venres, 2 de xaneiro de 2015

Cebiche de lagostinos e manga

Esta receita adóitoa preparar habitualmente por estas festas do Nadal, aínda que a fun variando desde a orixinal até dar con esta que, creo, é a versión definitiva.

A receita está sacada do libro de Eva Celada Los secretos de la cocina con cerveza (Belacqva, 2008), onde aparece con nome Tosta de cebiche de gambas e manga á cervexa ao estilo Barbacán, aínda que non teño nin idea de que é o estilo Barbacán, e por iso non aparece no título desta entrada.

O cebiche, ceviche, sebiche ou seviche (a RAE admite as catro formas) é un prato que consiste en peixe, marisco, ou ambos, mariñados no zume dalgún cítrico, normalmente zume de lima. Isto non quere dicir que o peixe ou o marisco estea cru, senón que está "cociñado" polos ácidos que conteñen os cítricos. Aínda que é orixinario de Latinoamérica (probablemente Perú), hoxe en día é un prato moi estendido por todo o mundo.

Nesta versión, substituín a tosta de pan da receita orixinal por unha tortilla de trigo, ao estilo das que se usan en México para comer as fajitas, burritos, tacos, etc, lixeiramente tostada no forno. As tortillas de millo tamén poderían servir, aínda que o seu sabor máis intenso contrarrestaría demasiado o sabor do cebiche.

Cebiche de lagostinos e manga

INGREDIENTES (para unhas 6 tortillas):
- 6 tortillas mexicanas de trigo
- 1/2 kg de lagostinos ou gambas
- 1 cebola morada pequena
- 2 tomates ben maduros, aínda que firmes
- 1 manga non moi madura
- 2 limas
- Ourego
- Aceite de oliva virxe extra
- 1 folla de loureiro
- Sal
- Coriandro picado

PREPARACIÓN:
1- Escáldanse os lagostinos en auga fervendo durante 1 minuto ou ata que cambien de cor. Sácanse e métense nun recipiente con auga fría para que non cozan máis. Escórrense ben e pícanse finos.

2- Pór nun bol os lagostinos torados co zume das dúas limas, sal, ourego ao gusto e un chorriño de aceite de oliva. Mestúrase ben e déixase repousar 5 minutos na neveira.

3- Mentres tanto, córtanse os tomates pola metade, quítanselles as sementes, e pícanse en anacos máis ben pequenos.

4- Pícase a cebola morada (que non se debe lavar para que non perda o seu sabor) tamén en anacos pequenos.

5- Sácase o óso á manga e pícase tamén en dados pequenos.

6- Engádense os tomates, a cebola, a manga e a folla de loureiro. Vólvese a mesturar todo ben e métese na neveira durante 30 minutos ben tapado cun film de cociña.

7- Pouco antes de servir métense as tortillas de trigo no forno, a 180ºC, durante un par de minutos ou ata que se vexan lixeiramente tostadas e crocantes. Sácanse as tortillas do forno, déixanse arrefriar un pouco, e colócanse unhas culleradas de cebiche sobre cada unha delas.

8- Sérvense cun pouco de reladura de lima por encima e coriandro picado ao gusto. Cómese coas mans.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Aínda que a receita orixinal leva cervexa con limón (Shandy), eu non adoito pórlle.

- Cando falamos de coriandro (cilantro ou culantro) referímonos ás follas, non ás sementes, que teñen un sabor e unha textura totalmente diferentes.

- Tamén se poden engadir uns chiles picados (e sen sementes) xunto coas outras verduras. Estes achegarán un toque picante ao prato, aínda que convén non pasarse. Eu non puxen.

- Se non se atopa cebola morada pódese usar a branca, aínda que a morada adoita ser máis suave e achega máis cor ao prato.

- Como xa dixen antes, pódense substituír as tortillas de trigo polas de millo, pero tamén por unhas tostas ben finas de pan lixeiramente torrado, ou mesmo se pode servir no prato directamente para comer con garfo. Eu comprei as miñas no súper, aínda que igual a próxima vez anímome a facelas coa Thermomix: Tortitas de trigo para burritos mexicanos.

- Pódense usar tanto gambas, máis pequenas e cunha carne máis zumenta, ou lagostinos. Eu optei polos lagostinos.

- Non convén cocer demasiado os lagostinos ao principio, posto que acabarán de "cociñarse" mentres maceran co resto de ingredientes.

- Normalmente este prato sérvese como entrante, e pode (debe) prepararse con antelación. Mesmo ao día seguinte segue estando bo.

- A cantidade de tortillas que se poden servir dependerá, obviamente, da cantidade de cebiche que poñamos encima. A min deume para 6 tortillas bastante recheas, aínda que se podería estirar até 7 ou 8 sen problema.

Un prato que, sen dúbida, porá un toque de cor (e de sabor) na mesa.