mércores, 25 de xuño de 2014

Cake de laranxa e quefir

Hai pouco regaláronme o libro de cociña Cake, de Rachel Allen (Collins, 2012), e botando un ollo ás súas moitas receitas interesantes, atopei esta que me chamou bastante a atención: Orange sour-cream cake.

Trátase dun sinxelo biscoito de laranxa con cobertura de marmelada de laranxa, a cal evita que se seque rapidamente e fai que o sabor a laranxa sexa máis intenso.

A receita orixinal leva sour cream (nata agre), pero ante a imposibilidade de conseguila por aquí, decidín substituíla por quefir, que tamén ten un toque "sour", sobre todo se é caseiro, como no meu caso. Os biscoitos elaborados con sour cream son especialmente húmidos e teñen un lixeiro toque que lembra ao seu sabor. Neste caso, o quefir cumpre perfectamente esta función e tamén deixa o seu selo neste biscoito.

Non me vou a parar a falar do quefir, de todas as virtudes deste marabilloso leite fermentado, e de todos os beneficios que ten a súa inxesta habitual. Faría falla unha entrada enteira só dedicada a falar do quefir. Para o que aínda non o coñeza, hai infinidade de páxinas na rede dedicadas a este alimento.

Fai uns poucos anos, a única forma de tomar quefir era ter a enorme sorte de posuír un fungo de quefir (conseguido case sempre a través dalgún coñecido) e facer o leite quefirado na casa. Hoxe en día atópase en case calquera supermercado, na sección de refrixerados lácteos. Mesmo ás veces podémonos atopar con diferentes marcas e tipos de leite (vaca, ovella, cabra) coa que se fai.

Eu hai xa moitos anos que conseguín o meu e hai moitos anos que gozo dos beneficios da miña ración diaria de quefir. Eu sempre uso leite de vaca para facelo, e ese é o quefir que uso nesta receita.

Cake de laranxa e quefir

INGREDIENTES:
Para o cake:
- 200 g de manteiga en pomada
- 200 g de azucre
- 2 ovos grades, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- A reladura fina da pel dunha laranxa, non tratada químicamente
- 200 g de quefir
- 300 g de fariña de repostaría
- Un sobre de fermento sen aluminio (9 g)
- Un chisco de sal

Para o glaseado:
- O zume dunha laranxa
- 100 g de marmelada de laranxa

PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Nun bol bótase a manteiga e o azucre e bátese ata que teña unha consistencia lixeira e o azucre se disolva.

2- A continuación, sen deixar de bater, bótanse os ovos dun nun (non se botará o segundo ovo ata que o primeiro estea perfectamente integrado na masa).

3- A continuación, bótanse a reladura de laranxa e o quefir e séguese batendo.

4- Por último bótase a fariña no bol, xunto co sal e o fermento. Bátese todo ben até obter unha mestura homoxénea e sen grumos.

5- Bótase nun molde desmontable redondo previamente engraxado e enfariñado e métese no forno durante uns 45 minutos, ou ata que ao picalo no centro cun escarvadentes, este salga limpo.

6- Unha vez o cake está fóra do forno, prepárase o glaseado. Para iso bótase nun cazo o zume de laranxa xunto coa marmelada e lévase a ebulición removendo de cando en vez. Cando teña a consistencia desexada (nin moi líquida nin moi espesa), bótase por encima do biscoito aínda quente e xa desmoldeado.

PUNTUALIZACIÓNS:
- Se a laranxa non é caseira ou ecolóxica, é conveniente lavala ben baixo un chorro de auga quente, fregándoa mesmo con algún cepillo para limparlle calquera resto de cera, polietileno ou goma laca, produtos cos que adoitan "encerar" as laranxas antes de levalas ás tendas.

- Coa calor do forno, as bacterias beneficiosas do quefir morren e xa deixa de ter ese efecto beneficioso. Neste biscoito o que fai é achegar sabor e textura, do mesmo xeito que faría a sour cream na receita orixinal.

- A sour cream pódese substituír tamén por nata cunhas pingas de zume de limón, aínda que o resultado, obviamente, non será o mesmo.

- Ao preparar o glaseado hai que ter en conta que ao arrefriar espesará, co que non se debe esperar a que estea espeso xa no cazo, porque ao arrefriarse porase demasiado duro. Se se nos arrefría o glaseado antes de botalo por encima do biscoito, pódese volver quentar lixeiramente no lume para que se solte.

Un biscoito delicioso, cun intenso sabor a laranxa. Yummy!!