita pepo) non está moi claro. Algunhas fontes apuntan a que é orixinario de Asia e outras a que procede de América, e que foi introducido en Europa polos españois. O que si se sabe é que era xa consumido polos caldeos, os exipcios, os gregos e os romanos, e que os árabes tiveron bastante que ver na súa difusión por toda a área do Mediterráneo, co que a teoría da orixe americana queda un pouco en dúbida...

Imaxe sacada de cultivar.net
Ten un alto contido de auga (93%), é rico en minerais, sobre todo potasio, vitamina C e β-caroteno.

Queique de cabaciño


INGREDIENTES:

- 225 g. de fariña
- 225 g. de azucre
- Un chisco de sal
- 1 culleradiña de canela
- 1 culleradiña de bicarbonato
- 1 culleradiña de Royal
- 1 culleradiña de vainilla en po
- 3 ovos
- 1,25 dl. de aceite de xirasol
- A reladura dun limón
- 250 g. de cabaciño relado coa súa pel
- 100 g. de pasas maceradas en ron
- 100 g. de noces picadas
- Sementes de cabaza para decorar


PREPARACIÓN:
1- Bater os ovos e o azucre até obter unha crema de cor pálida.

2- Engadir as especias, aceite de xirasol e fariña. Mesturar ben.

3- Relar o cabaciño coa súa pel e mesturar con todo o anterior.

4- Engadir, por último, as pasas e as noces.

5- Verter a mestura nun molde redondo previamente engraxado e enfariñado. Botar por encima as sementes de cabaza.

6- Cocer en forno prequentado a 200ºC durante uns 45 minutos ou ata que estea cocido. Comprobar a cocción cun escarvadentes ou unha agulla, que deberá saír limpa.


PUNTUALIZACIÓNS:
- En lugar de vainilla en po, eu utilizo azucre vainillado. Para iso poño 220 g. de azucre + un sobre de azucre vainillado.

- A autora da receita propón cocer o queique durante 30 minutos a 200ºC. No meu forno non é suficiente, polo que cada cal probe ata que estea ben cocido.

- As sementes de cabaza son unha achega persoal á receita. Creo que encaixan moi ben con este queique.

- Non é necesario remollar as pasas en ron. Se non se fai, é conveniente pasalas por fariña antes de engadilas á mestura para que se distribúan uniformemente por todo o queique e non se vaian ao fondo.


Se vos pasa como a min e non sabedes que facer con tantos cabaciños, dádelle unha oportunidade a este queique. É unha maneira diferente de comer esta hortaliza...

domingo, 16 de agosto de 2009

Be aware of the dog...

Estes días andamos algo leados por aquí co cambio de casa e a verdade é que non teño demasiado tempo para actualizar o blog. A partir de agora espero non estar tan ocupado, aínda temos a casa un pouco patas arriba e levaranos un tempo asentarnos...

E o caso é que como estreamos casa, pensei que sería boa idea comprar unha mascota para que nola coide e nola protexa. Así que, despois de darlle moitas voltas decidinme por un Bulldog. Aquí vos poño unha foto para que o vaiades coñecendo:


Bonito, non si?, co seu colar a xogo e todo...hh

Evidentemente non se trata dun can, senón da xenebra Bulldog. É un produto da compañía CK3 LLC, que a lanzou ao mercado o 15 de outubro de 2006. É unha London Dry que se destila en Inglaterra.

En verdade, elixín esta pola presentación, cousa que di moi pouco do meu criterio á hora de elixir unha xenebra (ou calquera outra cousa). Despois da miña boa experiencia coa Citadelle, apetecíame probar outra nova xenebra porque, como xa mencionei antes, agora hai moitas e boas onde escoller, e a elección foi bastante afortunada, porque é unha xenebra moi aromática e moi suave, cunha gradación de alcol (40%) inferior a algunhas das súas homólogas.

Botemos unha ollada aos ingredientes. Ademais do xenebreiro, que sempre é o principal aromatizante da xenebra, na longa lista de ingredientes podemos atopar os seguintes:

Ollo de dragón (Dimocarpus longan), tamén coñecido como longán (longán en chinés significa precisamente "ollo de dragón"). é un parente próximo do lichi (Litchi chinensis). Na fotografía pódese ver de onde vén o seu curioso nome:

Imaxe sacada de http://khmerkromrecipes.com/

Papoula de California (Eschscholzia californica) ou Eschscholzia. Parente próxima da papoula (Papaver rhoeas), que proporciona a esta xenebra un sabor doce e a froito seco.

Imaxe sacada de http://es.wikipedia.org/wiki/Eschscholzia

Loto tigre ou nenúfar branco exipcio (Nymphaea lotus). Parente cercano do lirio de auga, non se debe confundir coa flor de loto (Nelumbo nucifera). O loto tigre aporta un aroma perfumado á xenebra.

Imaxe sacada de http://www.raingarden.us/

Limón (Citrus limon). Proporciona un aroma limpo e fresco.

Imaxe sacada de http://gl.wikipedia.org/wiki/Lim%C3%B3n

Améndoa (Prunus dulcis). Proporciona un sutil sabor a froito seco.

Imaxe sacada de http://www.lawebmunicipal.com/

Cassia (Cinnamomum aromaticum). Parente cercana da canela (Cinnamomum zeylanicum) cun aroma bastante similar.
Imaxe sacada de http://www.celtnet.org.uk/

Lavanda (Lavandula). Utilízase polo seu particular aroma.


Imaxe sacada de http://www.decoraestilo.com/

Orris root é a raíz seca de certas clases de lirio (Iris germanica). É un ingrediente comunmente utilizado na aromatización da xenebra (Bombay Sapphire, por exemplo, tamén a utiliza).

Imaxe sacada de http://pics.davesgarden.com/

Imaxe sacada de http://www.dkimages.com/

Regaliz (Glycyrrhiza glabra). Este legume é orixinario do sur de Europa. O seu nome provén das voces gregas rhiza e glyks ou glukus, e significa literalmente "raíz doce". A regaliz proporciona á xenebra un regusto doce. Tamén forma parte dos ingredientes utilizados na elaboración da cervexa Guinness.

Imaxe sacada de http://www.nutricion.pro/

Anxélica (Angelica archangelica). Medra salvaxe nos países do norte de Europa (aquí en España temos a Angelica sylvestris, moi parecida, pero que non posee as propiedades da súa irmá do norte) e cultívase en Francia.

Imaxe sacada de http://www.floralimages.co.uk/

Coriandro (Coriandrum sativum). Chámase coriandro ás sementes do coandro. Aportan á xenebra un toque alimoado.

Imaxe sacada de http://realnaturals.net/

Ademais da botella de Bulldog, atopei tamén neste supermercado a Tónica Q, da que ouvira falar (sobre todo do seu prezo), e que non tivera a posibilidade de atopar con anterioridade, e pareceume boa idea probar estes dous produtos xuntos.


A tónica Q, ou QTonic, chega desde Estados Unidos, concretamente desde Nova Iorque. Creada por Jordan Silbert, e segundo el mesmo nos di na historia desta tónica, foi creada para ter a posibilidade de poder mesturar as excelentes xenebras e os excelentes vodkas que se poden atopar hoxe en día, cunha excelente tónica, cousa que, segundo el, antes non era posible. A receita, que inclúe auga triplemente destilada, quinina recollida a man nos Andes peruanos, néctar de ágave ecolóxico e extracto de limón, foi deseñada por mixólogos (expertos na preparación de bebidas combinadas) para que existise un equilibrio perfecto entre dozor e amargor. Ten ademais un 60% menos de calorías que as outras tónicas.

O deseño da botella tampouco é casual. É froito do traballo de Aruliden, unha empresa fundada en xuño de 2006 por Rinat Aruh e Johan Liden, que son dous dos mellores deseñadores novos de Estados Unidos.

Unha vez feitas as presentacións dispúxenme a preparar un bo Gin&Tonic: copa ancha, xeo de auga de manancial, tira de pel de limón, Bulldog e QTonic. O resultado, en verdade, non foi todo o satisfactorio que esperaba. Non tanto pola xenebra senón máis ben pola tónica que, a pesar de todo o exposto con anterioridade, non me pareceu acorde co seu prezo (3,15€ é o prezo que eu paguei por cada botella en Haley, aínda que me parece que en Estados Unidos véndese ao prezo de 8,99$ o pack de 4 botellas, o cal xa me parece máis razoable e, sobre todo, máis acorde co produto).

Na miña modesta opinión, paréceme unha tónica mal equilibrada (a pesar do equipo de mixólogos que a desenvolveu) porque é bastante amarga, e ademais, para o meu gusto, ten moi pouco gas, o que fai que o gin&tonic resulte demasiado augado.

De todas as tónicas que probei até agora, en canto á relación calidade-prezo, sígome quedando coa Schweppes, que por certo, non sei se debido a este rexurdir das tónicas, agora remarcan perfectamente no paquete que todos os seus ingredientes son de orixe 100% natural, ademais de que está feita segundo a receita orixinal de Jacob Schweppe de 1783...

En fin, como xa dixera no meu outro post sobre Gin&Tonic, está moi ben que haxa variedade á hora de escoller unha tónica ou unha xenebra de calidade, e que como sobre gustos non hai nada escrito, que cada cal faga a combinación que lle guste máis, aínda que non todos sexamos expertos en mixoloxía...